Estas son as cinco especies animais xa extintas en Galicia

A Consellería de Medio Ambiente identifica cinco animais sen rexistros recentes na comunidade, malia figurar nos catálogos oficiais

A pita do monte (Tetrao urogallus) considérase extinguida en Galicia dende 2005, cando se observaron os últimos cantadeiros na serra dos Ancares. Como esta, son moitas as especies que desaparecen do territorio para sempre. Para lembrar á fauna afectada, que está ou podería estar extinta a nivel local na comunidade, a Consellería de Medio Ambiente recolle un total de cinco animais vertebrados na mesma situación que a pita do monte.

No Catálogo Galego de Especies Ameazadas aínda poden figurar referencias sobre estas especies, pero na actualidade non se dispón de información recente sobre súa presencia. Con todo, para descartar que queden individuos no medio natural fanse necesarias prospeccións realizadas en períodos de tempo apropiados ao ciclo e formas de vida da especie, tal e como sinala a Consellería na páxina web.

Publicidade

A continuación, presentamos unha listaxe das cinco especies mencionadas pola Consellería.

Lince ibérico (Lynx pardinus)

O lince ibérico é unha especie que desapareceu de Galicia, malia que nunca foi abundante. Os últimos rexistros limítanse ao leste e sur da provincia de Ourense. Con todo, a súa poboación medrou nun 19% en 2024, cun censo total que alcanza os 2.401 individuos, segundo informaba o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico en maio de 2025.

Publicidade

Esta expansión polo territorio, sobre todo en Portugal, Extremadura e Castilla-La Mancha, permite que algúns dos exemplares realicen desprazamentos cara ao norte da península, chegando mesmo a Galicia. Foi o caso de Kentaro, un lince criado en catividade e liberado nos Montes de Toledo en decembro de 2014. Despois de percorrer máis de 3.000 km, o sinal do seu colar situouno na provincia de Ourense.

Gaivina negra (Chlidonias niger)

Esta especie, tamén coñecida como carrán mouro, é unha especie de ave moi escasa como reprodutora en España, cunha diminución determinante nos últimos anos, pero abundante nos pasos migratorios. Segundo informan dende Medio Ambiente, en Galicia existiu unha poboación nidificante na lagoa de Antela (Ourense), pero a destrución do hábitat e as molestias ocasionadas durante a época de cría levaron á súa desaparición. Con todo, aínda aparecen de forma puntual algúns exemplares errantes, pero polo momento non se asentaron na comunidade.

Exemplares de gaivina negra en Grecia. Foto: Wikimedia Commons
Exemplares de gaivina negra en Grecia. Foto: Wikimedia Commons

Pita do monte cantábrica (Tetrao urogallus cantabricus)

Tradicionalmente, a pita do monte nidificaba nos Ancares, de onde podería ter desaparecido. En 2019, no concello leonés de Candín, lindeiro co lucense Cervantes, un grupo de persoas foron quen de avistar unha femia de pita do monte. Con todo, oficialmente, os últimos rexistros de Tetrao urogallus cantabricus datan, segundo as fontes, do ano 2003, segundo o informe do Comité Avifaunístico da Sociedade Galega de Ornitoloxía.

A transformación e fragmentación do seu hábitat, sumada ás consecuencias do cambio climático e o furtivismo, convértense nas súas principais ameazas. De feito, o ecólogo Ignacio Munilla, que foi profesor na Universidade de Vigo, investigador Ramón y Cajal na USC e coautor do Plan de Conservación da poboación galega desta ave, apuntaba nunha entrevista con GCiencia á caza ilegal como principal causa da súa extinción en Galicia. 

A pita do monte está oficialmente extinguida en Galicia dende o ano 2005.
A pita do monte está oficialmente extinguida en Galicia dende o ano 2005.

Esturión (Acipenser sturio)

Durante a segunda metade do século XX, o esturión desapareceu de Galicia, ao igual que en gran parte de España. Así, tratouse dunha extinción en período histórico, xa que actualmente está desaparecida a poboación que previamente poboou o río Miño no que era tan abundante que a súa carne se chegou a utilizar como fertilizante e os seus ovos como alimento para porcos.

Un xornal do ano 1963 sinalaba que nas augas do Miño podían pescarse esturións de 300 quilos de peso. Con todo, a alteración do seu hábitat por medio da regulación dos álveos, a diminución dos caudais, a construción de presas, a contaminación e a extracción de áridos nas zonas de freza foron as principais causas da súa extinción, ademais das capturas accidentais e a pesca de individuos para a extracción dos ovos.

Esturión. Fonte: Bibliothèque nationale de France.
Esturión. Fonte: Bibliothèque nationale de France.

Cabra montesa galega (Capra pyrenaica lusitanica)

Un dos últimos exemplares vivos de cabra montesa galego-portuguesa, na serra do Xurés. Fonte: Hemeroteca Dixital da Cámara Municipal de Lisboa.
Un dos últimos exemplares vivos de cabra montesa galego-portuguesa, na serra do Xurés. Fonte: Hemeroteca Dixital da Cámara Municipal de Lisboa.

Esta subespecie de cabra montesa autóctona desapareceu na segunda metade do século XIX, ata que os últimos exemplares se rexistraron en Portugal entre 1890 e 1892. A tamén coñecida como cabra do Xurés desapareceu, en parte, pola destrución e perda do seu hábitat e á caza indiscriminada.

Segundo sinala a Consellería de Medio Ambiente, na actualidade está en marcha un plan de reintrodución dunha especie semellante á cabra montesa galega, coñecida cientificamente como Capra pyrenaica victoriae. Así, os exemplares empregados para a cría en catividade e a súa posterior reintrodución proceden da Serra de Gredos, e xa poden verse individuos en liberdade nos parques naturais da Baixa Limia-Serra do Xurés e Montes do Invernadoiro.

5 COMENTÁRIOS

  1. As extintas xa van alá, R.I.P., o problema está nas que están a piques de desaparecer, e ás que a responsable (pagada cada mes cos meus cartos e cos teus) Ángeles Vázquez Mejuto nin sabe delas, nin ve o interese de que existan, nin lle interesa. Son uns inútiles e ademais ignorantes e prepotentes. O que interesan é o das portas xiratorias e temos precedentes, velaí Carlos del Álamo ou Isabel Tocino ou… Ängeles ou Rueda van polo mesmo camiño. Fauna que desaparece? Bah, o campo está cheo de bichos!!

  2. Penso que nesa lista debía de aparecer o arao dos cons (Uria aalge) que nidificaba nos cantís galegos ata os 90.

  3. Co do lince ibérico pasástesvos máis que os francese cos ingleses no canal da mancha!

    O Lynx Pardinus nunca foi unha especie de lince común no norte peninsular cantábrico ou no noroeste atlántico.
    Si o foi o lince eurosatiático (Lynx Lynx), o cal é a especie de lince máis grande do mundo e que en Galiza coñecíase co jome de lobo cerval ou cerveiro!
    O último exemplar vivo foi visto e abatido nos anos 70 no montes galegos.

  4. Era está a especie de Lince que había no noroeste da península ? Ou era outra subespecie ? Ero o quilo e chamaban lobo cerval ?

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Historia dunha extinción: cando a caza sen límites acabou coa cabra montesa galega

Tras a perda da capra pyrenaica lusitanica a finais do século XIX, outra subespecie, a victoriae, foi introducida pola súa similitude

Estamos a tempo de salvar o salmón atlántico da extinción?

Esta especie de salmónido enfronta unha drástica diminución das súas poboacións debido á sobrepesca, a contaminación e a perda de hábitat, mais aínda existen medidas de conservación que poden asegurar o seu futuro

Polémica científica: e se as cinco extincións masivas non foron como pensamos?

Os expertos investigan se eventos coma o do final do Pérmico foron realmente puntos de inflexión ou crises temporais

Do paraíso natural á extinción local: cando se perderon todos os esturións do río Miño

Seis décadas despois da desaparición dos sollos en Galicia, as administracións continúan sen aplicar un plan para recuperar a especie