Un estudo da USC constata efectos respiratorios persistentes cinco anos despois da erupción da Palma

A investigación incluíu máis de 600 participantes e comparou a evolución de poboación exposta e non exposta dentro da illa

Cinco anos despois da erupción do Volcán Tajogaite da Illa da Palma, un equipo de investigación liderado polo profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Alberto Ruano Raviña constata que por primeira vez hai aparición de nova patoloxía respiratoria nalgunhas persoas, non reversible. Nos nenos e nenas expostos hai máis persistencia de sintomatoloxía, que aumenta se teñen outras exposicións previas como, por exemplo, ao fume de tabaco de segunda man. No estudo tamén participou de xeito moi relevante a profesora Cristina Candal Pedreira, do mesmo grupo.

Estas conclusións forman parte do proxecto ASHES (acrónimo de cinzas en inglés, Analysis of Exposure and Respiratory Health Effects of Volcanic Eruption in the Canary Islands), que analizou a exposición e os efectos na saúde respiratoria derivados da erupción volcánica en Canarias. Os resultados presentáronse este martes no Hospital Universitario de La Palma nunha rolda de prensa na que ademais dos investigadores principais participaron o presidente de Sociedade Española de Neumoloxía e Cirurxía Torácica (SEPAR), David de La Rosa, e outros investigadores desta sociedade científica que financiou a investigación con 300.000 euros.

Publicidade

O estudo formulouse e deseñouse inmediatamente despois da erupción e é o máis ambicioso sobre o efecto dunha erupción volcánica na saúde respiratoria a nivel internacional. Ao longo dun seguimento de cinco anos, o equipo incluíu máis de 600 participantes e comparou a evolución de poboación exposta e non exposta dentro da illa, con grupos específicos de poboación adulta, poboación pediátrica de seis a 18 anos, persoas con enfermidade respiratoria previa e persoas altamente expostas con acceso permitido á zona de exclusión. Ademais, a todas as persoas participantes se lles fixeron probas completas da función respiratoria, escalas de calidade de vida e se lles tomaron mostras biolóxicas.

Os impactos

Entre as conclusións detalladas en rolda de prensa, o proxecto asociou a exposición á erupción con ata tres veces máis probabilidade de presentar tose e co dobre de alteracións compatibles cun patrón obstrutivo pulmonar na poboación máis exposta. Nunha análise con 474 participantes, o equipo observou un incremento relevante de sintomatoloxía durante a erupción, con persistencia posterior e un patrón dose-resposta, de forma que, a maior exposición, maior sintomatoloxía. En poboación pediátrica, con 188 nenos e nenas incluídos nun dos estudos, tamén se identificou máis sintomatoloxía nos menores más expostos e maior vulnerabilidade en quen convivían con fume de segunda man ou presentaban condición respiratorias previas.

Publicidade

Tal e como concluíu o profesor Ruano, membro do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS), os resultados mostran “unha relación entre a exposición prolongada á erupción e a presenza de síntomas respiratorios, con afectación clara na función pulmonar dos grupos máis expostos”.

O estudo continúa

A investigación aínda non está pechada e o seguimento dos participantes continúa, pero o equipo investigador observou xa tamén un impacto importante no consumo de recursos sanitarios, incluíndo consultas a urxencias e maior consumo de ansiolíticos, particularmente nas mulleres. Púxose tamén de manifesto un aumento nos niveis de interleukinas inflamatorias.

Enmarcado no grupo ESPASS, Grupo de Referencia Competitiva da Xunta de Galicia liderado polo profesor Ruano e localizado na Facultade de Medicina da USC, o estudo derivou na publicación de oito artigos científicos en revistas internacionais, comunicacións en congresos nacionais e internacionais e varios premios, entre eles ao mellor artigo científico en 2025 da Sociedade Española de Epidemioloxía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos