A historia tras a aperta do chimpancé Wounda con Jane Goodall e a galega Rebeca Atencia

A veterinaria de Ferrol salvou a vida ao animal que, tras ser liberado, deixou un momento que a etóloga londiniense sempre recordou

“Un dos momentos máis marabillosos que me pasaron na vida”, asegurou Jane Goodall hai uns meses en La Revuelta. A etóloga e primatóloga, falecida o pasado mércores aos 91 anos, recordaba con especial agarimo un dos instantes cun dos primates. Trátase da famosa aperta entre o chimpancé Wounda e Jane Goodall, que agocha unha historia de salvación. O que en moitas ocasións se omite é que, instantes antes, Wounda e a galega Rebeca Atencia, directora do Instituto Jane Goodall do Congo, tamén compartiron un momento cariñoso. Cunha grande ilusión e cun sorriso na cara, a galega deu unha aperta a Wounda, recén rescatada.

Wounda era unha cría de chimpancé cando foi ferida de bala no Congo. A súa nai falecera tamén pola caza e, de feito, coa mesma bala coa que Wounda estaba ferida. Foi arrebatada da súa familia por cazadores furtivos pero foi salvada do comercio ilegal de carne. A punto de morrer, chegou ao Centro de Rehabilitación de Chimpancés en Tchimpounga, onde o camiño da cría cruzou coa galega Rebeca Atencia, que é veterinaria. A ferrolá forma parte do equipo de Jane Goodall e unha das súas grandes discípulas, man dereita da británica e presente en moitos momentos clave, como o momento do abrazo. Xunto co resto do equipo e tras unha pioneira transfusión de sangue entre chimpancés en África, foron capaces de salvarlle a vida. Tras un longo camiño ata a súa recuperación, Atencia e Goodall foron liberala á selva. Unha reacción normal sería saír correndo, pero non foi así.

Publicidade

O momento da aperta

No momento no que a chimpancé sae da gaiola, avanza uns pasos e dáse a volta. Cando os chimpancés son liberados, moitas veces queren volver á selva pero, ao mesmo tempo, teñen pánico, dicía Atencia en 2017 para unha entrevista a Radio Nacional de España. Primeiro, achégase a unha ilusionada Rebeca. A galega, con expresión de felicidade, faille algún xesto, mentres que o chimpancé se achega. A ferrolá dálle unha aperta e comparten un momento de agarimo. A continuación, o chimpancé súbese á gaiola e é acariciado por parte do equipo. Xusto despois, púxose á mesma altura que Goodall e estendeu os seus brazos para darlle unha longa aperta. “A calor da súa aperta será algo que nunca esquecerei”, aseguraba Goodall. Atencia destaca que para o animal é unha expresión de que confía en ti. “Para mi, é un abrazo de darte conta de que cren en ti, que lles apoiaches durante todo este tempo e de que te recoñecen”, asegura Atencia.

Wounda é hoxe en día a femia alfa do seu grupo na illa de Tchindzoulou, na República Democrática do Congo. Ademais, é nai do seu fillo Hope e un símbolo das segundas oportunidades que se lles pode dar a estes animais tras ser atacados polos humanos. A galega explica que con algúns chimpancés sentes algún tipo de conexión especial.Parece que te abraza unha persoa. Xúntanse os corazóns cando te abrazan tan forte”, afirmaba para este diario.

Publicidade

A illa Tchindzoulou está situada na Reserva Natural de Tchimpounga. A illa está protexida polo Instituto Jane Goodall, que traballa polo benestar animal, a educación ambiental e a protección dos ecosistemas e a biodiversidade. Foi creado pola propia Goodall e ten unha sección en España.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Jane Goodall, pioneira no estudo de chimpancés e referente mundial en conservación

A etóloga británica foi fundadora do Jane Goodall Institute, Mensaxeira da Paz da ONU e unha das científicas máis influentes do século XX

A ciencia confirma que as apertas alivian a dor, a ansiedade e a depresión

Un equipo internacional analiza os beneficios do contacto físico nas persoas a partir da revisión de 212 estudos

Así salvou a discípula galega de Jane Goodall a chimpancé Wounda

Rebeca Atencia, directora do Instituto Jane Godall no Congo, protagoniza un vídeo no que debulla o proceso de salvamento

A galega discípula de Jane Goodall: “Cando te abraza un chimpancé parece que te abraza unha persoa”

Rebeca Atencia, directora do Instituto Jane Godall no Congo, protagoniza un documental sobre a maior reserva da especie en África