A biotecnoloxía azul é unha das moitas ramas que agocha o aproveitamento de células vivas para a súa revalorización. Neste caso, céntrase no uso de recursos mariños e acuáticos para desenvolver produtos, procesos e aplicacións en ámbitos como a alimentación ou a saúde. Este foi o tema central do relatorio ofrecido por Sandra Rellán Piñeiro, coordinadora de I+D+i do centro tecnolóxico ANFACO-CYTMA, no stand da delegación galega en BioSpain 2026, un dos eventos de biotecnoloxía máis grandes de Europa, do que GCiencia é media partner. “A referencia á biotecnoloxía azul con impacto vén a facer referencia de todo o potencial que pode ter esta ferramenta para obter valor dos recursos mariños”, introduce.
Para Galicia, o mar resulta nunha fonte de materia prima, especialmente polo grande ecosistema acuático co que conta a comunidade, onde mesmo os organismos de baixo nivel trófico poden ser un recurso valioso a través de moléculas bioactivas. Este potencial esperta a curiosidade tamén en industrias como a cosmética, a farmacéutica ou a médica. Pero, sobre todo, hai unha pata esencial en todo este proceso, tal e como sinala Sandra Rellán: a sostibilidade, onde a biotecnoloxía xoga un papel fundamental.
Estes coñecementos, baseados no estudo do aproveitamento de subprodutos e descartes do sector pesqueiro, é unha das grandes oportunidades da economía circular, un eido estreitamente ligado coa biotecnoloxía. Así, BioSpain convértese no lugar ideal onde divulgar, este ano dende Bilbao, onde Galicia asiste con máis de medio centenar de axentes do ecosistema biotecnolóxico para dar a coñecer o potencial innovador da comunidade, con ANFACO-CYTMA como clúster e centro tecnolóxico, xunto a institucións autonómicas, fundacións biomédicas, centros da Rede CIGUS e as tres universidades galegas como representantes.
O potencial da revalorización
O 29 de setembro, Sandra Rellán explicou no Bilbao Exhibition Centre un caso de éxito en biotecnoloxía azul relevante dende o punto de vista galego: as algas e microalgas. “As microalgas permiten obter un volume importante de biomasa de maneira moi sostible; pódense cultivar en pouco espazo”, explica a coordinadora de I+D+i. Estas son ricas en nutrientes e, ademais, son un refugallo que, hoxe en día, non ten unha vía de valorización posible. Ademais, permiten “biomediar”, xa que o uso destes recursos pode, por exemplo, descontaminar as augas extraendo as algas. Este é o motivo polo que, dende ANFACO-CYTMA, lle están a sacar especial partido como parte dun sistema circular eficiente.
Así, unha das principais vías de valorización das algas é a nutrición de precisión, que consiste en personalizar a dieta segundo a xenética, o metabolismo, a microbiota e o estilo de vida de cada persoa. “A partir das algas e microalgas pódense obter moitos bioingredientes cun poder funcional inmenso, antiinflamatorio e antioxidante”, explica Rellán Piñeiro. Un exemplo sería o uso de tecnoloxías ómicas —como a metabolómica— para incorporar ao pan común unha moi baixa porcentaxe (arredor do 5%) dunha especie de alga parda para que perda capacidade de inflamación: “Non cambia a sensorialidade do pan, pero permite revalorizalo achegando novas propiedades beneficiosas”.
Biotecnoloxía ao servizo da ciencia
A biotecnoloxía esperta un especial interese en Galicia, e ANFACO-CYTMA está entre os potenciadores deste novo sector. Así, unha das ferramentas máis empregadas dende o centro tecnolóxico é a fermentación. O clúster leva anos valorizando subprodutos pesqueiros para acadar unha proteína de alta calidade pero, para conseguilo, adoitaban recurrir a procesos químicos ou enzimáticos. Hoxe, a fermentación permítelles lograr a valorización de maneira moi sinxela: “É un proceso que se media con bacterias e permite obter aínda máis valor e proteínas con funcionalidade mellorada, obtida de subprodutos habituais e de residuos que habitualmente non se usaban“, explica Sandra Rellán. Súmanse ao proceso ferramentas computacionais ou de intelixencia artificial (IA), brindando unha revolución con maior eficiencia: “Por exemplo, podes seleccionar a cepa bacteriana idónea para mellorar a túa valorización e conseguir máis eficiencia, rendemento, calidade e funcionalidade“, sinala a responsable de I+D+i.
Os océanos como fonte de novos ingredientes
En Galicia, o Atlántico convértese nunha fonte de novos ingredientes e solucións para enfrontar os retos da sociedade no avance cara a sistemas alimentarios circulares, segundo Rellán Piñeiro. Ademais, explica que “todos os subprodutos que se xeran na industria alimentaria teñen que aproveitarse de algunha maneira” e, engade, “volver a entrar na cadea no proceso” como novas materias primas. E o mar é, sen dúbida, un exemplo de éxito.
“A industria pesqueira ten unha porcentaxe moi elevada de materia prima, pero tamén conta cun gran desperdicio“, explica. Con todo, achega un contrapunto: a pesca xera tanto refugallos como subprodutos moi valiosos que continúan a ter unha elevada cantidade de proteínas e omega-3 de alta calidade. “Ten que volver á cadea alimentaria; son recursos finitos“, subliña. Por iso, explica que o obxectivo é conseguir sistemas circulares que permitan seguir xerando valor nutricional para alimentar a toda a poboación de maneira sostible.
Un obstáculo: a escalada
Detrás de todo grande éxito existen obstáculos; no caso da innovación é a escalada ao mercado. “Falamos de tecnoloxías que están aínda no laboratorio, a pesar de ter sistemas piloto; a implementación na industria remata por ser sempre o maior reto”, advirte a experta. Así, Sandra Rellán aclara que o que falta é “capacidade das empresas para investir e saber en que investir“, ademais da incerteza da inversión. Neste punto entran os centros tecnolóxicos como ANFACO, que dispón de infraestruturas piloto, demostrativas e de validación que permiten ao tecido empresarial biotecnolóxico testar os seus produtos antes de realizar grandes investimentos.
O sector biotecnolóxico de Galicia
Galicia instálase en BioSpain cun gran posto de información, e esta posición no encontro internacional inspira nos asistentes a existencia dun exitoso sector biotecnolóxico rexional. “Somos a delegación máis numerosa dende hai varios anos”, informa Sandra Rellán; o tecido biotech non está constituído só pola administración, senón tamén por empresas e organizacións científicas. Ideas, ganas e colaboración son os tres ingredientes principais no futuro da biotecnoloxía galega, un sector que, dende ANFACO, consideran xa consolidado: “Estamos a nivel para competir cos mellores do mundo”. E, o máis importante: existe unha conexión moi eficaz entre centros de investigación e empresas, a fórmula do éxito para que a biotecnoloxía galega supere as súas fronteiras.














