María Mayán capta 100.000 euros para impulsar unha nova inmunoterapia contra o cancro de mama

A investigadora do Cinbio recibe unha Bolsa FERO para desenvolver un proxecto sobre as terapias celulares CAR-NK, moi prometedoras en medicina personalizada

O grupo liderado por María Mayán dende o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (Cinbio) da UVigo vén de recibir 100.000 euros a través da Fundación FERO para impulsar unha innovadora estratexia de inmunoterapia orientada a mellorar o tratamento do cancro de mama. A investigación farase mediante o perfeccionamento das terapias celulares CAR-NK, unha das aproximacións máis prometedoras da medicina personalizada actual

O proxecto desenvolverase desde o Cinbio en colaboración coa Unidade de Mama do Hospital Álvaro Cunqueiro, o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IIS Galicia Sur) e Sébastien Wälchli, investigador do Oslo University Hospital. O seu obxectivo é aumentar a capacidade das células NK modificadas xeneticamente para recoñecer e destruír de forma máis eficaz as células tumorais presentes nos tumores sólidos.

Publicidade

As terapias CAR-NK baséanse no emprego de células do sistema inmunitario deseñadas para localizar e atacar células cancerosas específicas. A diferenza doutras estratexias terapéuticas, ofrecen a posibilidade de actuar de maneira máis selectiva sobre o tumor e reducir os efectos adversos asociados aos tratamentos convencionais. A investigación liderada por Mayán centrarase en mellorar a capacidade destas células para penetrar no tecido tumoral e manter a súa actividade unha vez no interior do tumor, dous dos principais desafíos para a aplicación destas terapias en cancro de mama.

“A inmunoterapia está a transformar a forma de abordar numerosos tipos de cancro. Terapias celulares como as CAR-T xa demostraron unha grande eficacia en determinados tumores hematolóxicos, pero os tumores sólidos continúan presentando importantes retos. O noso obxectivo é desenvolver novas ferramentas que permitan trasladar estes avances a máis pacientes e aumentar a eficacia da resposta inmunitaria fronte ás células tumorais”, explica a investigadora.

Publicidade

Acelerar proxectos de alto impacto

A VIII Bolsa FERO en Cancro de Mama forma parte do programa de apoio á investigación promovido pola Fundación FERO para acelerar o desenvolvemento de proxectos innovadores en oncoloxía. A convocatoria busca favorecer a transferencia dos avances científicos á práctica clínica e contribuír ao desenvolvemento de novas opcións terapéuticas para as persoas afectadas por esta enfermidade.

Os investigadores galardoados desenvolven o seu traballo nos principais centros de investigación biomédica do país e abordarán algúns dos maiores desafíos actuais da oncoloxía, desde o desenvolvemento de novas inmunoterapias e terapias celulares de precisión ata a procura de tratamentos máis eficaces fronte ao cancro de páncreas, un dos tumores con peor prognóstico, ou a mellora da detección temperá da enfermidade. 

Desde o Cinbio destacan que a concesión desta bolsa supón un importante recoñecemento á traxectoria científica de María Mayán e ao potencial dunha liña de investigación con claras perspectivas de transferencia clínica. Neste sentido, o director do centro, Miguel Correa, subliña: “Esta axuda pon en valor a calidade científica do traballo desenvolvido e reforza a aposta do Cinbio por impulsar investigacións capaces de xerar novas oportunidades terapéuticas para os pacientes”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Científicos galegos e arxentinos desvelan o potencial do cacho de gambón para protexer a retina

Un estudo desenvolve nanopartículas antioxidantes derivadas de residuos pesqueiros con resultados prometedores en probas in vitro

Novembro para descubrir, rir e namorar da ciencia en galego

A UVigo conmemora o Día da Ciencia en Galego cun programa de actividades que durará todo o mes

O poder oculto das raíces da alfábega

O proxecto AGRI-RESVAL, no que participan a UVigo, Néboda Farms e FEUGA, investiga o potencial dos residuos da agricultura para atrasar a oxidación dos conxelados

Como protexer os peixes fronte aos contaminantes dos pensos acuícolas? Así o estudan dende a UVigo

O proxecto Toxi-Feed analiza os efectos na troita arco da vella e avalía solucións baseadas en aminoácidos para preservar o seu benestar e mellorar a produción