Sábado 20 Abril 2024

Aborto ata a semana 24? As chaves da interrupción voluntaria do embarazo

A polémica despenalización aprobada por Colombia e unha nova reforma da lei española colocan o aborto no punto de mira

Este luns, a Corte Constitucional de Colombia aprobou a despenalización da interrupción voluntaria do embarazo ata as 24 semanas de xestación. Ata ese momento, o aborto estaba penado por lei excepto en tres supostos: violación, malformación do feto ou risco de saúde para a embarazada. A decisión tomada pola corte provocou posicións enfrontadas, como xa é habitual, entre quen defende ou condena este tipo de actos, pero máis alá do debate moral xorde outra cuestión práctica: ata cando é viable levar a cabo un procedemento coma este?

As 24 semanas é onde se sitúa o límite da viabilidade. Hoxe en día hai nenos que nacen con 23 ou 24 semanas e que saen adiante grazas ao labor dos neonatólogos. Unha unidade de neonatos altamente especializada e a través da maduración con corticoides pode sacar adiante algúns fetos con este tempo, e algúns deses sairán adiante con algunhas secuelas, pero é algo posible e que está descrito en determinados centros”, explica Manuel Macía, xefe do Servizo de Xinecoloxía do CHUS e un dos encargados en levar a cabo as interrupcións de embarazos na área.

Publicidade

Neste sentido, o facultativo insiste: “Cando falamos de viabilidade estamos falando de supervivencia. Outra cousa é que, canto máis precoz sexa o feto, esa supervivencia pode estar condicionada por determinadas secuelas”.

“Nas 24 semanas está o límite da viabilidade. Hai nenos con 23 que saen adiante”, sinala o xefe de Xinecoloxía do CHUS

En España a interrupción voluntaria do embarazo está permitida pola lei aprobada en 2010 ata as 14 semanas de xestación. Non obstante, ata a semana 21 pódese practicar o coñecido como aborto terapéutico, que é levado a cabo por causas médicas, polo que só está permitido cando exista un grave risco para a vida ou saúde da xestante, e así conste nun ditame emitido por dous médicos especialistas.

No caso de existir anomalías fetais incompatíbeis coa vida máis aló das 22 semanas, constituiríase un comité ad hoc con diferentes especialistas como obstetras e neonatólogos que poidan valorar as condicións dese feto. “Aínda así, non existe ningún listado definitivo que estabeleza que é grave e que non, senón que se estabelece baixo o criterio de quen firma o ditame“, sinala Macía.

Morfoloxicamente, un feto de 14 semanas pode equipararse a un recén nado en miniatura. Un mide seis centímetros e outro 55, pero nunha ecografía xa se identifican perfectamente as extremidades, a cara e os xenitais e tamén ten actividade cardíaca”, esclarece o xinecólogo.

Os procedementos á hora de interrumpir o embarazo, polo tanto, varían segundo a semana de xestación na que se leve a cabo a intervención: “Ata a semana oito ou nove practícanse xeralmente os abortos farmacolóxicos que favorecen a expulsión do feto. Entre a semana nove e a 14 realízase un legrado aspirativo, o que sería unha finalización cirúrxica do embarazo. De aí en diante, volveríase aos medicamentos para facer a expulsión, nalgúns casos cun feticidio previo, porque canto maior é o tamaño fetal, maiores riscos levan os legrados. Tamén pode darse o caso de que para conseguir a evacuación dun feto non viable haxa que recorrer a unha cesárea“, explica Macía.

Escoller o método

Alén da situación internacional deste dereito, a ministra de Igualdade, Irene Montero, vén de anunciar unha reforma da lei española. Polo momento, aínda que o texto non é público e deberá negociarse no seo do Goberno antes de ser aprobado como anteproxecto no Consello de Ministros, xa se coñecen algunhas das principais modificacións que poderían introducirse na lexislación actual.

Tras saber das dificultades que enfrontan algunhas pacientes para facer uso do seu dereito debido á confrontación co dereito á obxección de conciencia dos facultativos, esta reforma propón garantizar a presenza de profesionais dispostos a levar a cabo unha interrupción voluntaria do embarazo en todos os hospitais públicos. Por outra banda, tamén se pretende revocar o consentimento dos proxenitores como requisito indispensable para que as rapazas de 16 e 17 anos podan exercer o dereito ao aborto, unha modificación á lei introducida en 2015.

Alén destas medidas, esta nova proposta de reforma introduce unha compoñente máis: as xestantes poderán escoller o método de interrupción despois de escoitar as recomendacións médicas. Neste sentido, o xefe de servizo do CHUS sinala que é algo que xa se leva a cabo: “Penso que se sacan as cousas de contexto, innecesariamente cando se trata dun tema tan polémico e controvertido coma este. A última palabra, ante calquera cuestión médica, a non ser que exista unha contraindicación absoluta ou se entenda que é unha práctica perigosa, é da paciente. Os tempos para o aborto farmacolóxico ou por legrado están marcados pola Organización Mundial da Saúde, pero se a paciente di que non quere facelo por un procedemento, tes que levalo a cabo polo outro. Ninguén a pode obrigar a tomar determinada medicación ou a someterse a un legrado e isto que se propón non creo que difira moito da práctica habitual“.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A frecuencia das ondas de calor extremas aumentará este século

Varias ondas de calor con efectos mortais afectaron a grandes cidades...

Podemos predicir as secas?

Un modelo matemático, ideado por Robert Monjo, analiza o comportamento dos períodos sen choiva desde 1979 ata 2016 e compáraos con conxuntos de Cantor

España anuncia a compra de vacinas contra a varíola do mono

Galicia conta con tres casos sospeitosos mentres os do resto do país ascenden a 59

Que sabemos sobre o novo brote de varíola dos monos?

O Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas lanzan unha alerta sanitaria despois de detectar oito casos sospeitosos en Madrid