Galicia: o último gran refuxio da toupa de río, unha especie en perigo crítico

O investigador da UDC Alejandro Martínez reclama o carácter galego dunha especie que só sortea o declive en ríos da comunidade autónoma

A toupa de río é unha especie endémica da Península Ibérica moi curiosa: sabías que é a única especie viva do xénero Galemys? E que a rexión onde mellor está distribuída é en Galicia? En maio, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) declarou o Galemys pyrenaicus “en situación crítica”, unha categoría das especies en perigo de extinción, debido a un declive moi acentuado da poboación nos últimos 30 anos no Sistema Central. Porén, segundo o doutor en Bioloxía da Universidade da Coruña (UDC) Alejandro Martínez Abraín, esta redución refírese principalmente a zonas subóptimas onde habita a especie: “Non hai probas de que en Galicia esta especie sufrise semellante declive”.

O grupo de investigación en Bioloxía Evolutiva da UDC (GIBE) centra os seus esforzos en estudar esta especie, clasificada como vulnerable no Catálogo galego de especies ameazadas. Mediante a exploración de ríos do macizo de Curtis, os investigadores están a localizar exemplares en diversos cursos de auga. A súa presenza evidencia un “estatus de ocupación bastante bo” da especie en Galicia, subliña Martínez Abraín. A mensaxe do biólogo é clara: “A toupa de río é nosa”.

Por iso, as institucións galegas teñen unha gran responsabilidade na conservación do Galemys pyrenaicus, para evitar que desapareza como outras tres especies do xénero, coñecidas só como fósiles. “Aquí é só vulnerable, polo que é onde se deben centrar as actuacións”, sinala o investigador.

A nivel nacional, unha das medidas propostas é a cría en cautividade, co obxectivo de aumentar a poboación e reintroducir exemplares no seu hábitat natural. Con todo, Martínez Abraín advirte que esta opción pode non ser efectiva, ao contrario doutras especies como o lince ibérico: “A cría en cautividade non funciona en todas especies”, e no caso do Galemys podería non dar resultado debido á súa elevada sensibilidade e que o medio receptor nos cumios de montaña non teñen as condicións adecuadas para a especie.

Publicidade

Unha confusión desafortunada do seu nome

Este mamífero, que en palabras de Félix Rodríguez de la Fuente era unha mestura de elefante, castor e batracio, ten un nome latino que fai referencia aos Pirineos. “Ese nome é un accidente, como ocorre moitas veces coa descrición das especies”, explica Alejandro Martínez Abraín. De feito, o Galemys pyrenaicus foi descrito por primeira vez nesta cadea montañosa en 1811 polo francés E. Geoffroy Saint-Hilaire.

A asociación coa súa primeira descrición levou a que se construíse a imaxe da toupa de río como un animal que prefire ríos de grande altura. En 1863 foi citada por primeira vez en Galicia no libro Fauna Mastológica de Galicia, de Víctor López Seoane. A Sociedade para a Conservación dos Mamíferos de España (SECEM) chegou incluso a cambiar o seu nome común, de “desmán dos Pirineos” a “desmán ibérico”. Non obstante, os nomes latinos son máis difíciles de modificar, polo que a confusión segue presente.

O investigador da UDC sinala que, de feito, os lugares nos que esta especie está a desaparecer son os rangos montañosos máis altos, como os Pirineos, a serra de Gredos ou a serra de Guadarrama. Aínda existen poboacións en Galicia, pero son unhas poboacións ás que non se lles dá a repercusión que realmente merecen.

Presenza nun pequeno río coruñés

O equipo de Alejandro Martínez na Coruña leva aproximadamente cinco anos estudando a toupa de río na contorna do río Mero, un pequeno curso de auga que desemboca na ría do Burgo e ten un percorrido de preto de 40 quilómetros.

“Atopamos a especie en todo o tramo alto do río”, asegura Martínez. Aínda que é difícil coñecer o tamaño exacto da poboación, debido aos seus hábitos nocturnos, estes animais viven nunha paisaxe moi humanizada neste enclave. No río Ulla tamén se fixeron estudos que revelaron unha boa distribución da especie.

Sector do río Mero onde se atopa unha das estacións de muestreo de excrementos de 'Galemys'. O cartel verde é un aviso de material científico da UDC. Foto: Alejandro Martínez Abraín
Sector do río Mero onde se atopa unha das estacións de muestreo de excrementos de ‘Galemys’. O cartel verde é un aviso de material científico da UDC. Foto: Alejandro Martínez Abraín

Pero como se detecta a súa presenza? As mostras realízanse mediante letrinas artificiais que o Galemys emprega para marcar o territorio. Estas consisten nunha bóveda de goma situada na auga cunha pedra debaixo, onde o animal realiza as súas necesidades. “A partir de análises xenéticas, determinamos que se trata desta especie”, explica Martínez, que emprega este método non invasivo para estudar a dieta e a distribución do animal.

O resultado deste traballo é un monitoreo anual da especie, financiado pola Cátedra UDC-Emalcsa e que conta coa colaboración consultora viguesa ARCEA no campo, que inclúe visitas ao río Mero durante o verán para comprobar se a poboación aumenta ou diminúe ao longo do tempo.

Cales son os principais problemas para a toupa de río?

No século XIX, cando se describiu por primeira vez ao Galemys pyrenaicus, a península aínda se atopaba inmersa na Pequena Idade de Xeo, un período de catrocentos anos de frío e chuvias. Nese contexto, a toupa de río desprazouse a zonas máis altas e abruptas das montañas.

Con todo, segundo Alejandro Martínez Abraín, o refuxio climático da especie durante períodos de pouca precipitación, como o que estamos a vivir en pleno 2025, sitúase no noroeste ibérico. “A súa distribución correspóndese máis ou menos coa área da antiga Gallaecia romana, incluíndo o norte de Portugal”, explica.

Actualmente, a toupa de río ten tres grandes requisitos ecolóxicos: por unha banda, que os cauces conserven a auga durante todo o ano; por outra, a calidade da auga. Outro factor sería a pendente do río, que debe ser elevada, entre o 5 e o 10%, para que se formen rápidos que empurren ás toupas cara ao fondo, permitindo que se alimenten correctamente. Aínda que este é un factor que non se pode xestionar, serve para determinar onde os investigadores poden traballar. “Non van estar presentes en ríos con augas moi limpas, pero sen pendente”, subliña o biólogo.

Como manter as poboacións de toupa de río en Galicia

Alejandro Martínez considera que a situación actual da toupa de río sería como a do lince ibérico en Andalucía. A comparación é sinxela: Galicia funciona hoxe como un refuxio crucial para o Galemys pyrenaicus, do mesmo modo que Andalucía o foi para o lince, conservando as últimas poboacións viables dende as que se iniciou a súa recuperación.

Para avanzar na conservación da especie, o investigador defende que o Ministerio debería apoiar economicamente iniciativas específicas en Galicia. Pola súa banda, a Xunta debería garantir o estudo das concas onde vive a toupa de río e asegurar que a franxa de dominio público hidráulico non estea ocupada por eucaliptos: “Son máquinas de secar”, advirte. A isto súmase outras prohibicións imprescindibles, como evitar as tomas ilegais de auga.

Na práctica, actualmente non existe ningunha medida de protección específica para a toupa de río en Galicia, xa que a súa catalogación como especie vulnerable esixe menos actuacións formais ao goberno galego ca un estado de perigo de extinción. Con todo, a conservación dende Galicia é fundamental.

Así, Alejandro Martínez Abraín lanza un chamamento á conservación nas zonas máis óptimas para esta especie endémica, concretamente en Galicia, cun enfoque centrado en preservar as poboacións naturais sen recorrer á cría en cautividade, e garantindo as condicións ambientais que favorezan a súa supervivencia.

1 comentario

  1. La foto no es “wikimedia commons”. Es una foto de uno de los miembros de nuestro equipo realizada en Navarra en 2016. Y el contenido del artículo es erróneo e interesado. La situación de los ríos gallegos y su fauna, desmán incluido, es lamentable. Y el declive generalizado de las poblaciones de desmán en Galicia es similar al del resto de territorios donde la especie está presente. Galicia es singular, no me cabe duda, pero no en este aspecto. Las consideraciones del “experto” que citais no le hacen favor alguno al desmán.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O carrusel de borrascas traerá ata 200 litros de auga a Galicia nunha semana

As precipitacións serán persistentes, con alertas amarelas marcadas por MeteoGalicia por chuvia intensa e vento forte en boa parte da comunidade

Descubertas en Vigo as primeiras ouriceiras fósiles de Galicia

As marcas, gravadas en granito na praia da Calzoa, eran escavadas polos ourizos de mar para refuxiarse dos temporais e evitar aos depredadores

A imparable expansión da covid das plantas: así se propagou ‘Xylella’ no norte de Portugal

A perigosa bacteria detectouse por primeira vez en Vila Nova de Gaia nunha planta de lavanda francesa en 2019

A perigosa bacteria que ataca os vexetais, ás portas de Galicia: “Non estamos preparados”

A 'Xylella fastidiosa' identificouse en case 600 especies e pode causar enfermidades graves e morte en oliveiras, cítricos, vides, froiteiras de óso e plantas ornamentais