Un exemplar novo de lince. Fonte: Centro de cría do lince ibérico.
Un exemplar novo de lince. Fonte: Centro de cría do lince ibérico.

A recuperación do lince acada un fito: máis de 1.000 individuos censados

O censo de 2020 consolida a expansión do felino, que chegou a ser un dos máis ameazados do mundo, e do que xa constan incursións en Galicia

O censo do lince ibérico (Lynx pardinus), publicado a semana pasada, achega novos datos que constatan a recuperación da especie, que a finais do século XX chegou a estar ao bordo da extinción. O ano pasado acadáronse os 1.111 exemplares censados en España e Portugal, consolidando tamén a expansión cara a Extremadura, Castilla-La Mancha e o país luso desde Andalucía, onde estivo un dos seus últimos redutos cando a situación era crítica. A cifra constitúe o máximo numérico rexistrado desde que existen programas de seguimento da especie e supón un aumento moi significativo, e un número que multiplica por máis de 10 os datos de 2002, cando se contabilizaron menos de 100 exemplares.

O grupo de traballo do lince ibérico, conformado polas administracións ambientais competentes dos dous países da península, compilou os datos de seguimento de 2020 no informe difundido a semana pasada, e constata que o pasado ano foi moi bo para a evolución poboacional da especie, cun incremento do 30% respecto ao censo de 2019. Esta curva demográfica abre unha xanela ao optimismo e debuxa escenarios que afastan ao gran felino ibérico do risco crítico de desaparición. Con todo, os expertos piden prudencia e insisten na necesidade de manter os esforzos e os programas en marcha, dado que a especie non está fóra de perigo e segue legalmente considerada en perigo de extinción no Catálogo Español de Especies Ameazadas. Un dos retos por diante é o da conectividad entre as distintas poboacións, para o cal a Comisión Europea aprobou o pasado ano un proxecto de investigación co obxectivo de analizar en detalle a diversidade xenética das poboacións da especie.

A gran maioría dos exemplares (87,5%) distribúense en distintas zonas do cuadrante suroccidental de España, especialmente nos cinco núcleos de Andalucía, que acollen a máis da metade da poboación española, seguidos de Castilla-La Mancha –cun terzo dos linces– e Extremadura, con 141 exemplares.

En Portugal habitan 140 linces na área do Val do Guadiana. En total existen 14 núcleos con presenza estable de linces en toda a Península Ibérica, sendo os máis importantes os localizados na contorna de Sierra Morena –con 603 linces–, os Montes de Toledo (145), o Val do Guadiana (140) e a área de Matachel en Extremadura (131).

Esta expansión xa permite que algún dos exemplares censados realice desprazamentos cara ao norte da península ibérica, chegando mesmo ata Galicia. É o caso de Kentaro, un lince criado en catividade e liberado nos Montes de Toledo en decembro de 2014. Despois dunha excursión de máis de 3.000 km, o sinal do seu colar situouno na provincia de Ourense. Posteriormente apareceu morto nunha autovía en Maia, ás aforas do Porto, en Portugal, por mor dun atropelo.

A viaxe de Kentaro, o lince que correu 3.000 kms ata Galicia

Reprodución

O censo de 2020 contabilizou 414 nacementos de 239 femias reprodutoras. A produtividade global, entendida como o número de cachorros nados por femia reprodutora ou territorial, foi de 1,7. Todos os parámetros poboacionais principais considerados (número total de linces, número de femias reprodutoras e número de cachorros nados) mostran unha tendencia positiva desde o inicio dos programas coordinados de actuación en 2002.

Ademais do conxunto de actuacións de xestión do hábitat e de protección dos linces fronte a ameazas existentes no medio natural, o programa de conservación ex situ do lince ibérico está a ser esencial para alcanzar estas cifras positivas. Este programa, que engloba os traballos de cría en catividade e a reintroducción de exemplares, é froito das actuacións coordinadas no marco do Memorando de Entendemento para a aplicación da Estratexia de Conservación do Lince ibérico en España, subscrito entre o Ministerio de Transición Ecolóxica do Goberno español e as comunidades autónomas de Andalucía, Castilla-La Mancha e Extremadura. Portugal tamén participa activamente neste programa.

Desde que en 2011 comezasen as primeiras soltas de linces ao medio natural de individuos nados en catividade, e ata o 2021, reintroducíronse 305 exemplares, o que supera as previsións e expectativas iniciais. Igualmente importante é que a supervivencia e aclimatación observada dos exemplares reintroducidos en todas as áreas de liberación seleccionadas é elevada.


Podes consultar o censo do lince ibérico nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.