Un estudo revela que os vexetarianos teñen un 14% menos de risco de cancro

Investigadores da Universidade de Oxford analizan a relación entre os niveis de presenza da carne na dieta e a probabilidade de desenvolver certos tumores

Ademais de excluír a carne vermella e a procesada. os vexetarianos tamén consumen, polo xeral, cantidades máis altas de alimentos como as froitas, as hortalizas, os legumes ou os cereais integrais, que os
Ademais de excluír a carne vermella e a procesada. os vexetarianos tamén consumen, polo xeral, cantidades máis altas de alimentos como as froitas, as hortalizas, os legumes ou os cereais integrais, que os "omnívoros"

Nunha época na que o cancro é a principal causa de morte a nivel global, ser vexetariano está de moda. Especialmente, despois de que a Axencia Internacional para a Investigación do Cancro da Organización Mundial da Saúde (OMS) colocase en 2015 a carne procesada no seu listado de produtos canceríxenos, ao carón dalgunhas das substancias más perigosas para a saúde, como o tabaco ou o alcool. Así mesmo, o organismo situaba a carne vermella entre os que posibelmente tamén o sexan. E se ben aínda non está claro se os patróns alimenticios teñen relación con estes perigos, algunhas evidencias suxiren que unha dieta vexetariana equlibrada podería estar asociada cun menor risco de cancro en xeral. Do mesmo xeito, tamén podería axudar a reducir a probabilidade de contraer enfermidades cardíacas ou de diabetes.

Agora, un estudo levado a cabo por investigadores da Universidade de Oxford, e publicado na revista BMC Medicine, analiza a relación entre distintos niveis de consumo de carne, consumo de peixe ou unha dieta vexetariana e a probabilidade de padecer calquera tipo de cancro, cancro de colon, de mama ou de próstata. “O noso obxectivo era avaliar as asociacións da dieta e o risco de cancro, así como explorar o papel dos potenciais mediadores entre estas asociacións”, sinalan os autores. Para levar a cabo o traballo, os investigadores realizaron unha análise prospectiva de 472.377 participantes do Biobank do Reino Unido que, ao inicio do estudo, estaban libres de cancro.

Catro grupos dietéticos

Segundo as súas respostas, os participantes clasificáronse en catro grupos: carnívoros habituais, consumidores pouco habituais de carne, comedores de peixe e vexetarianos. Os consumidores habituais de carne foron un 52,4% dos participantes que dixeron que consumían carne vermella procesada (tenreira, porco, cordeiro) ou aves máis de 5 veces por semana.

A continuación, un 43,5% informou de consumir carnes procesadas, vermellas ou aves de curral 5 ou menos veces por semana. Os comedores de peixe, un 2,3%, foron participantes que só comían peixe azul e/ou branco. Finalmente, só un 1,8%, definíronse como vexetarianos, participantes que informaron nunca inxerir carne ou peixe, incluindo tamén este grupo a veganos que sinalaron non consumiren tampouco lácteos ou ovos.

Resultados

Após un seguemento medio de 11 anos, identificáronse 54.961 cancros incidentes, incluíndo 5.882 cancros colorrectais, 7.537 de mama e 9.501 de próstata. En comparación cos consumidores de carne habituais, ser algo menos “carnívoro”, pescetariano ou vexetariano asociouse a un menor risco de padecer calquera tipo de cancro. Así, nesta gran cohorte británica, o risco de sufrir un tumor por quen comía carne cinco veces á semana ou menos foi un 2% menor que entre aqueles que a consumían con máis asiduidade. Para os que comían peixe, pero non carne, era un 10% inferior. E, entre vexetarianos e veganos, o risco era dun 14% menos.

No que respecta os tipos de tumores dun xeito máis específico —colon, mama e próstata—, e que no Reino Unido supoñen un 39% do total, o risco de cancro de próstata era un 20% menor entre os homes que só comían peixe, e un 31% inferior entre vegetarianos e veganos. Así mesmo, tamén se advertiu unha redución do 18% no risco de cancro de mama entre as mulleres vexetarianas fronte a aquelas que máis carne consumían. Un dato, con todo, que probablemente se explique en gran medida por mor de valores do índice de masa corporal máis baixos.

Dúas hipóteses

Os investigadores suxeriron que as variacións na probabilidade de risco de cancro entre os grupos dietéticos podería deberse a diferenzas nas características fisiolóxicas, incluída a adiposidade. Nas poboacións occidentais, tense demostrado que as persoas vexetarianas e as que comen peixe teñen índices de masa corporal (ICM) máis baixos en comparación co dos consumidores de carne. Un dato importante, posto que a obesidade é un factor de risco canceríxeno coñecido. Porén, cando se considerou o IMC como posible elemento de confusión, a diferenza destes valores por grupos de dieta só atenuou lixeiramente as estimacións, con excepción do cancro de mama posmenopáusico.

Outra hipotética explicación para o menor risco de cancro observado entre vexetarianos e pescetarianos son as diferenzas nos niveis hormonais, como o factor de crecemento similar á insulina I (IGF-I) e a testosterona, que poden estar relacionados coa súa inxesta dietética. Estas diferenzas poden ser importantes, xa que os niveis máis altos de IGF-I asociáronse con maiores riscos de cancro de colon, de mama e de próstata. Así mesmo, niveis máis altos de testosterona libre téñense vinculado tamén ao de próstata e de mama. Non obstante, ao explorar IGF-I de forma independente para o risco de cancro de próstata, este ou as concentracións de testosterona libre non indicaron ter mediado a diferenza de risco observada entre os vexetarianos e os que comen carne habituais. Amais, tampouco se atopou que a testosterona libre influira na diferenza de risco entre os que só comen peixe e os máis carnívoros.

Limitacións do estudo

Os resultados deste estudo observacional coinciden, polo menos na tendencia, con outros moitos que tentan avaliar o papel que xoga a dieta no desenvolvemento de tumores. Porén, a natureza do traballo non permite establecer unha relación de causa e efecto entre os patróns de alimentación e o risco de cancro. Neste sentido, e malia que os investigadores confirmaron que ser pouco comedor de carne, pescetariano ou vexetariano estaba asociado cun menor risco de todo cancro, ese resultado puido ser froito tamén de diferenzas non dietéticas. Moitas das veces, as persoas vexetarianas e as que comen peixe difiren dos que máis habitualmente consumen carne en varios factores de estilo de vida non dietéticos, como nun menor índice de tabaquismo e alcoholismo, e nunha maior actividade física.

Con todo, unha dieta vexetariana non sempre significa que alguén se estea alimentando de forma saúdabel. O que debe primar é o equilibrio e a moderación. Así, e mentres que, desde o punto de vista da saúde pública, unha redución da inxesta de carne procesada está demostrada como factor que diminúe o risco de padecer certos tipos de cancro, consumir a nivel individual algo de xamón de cando en vez non fará moito dano. Todo é atopar o xusto medio, tamén ao decidirmos que poñemos no prato.


ReferenciaRisk of cancer in regular and low meat-eaters, fish-eaters, and vegetarians: a prospective analysis of UK Biobank participants (Publicado en BMC Medicine)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.