Avatares para non perder a escola: unha iniciativa galega contra o illamento do alumnado hospitalizado

A USC impulsa a pilotaxe dun proxecto pioneiro que favorece a inclusión educativa das persoas hospitalizadas a través de sistemas de telepresenza

Para reducir o illamento do alumnado que por motivos de saúde se ve obrigado a permanecer afastado do centro educativo, o grupo de Tecnoloxía Educativa da USC (TECNOEDUC) vén de asinar un convenio coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a través do CIEDIX, para a posta en marcha dun estudo piloto na Aula Hospitalaria do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS).

O proxecto AVATARES ten como obxecto avaliar o uso de sistemas de telepresenza, en particular avatares robóticos, nos centros educativos co fin de reforzar o sentimento de pertenza, evitar o illamento social e manter o vínculo escolar do alumnado con enfermidades crónicas ou con ausencias prolongadas. Esta iniciativa pioneira parte do traballo previo de TECNOEDUC, que desenvolveu unha metodoloxía pedagóxica para a integración dos avatares como recurso para a inclusión do alumnado, facilitando a súa posterior reincorporación ao centro educativo.

Publicidade

No marco do convenio asinado, profesionais do CIEDIX colaborarán no desenvolvemento do estudo piloto facilitando a súa implementación nos centros educativos e incorporándose ao equipo de investigación que leve a cabo a pilotaxe.

Colaboración con No Isolation

A experiencia piloto consistirá no uso de sistemas de telepresenza por parte de alumnado de educación primaria hospitalizado no CHUS e incorporado á súa Aula Hospitalaria. Estes sistemas implantaranse nas aulas ordinarias do alumnado participante, permitindo a asistencia remota ás actividades lectivas mediante un dispositivo electrónico. A conexión establecerase en modo bidireccional, de forma que so se emitirá sinal de audio desde a aula hospitalaria, e o alumno ou alumna poderá visualizar e comunicarse por audio co profesorado e cos seus compañeiros e compañeiras de aula.

Publicidade

O desenvolvemento do proxecto conta ademais coa colaboración da empresa tecnolóxica de base universitaria No Isolation, desenvolvedora dos sistemas de telepresenza AV1 que se empregarán durante o estudo piloto.

Investigación e transferencia

AVATARES constitúe unha iniciativa estratéxica de transferencia de coñecemento ao sistema educativo e foi impulsado pola Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC, no marco do Programa de Estímulos Transferencia en Ciencias Sociais, Humanas, Xurídicas e Artísticas. O proxecto de transferencia obtido por TECNOEDUC no programa permitiu estruturar a metodoloxía AVATARES como unha proposta madura, transferible e aliñada coas necesidades reais do sistema educativo.

Foto de grupo do acto de sinatura do convenio para a experiencia piloto en Galicia. Foto: Xunta de Galicia
Foto de grupo do acto de sinatura do convenio para a experiencia piloto en Galicia. Foto: Xunta de Galicia

A iniciativa permitirá non só aplicar a metodoloxía AVATARES en contextos reais, “senón tamén recoller evidencias científicas sólidas sobre o seu impacto no benestar emocional do alumnado, a súa integración social e a súa aceptación por parte do profesorado e da comunidade educativa”, explica a profesora da USC Carmen Fernández Morante, responsable do proxecto.

Proxección estatal

Á pilotaxe que se desenvolverá en Galicia súmanse outros acordos impulsados por TECNOEDUC en distintas comunidades autónomas, como  a Comunitat Valenciana, e outras que xa manifestaron o seu interese na pilotaxe, como Estremadura, Madrid e Canarias.

Esta expansión reforza o carácter pioneiro do proxecto AVATARES como unha proposta innovadora e baseada en evidencia científica, chamada a converterse nunha referencia para as políticas de inclusión educativa, e sitúa a TECNOEDUC e á USC como axentes clave na transferencia de coñecemento ao servizo do sistema educativo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de Santiago publica un estudo pioneiro para tratar unha complicación da enfermidade de Crohn

O ensaio clínico realizado polo IDIS e o CHUS avalía un innovador fármaco oral que amosa resultados preliminares positivos

Como de sostible é o teu concello segundo os obxectivos para 2030? Compróbao neste mapa interactivo

A UVigo desenvolve unha plataforma aberta que avalía o grao de cumprimento dos 17 ODS a partir de 69 indicadores

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

Unha tese identifica unha Escola Galega de Percusión con ritmos e técnicas propias

A investigación de Cristian Silva Bóveda na USC recupera a historia dos intérpretes relegados e descifra os patróns de gravacións do século XX