Venres 29 Marzo 2024

A ‘ómicron silenciosa’ gaña terreo nas augas residuais da Coruña: xa é o 19% do total

O proxecto CovidBens constata o crecemento da subvariante BA.2, detectada a finais de xaneiro na depuradora da comarca

Lenta pero segura. Así se expande a mal chamada ómicron silenciosa nos resultados dos análises realizados polo equipo de CovidBens, que rastrexa as mutacións do coronavirus SARS-CoV-2 nas augas que verten os concellos de A Coruña, Culleredo, Arteixo, Cambre e Oleiros á depuradora. As mostras recollidas entre o 14 e o 18 de febreiro confirman que a variante ómicron segue sendo, cun 96% de presenza, a dominante entre as persoas coa covid-19 na área metropolitana. Pero segundo os datos resultantes do método estatístico deseñado polos responsables do proxecto para determinar a frecuencia das variantes na poboación, a nova subvariante da ómicron, a BA.2, xa se atoparía nun 18% dos casos dos cinco concellos, onde viven un total de 400.000 persoas.

Baixo a lupa da OMS

A principios desta semana, a Organización Mundial da Saúde facía un chamamento ás autoridades sanitarias dos 194 países membros para seguir observando de preto a evolución desta subvariante. Segundo a organización internacional, o avance entre a poboación da BA.2 en comparación coa BA.1, a dominante, rexistrou un crecemento importante nas últimas semanas e varios estudios intentan descifrar xa cal é a razón. No caso da comarca da Coruña, ao ser o 18% de omicrón, resulta un 18,75% do total.

Publicidade

Os primeiros datos desas investigacións sinalan, segundo o comunicado da OMS, que a súa capacidade de transmisión parece ser incluso máis alta. No que se refire á unha posible reinfección coa subvariante BA.2, os estudos que se realizan actualmente indican que aquelas persoas que padeceron a covid-19 por causa da variante ómicron contarían cun nivel alto de protección.

Por último, fronte os resultados preliminares das investigacións que se levan a cabo en Xapón con animais sen ningún tipo de inmunidade e que sinalan unha maior severidade da BA.2, a organización asegura ter tamén en conta os datos reais mostrados por países como Sudáfrica, Reino Unido e sobre todo, Dinamarca, onde esta subvariante provocou nos últimos meses máis do 80% dos casos de covid-19. Cunha poboación altamente inmunizada pola vacina ou de maneira natural coa enfermidade, a BA.2 non tivo como consecuencia casos máis graves da covid que a BA.1.

Unha subvariante sen nome propio

Con este comunicado, a Organización Mundial da Saúde quería responder tamén ás  inquietudes e demandas de varios científicos internacionais ante o avance da subvariante BA.2 respecto á xa bautizada por algúns medios como “a vella subvariante BA.1 de ómicron”.

Tras coñecer os resultados preliminares do estudo levado a cabo polo virólogo xaponés Kei Sato da Universidade de Toquio con animais sen inmunidade, expertos na covid-19 como o epidemioloxista norteamericano Eric Feogl-Ding, sumábanse a Sato ao esixir que a subvariante sexa elevada á categoría de “variante preocupante”, ao mesmo nivel que a ómicron. Outros, como o especialista en pandemias Yaneer Bar-Yam, piden tamén que a BA.2 teña “a súa propia letra grega como aconteceu con Alpha, Beta, Gamma, Delta ou Ómicron” para ser estudada en profundidade.

A resposta da OMS non tardou en chegar e adica as primeiras liñas do seu comunicado a estas demandas asegurando que, tras analizar todos os datos dos que se dispoñen, a BA.2 seguirá sendo vixiada como unha “variante preocupante” pero dentro da clasificación xeral de ómicron.

Silenciosa por error

O rápido contaxio por esta subvariante que se rexistrou nos últimos meses en países como Dinamarca e supostos problemas á hora de detectala, levou a comunidade internacional a bautizala como a ómicron silenciosa. Marga Poza, coordinadora de CovidBens e especialista en microbioloxía no Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña (INIBIC), aseguraba a finais de xaneiro que se trata dun erro chamala así.

“Non é verdade que non se detecte”, afirmaba. “Chámase silenciosa simplemente porque cando a rexistraron por primeira vez utilizaron unha serie de ferramentas de bioloxía molecular que non eran, digamos, as adecuadas. Pero, en realidade, todo o mundo dispón de moitas outras ferramentas válidas. Bautizouse como silenciosa porque non se detectou cun sistema en concreto pero cos outros centos de sistemas que existen non hai ningún problema”.

Mentres autoridades sanitarias e científicos de todo o mundo seguen de preto a evolución da subvariante BA.2, a Organización Mundial da Saúde advirte de que a pandemia aínda non rematou e que a protección segue sendo esencial pero quere lanzar tamén no seu comunicado unha mensaxe de tranquilidade ao afirmar que, a nivel global, “a circulación de todas as variantes do SARS-COV-2 é cada vez máis baixa”.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Desenvolto un anticorpo que bloquea todas as variantes de SARS-CoV-2 no laboratorio

O equipo realizou a investigación a partir de mostras de sangue dun paciente infectado durante a primeira onda da pandemia

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais