A galega Rebeca Atencia, unha das 20 ‘mulleres do futuro’ para a revista “Newsweek”

A comezos de ano, a coñecida revista Newsweek puxo en marcha a iniciativa ‘Mulleres do Futuro’. Preguntaban a 20 mulleres recoñecidas internacionalmente en diferentes eidos sobre unha persoa que se podería convertir nunha pioneira para as vindeiras xeracións. E entre elas, hai unha galega. A célebre primatóloga Jane Goodall escolleu a  Rebeca Atencia, unha veterinaria de Ferrol que leva máis de 10 anos traballando no rescate e coidado de chimpancés no Congo, vítimas da caza furtiva que está a poñer en perigo a supervivencia da especie.

Rebeca Atencia, a galega que rescata aos chimpancés no Congo

Publicidade

Na reportaxe de Newsweek, Goodall lembra como coñeceu a Rebeca. Foi, segundo conta o Instituto Jane Goodall, durante un proxecto de reintrodución de chimpancés na natureza. Xunto ao seu marido, Fernando Turmo, estaba estudando o progreso dun pequeno grupo de chimpancés que fora liberado había pouco tempo. Traballaban nunha zona illada da selva, chea de serpes velenosas, elefantes e outros riscos. Un ano despois, a primatóloga británica viaxou en barco para visitar a Rebeca e Fernando e ver como estaban realizando o seu traballo. “Rebeca recordoume a min mesma cando tiña a súa idade, estaba perseguindo o seu soño e non tiña medo do traballo duro e de vivir sen as comodidades da vida occidental. Estaba no medio da selva pero sentíase como na casa”.

“Rebeca recordoume a min cando tiña a súa idade”, conta Jane Goodall

Máis tarde, lembra Newsweek, Rebeca decidiu optar a unha praza como directora do Instituto Jane Goodall no Congo. E conseguiuno. Desde entón é a encargada de coordinar o coidado de máis de 150 chimpancés, nun proxecto que dá traballo a máis de 100 persoas. Desenvolveu o programa Chimpamig@s, que permite apadriñar a cada exemplar. A veterinaria galega instrúe tamén á poboación local para ensinarlles como actuar en caso de que atopen un chimpancé ferido ou orfo debido aos ataques dos furtivos e traficantes.

Publicidade

A revista destaca o traballo de Rebeca Atencia con primates como Wounda, unha femia que corría serio risco de morrer, e que foi salvada grazas a unha transfusión de sangue dun chimpancé, a primeira que se fixo en África. “Cando vin as fotos de Wounda, non podía comprender como puido seguir vivindo. E grazas a Rebeca, completamente grazas a Rebeca, puido sobrevivir”, di Goodall neste vídeo:

Rebeca Atencia naceu en Ferrol e estudou Veterinaria na Complutense de Madrid. En 2017 foi galardoada co Premio Bienestar Animal por parte do Colegio de Veterinarios de Madrid. Alén da súa labor no Congo, tamén publicou recentemente traballos de investigación científica. Xunto a un equipo da Complutense, presentou no 2016 un estudo sobre o corazón dous chimpancés que muda o concepto que se tiña sobre a saúde cardíaca destes animais, e que contribuirá a evitar as mortes por infarto que padecen en catividade.

No seu estudo, realizado en 102 chimpancés nados en liberdade, demostrou que os electrocardiogramas destes animais son moi diferentes aos dous humanos, algo que se descoñecía ata agora. Utilizar esta proba podería servir como ferramenta de diagnóstico precoz para evitar mortes súbitas cardíacas nestes primates.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:02:41

A historia tras a aperta do chimpancé Wounda con Jane Goodall e a galega Rebeca Atencia

A veterinaria de Ferrol salvou a vida ao animal que, tras ser liberado, deixou un momento que a etóloga londiniense sempre recordou

Jane Goodall, pioneira no estudo de chimpancés e referente mundial en conservación

A etóloga británica foi fundadora do Jane Goodall Institute, Mensaxeira da Paz da ONU e unha das científicas máis influentes do século XX

Cortar os cornos aos rinocerontes sálvaos de ser cazados polos furtivos

A caza destes animais veuse reducida nun 78% en exemplares sen cornos, segundo un n experimento feito en reservas de Suráfrica

“O eucalipto nunca substituirá a vexetación autóctona”

Un estudo con participación galega nega que os eucaliptais sexan "desertos verdes" pero recoñece o seu impacto na biodiversidade