Historia dunha extinción: cando a caza sen límites acabou coa cabra montesa galega

Tras a perda da Capra pyrenaica lusitanica a finais do século XIX, outra subespecie, a victoriae, foi introducida pola súa similitude

A historia está chea de grandes extincións. Vinculados a meteoritos, cambios globais de temperatura, a selección natural… Na historia moderna, con todo, un ser bípede con capacidade para ter moita cabeza pero co defecto de utilizala só ás veces é o causante de todas. E parece que nos temos que ir lonxe: os dodós, esas criaturas cun rostro que parece sacado dunha película de animación, ou o tigre de Tasmania que, a pesar de ser endémico dunha illa ao sur de Australia, non puido escapar dun mundo que se preparaba para unha inminente segunda gran guerra. Pois nada máis lonxe da realidade, porque cada ano desaparecen decenas de especies. E, en Galicia, unha das especies que xamais volveremos a ter é a Capra pyrenaica lusitanica, unha subespecie autóctona de cabra montesa.

Este subgrupo de cabra montesa xa era raro de ver na segunda metade do século XIX, ata que os últimos exemplares se rexistraron en Portugal entre 1890 e 1892. En 1890, unha fotografía captura un individuo con vida no Val de Albergaría, a un quilómetro e medio de Portela de Home. Posteriormente, foi trasladado ao Zoolóxico de Lisboa, onde morreu pouco despois. Concretamente, no Xurés-Gerês, en 1892, cando morreu unha femia vella e se avistaron outros dous exemplares.

Publicidade

O seu declive, como en tantos outros casos, débese á intensa actividade cinexética, apunta Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). Non é o único caso na comunidade. Por exemplo, a pesca intensiva do esturión, un peixe habitual nos ríos galegos, levouno á súa extinción local.

Efecto cascada

A chamada cabra do Xurés caracterízase por ter unha pelaxe de verán avermellada, con zonas negras no corpo e as patas pouco extensas. A súa descrición foi realizada polo profesor Ángel Cabrera, en 1911, nun documento denominado “The subspecies of the Spanish Index”. Cunha altura na cruz de máis de 70 centímetros e cornos relativamente pequenos, os sucesos azarosos só axudaron un pouco a súa extinción, xa cando a presenza da especie estaba moi debilitada pola caza, segundo destaca González.

Publicidade

Que se perda unha peza do ecosistema sempre ten un efecto en cascada“, explica o activista. Isto é, por exemplo, o caso de depredadores que utilizaban de comida pero tamén a súa influencia na vexetación. Un ciclo equilibrado que a perda dunha especie pode romper. “Non sabemos a magnitude do que podería representar, pero podería ser moi importante”, afirma González. A presenza dunha subespecie implica que hai unha variabilidade xenética, asegura, que está máis adaptada ás condicións particulares de onde vai vivir. Neste caso, na zona do Xurés.

Introdución dunha subespecie similar

Capra pyrenaica victoriae, a especie reintroducida en Galicia

O Homo sapiens sapiens tamén ten, ás veces, ideas para remendar os danos que fai. Por iso, a repoboación da zona cunha subespecie de cabra bastante similar, é unha boa alternativa, asegura o presidente da SGHN. Nos anos 90, decidiuse desta forma traela en camións e ata desprazalas en helicópteros para que puidesen reproducirse e manterse de forma natural na zona. Utilizan, concretamente, a Capra pyrenaica victoriae, que provén das serras do centro da península ibérica, como é o caso da Serra de Gredos. Galicia non foi a única: Asturias e Cantabria tamén o fixeron.

“Esa é a parte bonita da historia”, comenta González. Porén, denuncia que a súa caza está permitida, polo que ese investimento público só está a conseguir que se seguise cazando pero en Galicia, en vez de tratar que prevaleza o ecosistema. “Extinguimos unha especie por unha presión cinexética excesiva, investimos cartos públicos en reintroducir outra parecida e facemos o mesmo. É inaceptable”, lamenta o activista. A caza en Galicia da Capra pyrenaica victoriae está permitida con certas restricións pola Xunta desde o ano 2014.

Outras especies extintas

“O que temos que aprender é a parar a explotación insostible dos recursos“, considera González. Fala doutros casos, como poden ser a pita do monte (Tetrao urogallus cantabricus), que desapareceu a comezos dos 2000. Unha extinción a gran velocidade, xa que nos anos 70 era unha cotizada especie de caza. Malia que se declarou especie protexida en 1986, xa era demasiado tarde. A caza, sumado á degradación do seu hábitat e o cambio climático tamén acabaron coa súa desaparición. González di que hai que facer caso aos expertos cando alertan dos problemas dunha especie. A falta de accións rápidas e contundentes pode acabar, asegura, na súa desaparición, coma no caso da pita do monte. A comezos do 2000 tamén se extinguiu o bucardo, unha especie única dos Pireneos aragoneses.

É o caso, tamén, de recursos presentes nas augas. Por exemplo, no caso dos esturións, desaparecidos en Galicia tras unha pesca intensiva no século XIX. Hoxe en día, todas as especies de sollo están ameazadas, con dúas terceiras partes en “perigo crítico”. No caso da comunidade galega, o sollo rei desapareceu por completo. Unha advertencia de que o ecosistema non entende de economía, senón de vidas, especies, ciclos e biodiversidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia

O virus da encefalite transmitida por carrachas chega a Galicia: un estudo detecta anticorpos en animais

Un equipo da USC confirma a circulación do patóxeno, considerado unha ameaza de saúde pública pola gravidade dos síntomas neurolóxicos que pode causar

Un proxecto galego producirá mexilla mellorada en criadeiro para combater a falta de semente silvestre

O sector do mexillón galego é responsable de preto da metade da produción que abastece a Unión Europea