Alejandra Escudero-Lara e Rafael Maldonado, autores do estudo que analiza o impacto do cannabis na endometriose. Fonte: UPF.
Alejandra Escudero-Lara e Rafael Maldonado, autores do estudo que analiza o impacto do cannabis na endometriose. Fonte: UPF.

Comeza en Barcelona un ensaio clínico con cannabis para tratar a endometriose

A investigación que desenvolveron os investigadores da Universitat Pompeu Fabra de Barcelona aliviou a sensibilidade á dor en roedores

Unha investigación desenvolvida por científicos da Universitat Pompeu Fabra (UPF) suxire que o tratamento da endometriose con cannabinoides (compostos procedentes do cannabis) pode aliviar algúns síntomas da enfermidade en roedores. Esta doenza crónica, da que se descoñece a súa orixe e que non ten un tratamento específico, causa dores que chegan a ser incapacitantes a mulleres durante o período menstrual. Calcúlase que só en Galicia a padecen unhas 60.000 persoas.

Os achados , publicados na revista eLife, impulsaron o comezo dun ensaio clínico en colaboración co Servizo de Xinecoloxía do Hospital Clínic de Barcelona. O ensaio avaliará os posibles beneficios do cannabinoide natural ∆9- tetrahidrocannabinol (THC) —o principal compoñente psicoactivo da planta de cannabis, en mulleres con endometriose.

A endometriose aparece cando o revestimento do útero, o endometrio, crece fóra da cavidade do útero. Este crecemento afecta aos órganos reprodutivos e pode causar dor, infertilidade, ansiedade, depresión e provocar un impacto considerable na calidade de vida. As opcións de tratamento inclúen cirurxía ou terapia hormonal, pero non sempre son efectivas e, a miúdo, teñen efectos secundarios significativos.

Endometriose: a dor que martiriza 60.000 galegas

“Debido á falta de tratamentos efectivos, as mulleres con endometriose xeralmente dependen de estratexias de estilo de vida como os cambios na dieta ou o exercicio”, explica Rafael Maldonado, autor principal e profesor da UPF. “Aínda que o cannabis ten unha gran cantidade de posibles efectos secundarios, as súas propiedades medicinais poderían aliviar a dor na endometriose e outras afeccións”.

“Dado que o uso médico do THC está autorizado nalgúns países, os achados do noso estudo poden ser de interese para os xinecólogos e especialistas en dor que manexan o tratamento de mulleres con dor endometrial. Pero é crucial subliñar que o uso de cannabis en escenarios non regulados debe desalentarse dados os graves riscos asociados co seu consumo”, engade.

Os investigadores advirten, con todo, dos “graves riscos” do uso do cannabis sen regulación nin supervisión médica

O equipo de investigadores estudou ratos con implantes endometriais na pelve para imitar a endometriose en humanos. Aqueles que tiñan implantes eran máis sensibles á dor na pelve, dor que tamén se pode asociar con alteracións emocionais e cognitivas, similares aos síntomas observados nalgunhas mulleres con endometriose.

Os científicos trataron aos ratos cunha dose diaria de 2 mg/kg de THC durante 28 días. Isto aliviou a sensibilidade á dor na pelve, pero non tivo ningún efecto sobre a dor noutras áreas (usouse a pata traseira como control), o que demostra que o tratamento foi específico para a dor causada por esta doenza. O alivio da dor tamén se produciu independentemente de cando se iniciou o tratamento, o que suxire que funciona igual de ben unha vez se estableceron os síntomas da dor.

A continuación, o equipo descubriu que os ratos con endometriose tiñan síntomas similares á ansiedade que experimentan algunhas mulleres coa afección. Isto mediuse pola cantidade de tempo que os animais pasaron en áreas abertas dun labirinto, xa que aqueles con niveis de ansiedade máis altos tenden a non explorar demasiado. Con todo, os seus experimentos non puideron revelar se o THC tivo algún efecto significativo no tratamento desta ansiedade.

Como se sabe que a endometriose prexudica a función cognitiva nalgunhas mulleres, tamén estudaron o rendemento da memoria nos ratos. Proporcionaron aos animais dous obxectos idénticos e permitíronlles familiarizarse con eles. Logo substituíron un dos obxectos e mediron canto tempo pasaron os roedores explorando o obxecto novo fronte ao xa coñecido, para dar unha indicación do que lembraban os animais. Descubriron que a memoria estaba deteriorada nos ratos con endometriose en comparación con aqueles que non tiñan a afección. Con todo, os tratados con THC non mostraron esta deterioración, o que suxire que o THC pode ter un efecto protector.

Finalmente, estudaron os efectos do THC no endometrio dentro e fóra do útero, e descubriron que os ratos con endometriose tratados con THC durante 32 días tiñan crecementos endometriais máis pequenos.

“En conxunto, os nosos achados mostran que o THC limita o desenvolvemento e os síntomas da endometriose nun modelo experimental e resaltan o interese de realizar máis investigacións para garantir a seguridade e os efectos beneficiosos deste tratamento en mulleres con endometriose”, conclúe a primeira autora, Alejandra Escudero-Lara, estudante de doutoramento no Laboratorio de Neurofarmacoloxía-Neurophar da UPF.


Referencia: Disease-modifying effects of natural Δ9-tetrahydrocannabinol in endometriosis-associated pain (Publicado en eLife).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.