A desaparición da ostra salvaxe en Galicia revela a deterioración do leito mariño

Un equipo europeo con participación do IEO de Vigo elabora o rexistro máis completo sobre a antiga extensión da especie bentónica nun estado silvestre

No verán 1868, o naturalista Paz Graells viaxou dende Madrid ata Galicia para documentar e censar os bancos marisqueiros da comunidade. De seguro el non o sabía, mais durante a exploración científica, o fundador da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais recollería un testemuño de vital importancia: o principio da decadencia da ostra plana (Ostrea edulis) en Galicia. Graells documentou a sobreexplotación dos bancos de ostra plana, cando non a súa desaparición nalgúns casos: en Carril, na Ría de Arousa, o naturalista describiu que os mariscadores converteran os antigos viveiros de ostras en mexilloeiras. Se no século XIX a situación desta especie bentónica xa era crítica, daqueles pos vén a lama de hoxe.

Seguindo a pegada de Graells e de centos de documentos da época, un equipo de ata 30 expertos europeos que conta coa participación de investigadores galegos vén de elaborar o rexistro máis completo ata o de agora sobre a antiga extensión da ostra plana en Europa. Os resultados, enmarcados dentro da alianza europea para a recuperación da ostra (NORA), amosan a práctica desaparición das poboacións silvestres da Ostrea edulis e dos seus arrecifes, o cal é un claro indicativo da deterioración do leito mariño.

Publicidade

Segundo Fiz da Costa González, científico do Instituto Oceanográfico Español (IEO) de Vigo que forma parte do equipo, este traballo exhaustivo permite coñecer non só as antigas poboacións de ostra, senón toda a fauna asociada aos seus arrecifes, que chegaron a cubrir unha extensión de polo menos 1.7 millóns de hectáreas, un tamaño maior que Irlanda do Norte. Ademais, as conclusións do estudo demostran que as poboacións silvestres desta especie “desapareceron por causas humanas“. O rexistro será o punto de partida, explica, para tentar realizar labores de restauración e reintroducir a ostra plana naqueles lugares nos que habitou no pasado.

Enxeñeiras do medio ambiente

As ostras son o que coñecemos como enxeñeiras dos ecosistemas. Cumpren un labor fundamental no seu hábitat, o cal modifican e transforman aumentando a riqueza do que as rodea. “Crean estruturas tridimensionais cos seus arrecifes, e proporcionan unha serie de servizos, como converterse en refuxios ou criadeiros para distintas especies”, explica o investigador do IEO.

Publicidade

Segundo os rexistros, os arrecifes naturais de ostras poden chegar a ser o fogar de case 200 especies de peixes e crustáceos. Ademais, desempeñan un papel vital na estabilización das liñas costeiras fixando o leito mariño e limitando a súa degradación. Tamén son expertas na limpeza da auga: unha soa ostra adulta é capaz de filtrar ata 200 litros de auga ao día.

Porén, sinala Da Costa, unha das razóns principais pola cal se centran tantos esforzos na súa restauración é aumentar a diversidade mariña e voltar a ter un ecosistema semellante ao que tiñamos no pasado: “Por iso é fundamental recuperar toda a súa historia e recompilar os máis de 1.600 rexistros que obtivemos de libros, papeis, anuarios de pesca ou mesmo entrevistas con mariñeiros”.

A ostra plana en Galicia

A ostra ten unha grande importancia en Galicia dende o punto de vista económico, mais tamén simbólico. Só temos que pensar na Festa da Ostra en Arcade (Pontevedra) ou no Mercado da Pedra en Vigo. Con todo, tal e como explica o investigador galego, a súa poboación está moi mermada: “A día de hoxe quedan moi poucas poboacións naturais, aínda que o que si temos é o cultivo da ostra, sobre todo en bateas”. Segue a haber unha presenza, non como noutros lugares de Europa como o Mar do Norte, onde se extinguiu. Aínda así, a cría da ostra cultivada en Galicia actualmente provén de Francia.

Na antigüidade a sobreexplotación de bancos, o exceso de capturas e unha ausencia de regulación causaron a diminución da ostra na comunidade. “A presión sobre ela sempre foi moi forte porque sempre se entendeu como un produto de luxo”, sinala.

No século XVIII exportábanse ostras dende Galicia á Coroa en Madrid. Máis recentemente, a finais do século pasado sucedéronse un par de patoloxías que causaron unha mortalidade moi importante nas poboacións de ostras. O comercio destas poboacións como produto gastronómico entre as distintas zonas de Europa tamén axudou a que as enfermidades se estenderan, un problema que, tal e como explica o investigador, aínda segue producíndose a día de hoxe nalgunhas zonas.

Porén, hoxe en día outro aspecto que fai perigar o seu futuro é o cambio climático e chegada de condicións ambientais moito máis extremas. A ostra, como todas as especies bentónicas, verase moi afectada polos eventos vencellados ao aumento da temperatura nas augas e a baixada da súa salinidade. Segundo sinala da Costa, un dos lugares onde esta poboación podería rexistrar altas mortalidades no futuro é o interior da ría de Vigo.

Un longo camiño cara a conservación

A súa desaparición, en definitiva, pon en evidencia a degradación dun ecosistema que agora carece dunha das súas enxeñeiras: “É un indicador, mais o problema é que, en moitas ocasións, somos máis conscientes doutras problemáticas como é o caso da desaparición dos arrecifes de coral”. E non será porque a situación non é crítica: na actualidade o 90% dos arrecifes mundiais da ostra xa non existen.

Agora, o obxectivo é protexer o que aínda queda e iniciar un logo camiño cara a recuperación destes hábitats introducindo de novo a ostra plana nos lugares que ocupou no pasado. Unha tarefa complexa e de longo percorrido, pero que xa conta cun punto de partida: o rexistro histórico elaborado por este equipo formado por máis de 30 científicos de distintos países.

Da Costa xa conta coa experiencia de proxectos previos, como a iniciativa MMOI para a recuperación da ostra plana no Mar Menor, liderada pola investigadora Marina Albentosa do IEO de Murcia. Na actualidade, o galego tamén coordina xunto a Albentosa o proxecto RemediOS2, un programa Pleamar da Fundación Biodiversidade que procura o emprego da Ostrea edulis para filtrar a auga na mesma rexión do Mediterráneo.

O momento, sinala o galego, é agora: “Estamos na década da restauración dos oceános“. Para conseguilo, precisan dunha aposta clara das institucións, que permita que este emblema dos nosos mares rexurda unha vez máis aportando cor, vida e un fogar para outras especies.

Referencia: Records reveal the vast historical extent of European oyster reef ecosystems” (Publicado en Nature Sustainability)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos

O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño