A “síndrome posaborto”, un debate político sen evidencia científica

A proposta de Vox en Madrid pretende introducir un trastorno inexistente, xa que a literatura científica non recoñece ningunha patoloxía psicolóxica vinculada á interrupción do embarazo

Os argumentos políticos e as decisións reprodutivas das mulleres volveron situarse no centro do debate, unha semana despois da polémica en torno a Donald Trump e á relación entre o consumo de paracetamol e o autismo. O martes 30 de setembro, o alcalde de Madrid, José Luis Martínez Almeida, aprobou unha proposta de Vox que obriga a informar ás mulleres sobre a chamada “síndrome posaborto”, un suposto trastorno sen respaldo científico que, segundo defende a formación, podería condicionar a decisión de interromper voluntariamente un embarazo. A iniciativa recolle que esa información debe facilitarse de forma “verbal e escrita, permanente e visible”.

A proposta foi presentada pola concelleira Carla Toscano, do grupo municipal de Vox, quen vinculou o aborto con trastornos de estrés postraumático (TEPT). No texto, compárase a “síndrome posaborto” coa síndrome Post-Vietnam, alegando que comparten síntomas e intensidade, e que no caso do aborto se agravarían polo silencio e a marxinación social arredor deste proceso.

Publicidade

“A Síndrome Post Aborto é algo conscientemente ocultado, especialmente en España”, recóllese na proposta de Vox, que ademais define o aborto como “o gran negocio do feminismo”. A formación informa de que esta condición aparecía reflectida no DSM III (Manual Diagnóstico e Estatístico dos trastornos mentais, polas súas siglas en inglés), un manual de referencia da psiquiatría vixente entre 1980 e 1994.

Porén, o propio alcalde desdixo a aprobación da medida na mañá do mércores. Durante un acto no Colexio de Médicos, Martínez Almeida recoñeceu que “non é unha categoría científica recoñecida”, tentando así rebaixar o alcance da iniciativa. Así, propuxo que a obrigatoriedade de informar ás mulleres desapareza do texto e que a proposta sexa sometida a un estudo previo polos servizos xurídicos do Concello de Madrid.

Publicidade

Cal é a base científica?

Segundo a proposta presentada pola extrema dereita, a suposta síndrome posaborto englobaría síntomas moi diversos: dende depresión, ansiedade ou alteración do sono ata illamento social ou saír sen parar, trastornos da conduta alimentaria (TCA) ou ataques de pánico. O documento tamén vincula este cadro clínico a sentimentos de culpabilidade, flashbacks e problemas de conduta sexual, como a perda de pracer ou unha actitude autrodestrutiva relacionada con abortos de repetición. Ademais, chega a atribuír pensamentos suicidas, hemorraxias internas, maior risco de morte natural no ano seguinte ao aborto e mesmo un incremento da incidencia de cancros no aparello reprodutor feminino.

Mais, en que se sustenta esta argumentación? A referencia principal son os traballos de Priscilla K. Coleman, socióloga, psicóloga e profesora da Bowling Green State (Ohio, EEUU). En 2011, Coleman publicou unha metaanálise de 22 estudos sobre os efectos do aborto, recollida na revista The British Journal of Psychiatry. O artigo concluía que as mulleres que interromperan un embarazo tiñan un suposto aumento do 81% no risco de sufrir problemas de saúde mental.

Non obstante, esa conclusión por si soa resulta enganosa. A propia Coleman recoñece no estudo que só arredor do 10% dos problemas mentais analizados podían estar directamente relacionados co aborto. Con posterioridade, numerosos expertos cuestionaron a validez deste tipo de traballos, sinalando os nesgos derivados da complexidade do obxecto de estudo.

Non existe ningunha patoloxía psicolóxica asociada ao aborto

Marta Silva, xinecóloga, e Mercedes Carreño, psicóloga, atenden a diario a mulleres que solicitan a interrupción voluntaria do embarazo no Centro de Planificación Familiar vinculado ao Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS). O seu labor consiste en acompañar e ofrecer apoio durante todo o proceso, procurando que sexa o máis sinxelo posible. Ambas coinciden nun punto fundamental nesta polémica: “A síndrome posaborto non existe”.

Segundo explican, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia realizou diferentes estudos relacionados sobre esta cuestión cunha conclusión clara: non hai ningunha patoloxía psicolóxica asociada ao aborto. Só se identifican dúas excepcións: cando a muller é obrigada a abortar ou, pola contra, cando é forzada a non facelo.

Esta evidencia coincide coas palabras da psicóloga Zara Abrahams, reproducidas por Pablo Linde en El País: “Máis de 50 anos de investigación internacional mostran que interromper voluntariamente o embarazo non está relacionado con problemas de saúde mental, pero restrinxir o acceso seguro e legal ao aborto si causa dano“. Abrahams publicou estas conclusións en 2022 na revista da Sociedade Americana de Psicoloxía.

É certo que existen efectos derivados da intervención, pero teñen relevancia clínica, non psicolóxica. As pacientes poden presentar sangrado ou dor nos días posteriores. Con todo, dende o punto de vista emocional, o máis frecuente é sentir alivio. Como resume a doutora Silva: “A nivel psicolóxico é máis un volver a empezar”.

Importancia dos antecedentes

Cando unha muller chega ao servizo de Planificación Familiar, o primeiro paso é garantir que toma a decisión libremente e sen coaccións, xa que este é un dos factores que máis inflúe no proceso. Tal e como explica a xinecóloga do CHUS, “a moitas rapazas preocúpalles máis non ter apoio da familia ou da súa parella que o propio aborto”.

Durante a súa carreira profesional, Marta Silva asegura non ter visto mulleres arrepentidas ou deprimidas por interromper o embarazo. O risco aparece noutros contextos: en pacientes con antecedentes de tratamento antidepresivo ou en situacións de conflito de parella, xa que a interrupción pode converterse nun “proceso máis estresor”.

Esta conclusión vese reforzada polo informe da Academia de Reais Colexios de Medicina de Reino Unido, citado en El País. Trátase dunha revisión de decenas de estudos que sinala un punto clave: o mellor prognóstico de problemas de saúde mental tras un aborto é ter antecedentes de problemas de saúde mental.

Falta de ética médica

A proposta de falar dunha suposta síndrome posaborto non só carece de evidencia científica, senón que pon en dúbida a ética e a profesionalidade do persoal sanitario. Marta Silva subliña que nin ela nin Mercedes Carreño poden contribuír á desinformación entre as súas pacientes. “É igual que se me din: ‘Dilles que non van sangrar e que non lles doerá; non podo facelo”, explica, pois o seu deber como médica é explicar as cousas como son.

Segundo a profesional do CHUS, o proceso de aborto xa é de por si duro para as mulleres que o viven, e máis aínda se se lles engade o peso de escoitar, de mans dunha profesional da saúde, que sufrirán depresión, ansiedade ou mesmo pensamentos suicidas, cando non hai ningunha evidencia de que isto suceda. “Xa bastante duro é isto como para complicalo máis”, insiste Silva.

A súa postura é firme: “Paréceme incrible inventar un diagnóstico sen base científica por propaganda política“. A xinecóloga alerta de que a situación se volve especialmente grave cando a presión política obriga ao persoal sanitario a reproducir mensaxes alleas á realidade científica.

A medida proposta por Vox, ademais de ir en contra do código deontolóxico da profesión médica, supón unha ameaza directa ao dereito das mulleres a recibir información veraz nunha situación delicada.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

1 comentario

  1. Eu véxolle o sentido, unha muller que aborta, nalgún punto da súa vida máis adiante pode recordar ese momento e velo coma “frustrei o nacemento do que sería o meu futuro fillo, e rematei co que ía ser unha nova forma de vida” e cae de caixón o dano emocional ou remordemento que pensamentos así poden ocasionar en todo ser humano que non sexa unha pedra carente de sentimentos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Investigadores galegos redefinen as pautas de extubación despois dunha operación por ictus

O estudo, coordinado polo IDIS e o CHUS, mostra que, contrario ao que se pensaba, adiantar o espertar do paciente non mellora a recuperación funcional

Galicia lidera un estudo que personalizará a inmunoterapia en cancro de pulmón

O traballo empregará unha técnica non invasora que permite analizar o ADN e as células tumorais presentes no sangue dos pacientes

Un equipo de Santiago descobre como mellorar a eficacia dun fármaco para a esquizofrenia

Investigadores do CHUS revelan que dous encimas hepáticos poden acelerar ou minorar a actividade dun antipsicótico que se emprega para varios trastornos de saúde mental

“O 40% dos familiares de doentes de alzhéimer teñen problemas económicos polos coidados”

A neuróloga do CHUS Susana Arias advirte que os casos de demencia están aumentando e o seu impacto "será brutal"