O Goberno aprobou o pasado martes o uso de cannabinoides como analxésicos en certas situacións de dor. A proposta levanta certa polémica pero, conta cunha evidencia científica que sustente esta posición?
“Calquera molécula ben estudada e eficaz que se utilice con fins médicos é moi positiva“, asegura Julián Álvarez Escudero, catedrático de Anestesioloxía, reanimación e tratamento da dor pola Universidade de Santiago (USC). O ata o pasado maio decano da Facultade de Medicina, asegura que no caso dos opioides tamén son fármacos legais, efectivos e que poden ser positivos sempre e cando sexan baixo supervisión médica. Destaca isto último, xunto a medidas de prevención (ao igual que con outros tratamentos), para evitar casos de adicción. O risco, asegura, é menor que con outras alternativas.
A regulación dos cannabinoides
O uso do cánnabis medicinal aínda non está regulado por completo. De momento, o anuncio do Goberno aínda non establece as indicacións específicas que, segundo a ministra de Sanidade, Mónica García, quedarán fixadas máis adiante pola Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS). Será aí cando se determine os usos clínicos autorizados, xunto con condicións específicas de elaboración, dosificación e prescrición.
Manuel Isorna, profesor do departamento de Personalidade, Avaliación e Tratamento Psicolóxico na Facultade de Ciencias da Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo, destaca a importancia de que sexa a Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios os que establezan as limitacións. “É algo que se debe facer con calma”, asegura Isorna, para evitar os posibles efectos negativos destas substancias, como brotes psicóticos, esquizofrenia ou problemas cardiovasculares. Malia que non se sabe especificamente en que casos se darían, o texto difundido por Moncloa e o Real Decreto que se dispuxo a consulta pública hai un ano incluía algunhas propostas de uso. Por exemplo, para casos de esclerose múltiple, formas graves de epilepsia refractaria, náuseas e vómitos por quimioterapia e dor crónica refractaria.
O uso do cánnabis medicinal
O seu uso estará pensado, iso si, naqueles casos nos que os tratamentos convencionais non sexan eficaces. Ademais, só poderán dar receita os especialistas. “Temos medo a que os médicos non saiban moi ben cando receitalo, porque en xeral non están moi formados“, aseguraba Carola Pérez, presidenta do Observatorio Español de Cánnabis Medicinal, nunhas declaracións en El País nas que celebraba a decisión do Goberno. Unha preocupación similar á que expresa Manuel Isorna. “Non hai moita formación dos profesionais sanitarios en temas de cannabinoides”, considera o profesor da UVigo. Ante estas dúbidas, Álvarez cre que os médicos si a coñecen, malia que “médicos”, é unha palabra moi extensa, asegura. “Aínda así, eu as moléculas que non coñezo non se me ocorre receitalas, e supoño que os que non a coñezan ben non a receitarán”, destaca o tamén Xefe de Servizo de Anestesia no Sergas.
Sobre o seu uso, Álvarez considera que non dependerá tanto da enfermidade senón da situación do paciente, e rexeita que sexa especialmente perigoso. “Todos os fármacos son ata certo punto perigosos”, asegura o experto. Pon de exemplo a penicilina, que salva miles de vidas pero que, en raras ocasións, pode provocar un shock anafiláctico que require tratamento inmediato. “É unha molécula que ben empregada e controlando periodicamente aos enfermos, non debería haber problemas importantes”, conclúe Álvarez.














