Como previr o illamento nas aulas dos nenos con enfermidades graves e/ou crónicas? A solución podería estar no uso dun robot. Polo menos, esa é a proposta do proxecto ABILITI (Avatar Based Interaction and Learning In Times of Illness), ideado por un consorcio internacional no que participa a Universidade de Santiago de Compostela (USC). Os investigadores participantes están a probar un robot físico que lle permita ao alumnado con enfermidades crónicas ou de longa duración participar na clase ou nas actividades extraescolares. O cativo non tería que estar fisicamente na aula, senón que podería controlar o robot a través dunha aplicación instalada nunha tableta.
Iso vaille permitir ao alumno en cuestión manter a comunicación e a interacción dentro da aula. “Favorécese así a súa vinculación ao contexto e comunidade educativa nos períodos de hospitalización ou convalecencia no fogar”, apuntan dende o grupo de Investigación de Tecnoloxía Educativa (TECNOEDUC) da USC, dirixido pola profesora Beatriz Cebreiro. A coordinación do proxecto dende España corre a cargo das profesoras Carmen Fernández Morante e Lorena Casal Otero.
Reforzar a vinculación ao grupo
O proxecto, coordinado pola universidade austríaca de Klagenfurt, estuda en que medida o emprego dun robot social reforza o sentido de pertenza e vinculación ao grupo e á comunidade educativa de referencia. Para iso, realízase unha análise das experiencias previas existentes a nivel internacional coa vontade de desenvolver unha metodoloxía educativa que permita a súa introdución nas escolas europeas. Ao longo desta semana, desenvolveuse na Facultade de Ciencias da Educación da USC a primeira xuntanza presencial do consorcio na que tamén interveu o vicerreitor de Política científica da USC, Vicente Pérez Muñuzuri. O consorcio do proxecto está integrado por institucións de Austria, Dinamarca, España, Estonia e Bélxica.
O alumno controlaría o robot dende a casa, a través dunha aplicación instalada na tableta
O equipo da USC colabora estreitamente coa Federación Española de Pais de Nenos con Cancro e, regularmente, coa aula hospitalaria do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela (CHUS). “Para o desenvolvemento do piloto, en España establecerase unha colaboración formal con ambas as entidades e se é posible ampliarase a outras comunidades autónomas”, explica Carmen Fernández Morante. A participación dos nenoss e as súas familias é voluntaria e establecerase a través de sistemas de telepresenza, correos electrónicos e outros formatos dixitais.
Formar o profesorado
O obxectivo do proxecto ABILITI é mellorar a competencia dos actuais e futuros profesionais do ensino para previr o illamento social do alumnado que padece enfermidades crónicas, para mellorar a súa inclusión nas actividades da aula e a interacción social cos seus compañeiros, e fomentar o seu sentido de pertenza á súa escola e á súa clase mentres non poidan asistir ás clases presenciais. De feito, o equipo está a traballar nun informe de investigación que se elaborará a partir dunha pequena enquisa internacional sobre o uso de sistemas de telepresencia nas escolas dos países participantes.
Doutra banda, crearase o Manual do profesor/a, material dirixido aos profesionais da docencia, baseado en revisións de investigacións, entrevistas con profesionais e nos coñecementos adquiridos na pilotaxe dos resultados do proxecto. Proporcionará aos docentes información básica sobre os aspectos socioemocionais do ensino a nenos/as enfermos/as e información sobre os sistemas de telepresenza existentes e as súas posibilidades e aplicacións. Incluirá recomendacións prácticas sobre métodos e ferramentas para a xestión do proceso educativo e a súa extensión aos contextos hospitalario e do fogar.
O proxecto tamén ten como obxectivo mellorar a interacción social na escola
O proxecto tamén impulsará un programa de formación do profesorado para os futuros docentes e profesorado en activo. Os tres módulos que o integrarán abarcan coñecementos psicolóxicos e pedagóxicos, orientación metodolóxica e técnica sobre o uso dos sistemas de telepresenza, así como recomendacións para a planificación das clases e a xestión da aula. E, finalmente, a creación de A caixa de ferramentas de avaliación permitirá ao profesorado avaliar o impacto de sistemas de telepresenza na integración dos alumnos/as nas súas aulas e centros, e valorar ata que punto se logrou manter o sentido de pertenza e vinculación ao grupo de aula e comunidade educativa de referencia.
Experiencias previas
O proxecto ABILITI é o terceiro proxecto europeo competitivo realizado por TECNOEDUC no ámbito da aplicación da Tecnoloxía Educativa á pedagoxía hospitalaria. Co proxecto e-hospital (2005-2008) a USC xunto co seu socio tecnolóxico CESGA desenvolveron un sistema de e-learning pioneiro para pacientes adultos hospitalizados. Co proxecto ‘Create your Future’ (2014-2017) TECNOEDUC liderou unha investigación pioneira sobre a experiencia educativa de mozos sobreviventes de cancro infantil e formulou propostas para mellorar as súas posibilidades de inserción laboral. Con ABILITI (2021-2024) probará e fundamentará o uso dunha tecnoloxía emerxente que podería mellorar a atención educativa e reducir o illamento do alumnado que padece enfermidades nas escolas europeas.














