Rebeca Atencia está á fronte do santuario de chimpancés máis grande de África. Foto: Fundación Jane Goodall.
Rebeca Atencia está á fronte do santuario de chimpancés máis grande de África. Foto: Fundación Jane Goodall.

Rebeca Atencia, primatóloga ferrolá: “Os chimpancés son como a miña familia”

A investigadora galega é directora do Instituto Jane Goodall no Congo, onde dirixe o centro de recuperación de chimpancés máis grande de África

Unha entrevista de María Marín / Agencia Sinc

Rebeca Atencia (Ferrol, 1977) viviu desde pequena rodeada de animais moi preto da súa cidade natal. Estudou Veterinaria na Universidade Complutense de Madrid e sempre soubo que quería traballar con animais salvaxes. Hoxe é directora do Instituto Jane Goodall na República Democrática do Congo e dirixe o Centro de Rehabilitación de Chimpancés en Tchimpounga (CRCT), o santuario de chimpancés máis grande de África.

Alí foi onde conseguiu mercar, coa axuda dun doador, tres illas virxes para coidar estes primates antes de reintroducilos definitivamente na natureza. Jane Goodall sempre lle estivo moi agradecida por cumprir o seu soño: darlle un hábitat seguro aos chimpancés no Congo.

– Por que quixeches traballar con animais salvaxes?

– Porque me criei cos meus seis irmáns moi preto do campo e estaba todo o día vendo animais. Alí, ademais, tiven unha persoa que me inspirou moito cando era pequena: Jaime, o gardabosques do monte de detrás da miña casa. Eu quería ser coma el porque sempre o vía aparecer da nada e coñecía todos os camiños secretos do monte.

Unha vez houbo un incendio moi grande e pensei que todos os animais ían morrer. Fomos correndo a avisar a Jaime e cando chegamos vimos que xa recuperara aves dos niños e mesmo unha cría de raposo.

“Eu quería ser coma Jaime, o gardabosques do monte de detrás da miña casa”

– Cando decidiches dedicarte á primatoloxía e marchar ao Congo?

– Durante a carreira fixen prácticas no zoo de Madrid e adoitaba ir a centros de rescate. Ao ver os animais en catividade cáeche a alma aos pés e, entón, precisas facer algo máis. Eu quería reintroducilos na natureza, e o meu gran soño comezou a ser ir á selva. Apetecíame convivir con eles.

Nesa época, Help Congo era o único proxecto en todo o mundo que reintroducía aos chimpancés. Fun visitalo e ofrecéronme traballar alí dirixindo o equipo durante un ano.

– Cal é o teu traballo alí?

– No Congo buscamos o benestar dos chimpancés no centro de recuperación ao tempo que os reintroducimos. Doutra banda, facemos campañas educativas para sensibilizar sobre a caza e, por último, tentamos que se aplique a lei. Así foi como conseguimos, despois de dez anos, unha baixada radical da chegada de chimpancés orfos ao centro.

Ademais, asesoro a outros países sobre cuestións de benestar, de integración, de saúde, actuacións para loitar contra o tráfico ilegal… Por iso, traballo no Congo e en todo o mundo.

A galega Rebeca Atencia, unha das 20 ‘mulleres do futuro’ para a revista “Newsweek”

– Como chegaches ao Instituto Jane Goodall?

– Mentres traballaba en Help Congo, deuse a casualidade de que nesa época Jane Goodall non tiña instalacións suficientes para manter en boas condicións aos máis de 100 chimpancés que tiña nun santuario que se chama Tchimpounga. Como unha das solucións era introducilos, viñeron coñecer o noso proxecto.

Eu estaba moi apaixonada e cría realmente na reintroducción. Alí Jane viu algo en min e ofreceume traballar de xerente no centro onde estou agora. Conseguín unha das cousas máis bonitas: démoslle aos chimpancés unhas illas virxes de máis de cen hectáreas para que puidesen instalarse.

– Como é a túa relación con Jane Goodall?

– Desde que cheguei ao santuario sentinme moi apoiada por ela, sempre creu en min. Por exemplo, cando precisei algo difícil, como as illas, Jane conseguiu o diñeiro dun doador. É como un fada que de súpeto che pregunta o que precisas e axúdache para conseguilo.

Temos moi boa relación e o que me gusta dela é que che agradece as cousas. Cando eu impulsei o proxecto das illas sentiuse moi agradecida comigo. Acórdome de que unha vez díxome “grazas por facer realidade o meu soño” e eu respondinlle “non me digas iso, que me caen as bágoas”. A ela tamén se lle caían.

– Con quen traballas no centro de recuperación?

– No noso instituto temos 130 traballadores e tentamos que sexa xente local. Non queremos vir de fóra e dicirlles como teñen que facelo, pretendemos que os congoleses sexan líderes na protección do medio ambiente.

“Tentamos traballar con xente local para que os congoleses sexan líderes na protección do medio ambiente”

– Con cantos chimpancés traballades?

– Temos máis de 140.

– E coñeces o nome de todos?

– Claro, o nome, a personalidade, por diante, por detrás, a vida que tiveron… e eles coñécenme a min. Ir á selva fai que os entendas máis, porque entendes o seu medio. Avísante do perigo. Mírante para avisar que vén un elefante ou que preto de alí hai unha comida moi rica. É algo rarísimo porque de súpeto te metes no seu mundo.

– Pero os chimpancés poden chegar a ser moi agresivos, non sentes medo cando se achegan ou te abrazan?

– Son animais moi grandes que te poden matar en cinco segundos pero, a pesar diso, cando teñen moito medo póñense como bebés e abrázanse a ti ou danche a man. Iso pasa cando os devolvemos á selva porque ao principio o apoio emocional é moi importante. Logo xa se volven independentes. Os que te abrazan son os que te coñecen porque fixeches algo bo por eles.

– Desenvolviches moita empatía con eles?

– Si, son como a miña familia, eu son a súa nai, a súa médica e responsable do que lles pasa. Pero esta empatía chegou mesmo a ser daniña para min. Terminei cun trastorno por estrés postraumático pola perda dalgúns chimpancés que eran moi amigos meus. Vin como enfermaba un deles, co que convivira moitos anos. El recoñecíame e dábame a man como un humano cando está enfermo, mirábame aos ollos e deixaba de chorar ao verme porque cría que o ía a salvar, porque eles saben que son veterinaria… pero hai enfermidades que non podemos curar. Chocoume pensar que ás veces non se pode facer nada aínda que todo o mundo conte contigo.

Rebeca Atencia, a galega que rescata aos chimpancés no Congo

– Cal é a situación real dos chimpancés?

Os chimpancés están en perigo de extinción pola perda dos seus hábitats. Durante moitos anos os primates eran animais de compañía e nalgúns países mesmo se usan como alimento. O problema comeza coas cortas masivas nos bosques. Deforéstanos para obter madeira e plantar monocultivos. Ao esnaquizar os seus hábitats, os cazadores furtivos teñen máis acceso a eles. Por exemplo, os orangutáns xa están a desaparecer. No Congo aínda non estamos nese punto.

– Que podemos facer desde aquí?

– Temos que facer un consumo responsable. Co noso instituto pódese colaborar, por exemplo, cunha campaña na que podes enviar o teu móbil para reciclar cando non che serve. Estes teñen un material (coltán) que se obtén en moi poucos países e provoca inestabilidade política. Os fondos desa reciclaxe volven a África.

O Instituto Jane Goodall ten en marcha unha campaña para reciclar o coltán dos teléfonos móbiles

Outra campaña é a de Roots&Shoots que pretende empoderar aos mozos. Hai unha historia moi bonita na que un neno de Granada con nove anos caeu na conta da importancia deste materia, fixo unha campaña no seu colexio e recolleu moitos móbiles. Emocionouse ao ver que facendo moi pouco podía ter un impacto moi grande. Ao tempo, viu que un circo con animais ía á súa vila e escribiu unha carta moi sentida ao alcalde para dicirlle que iso non estaba ben. Responderon creando un decreto no que prohibiron os circos con animais nesa vila.

– Algunha vez sentiches discriminación ou dificultades no traballo polo feito de ser muller?

– Cando estás á fronte dun equipo de vinte persoas no medio da selva, non podes mostrar medo. Tiña que demostrar moita forza e valentía aínda que estivese agotada. Iso ao principio custa pero logo valórante máis por ser muller. Ser muller non o vin como un impedimento, pero traballadoras aquí no Congo si tiveron moitos problemas. Cando puxen a algunhas delas como xefas foi moi difícil porque os outros traballadores non as aceptaban. Foi hai 16 anos e tiven que estar moi unida a elas para que non lles perdesen o respecto.

– Cando tiveches fillos, foi difícil levalos ao Congo?

– A xente sorprendíase de que me fose ao Congo cos nenos, pero eu vivía ali e tíñaos que levar comigo. Creo que foi unha experiencia moi bonita para eles. Os nenos viviron a terra de primeira man… Por exemplo, a eles encántalles plantar árbores e cando terminan de comer un aguacate, gardan o óso. Cando ven que alguén o tira dinlle “pero que fas, estás a tirar unha árbore!” porque son cousas que lles quedaron dentro.

– Mellorou a situación dos chimpancés desde que empezaches a traballar con eles?

– Nalgúns países empeorou. Os primates están a desaparecer a unha velocidade alarmante. O que está a pasar cos orangutáns é unha tolemia. Pero a concienciación aumentou moitísimo. Cando eu falaba do aceite de palma hai 12 anos, a xente non o coñecía. Agora podes ler na crema de chocolate ‘sen aceite de palma’ e a xente sabe ao que se refire. Pero o cambio ten que ir rápido porque a destrución tamén vai máis rápido. Estamos nun momento crítico e temos que actuar todos. Eu creo moito na sociedade actual.

3 COMENTÁRIOS

  1. Muller coas ideas claras e moi valente, eu teño ainda un soño por cumplir q é facer unha viaxe por algún país de Africa , onde poida ver algúns animais salvaxes, pero teño medo das picaduras dalgún insecto, non sei como fai ela , ao ser veterinaria xa sabe protexerse e máis protexer aos nenos , paréceme xenial.

  2. Que orgullo que a nosa terra dea persoas así! Graciñas por axudar aos nosos parientes peludos nestes días terribles!

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.