Desenvolto un anticorpo que bloquea todas as variantes de SARS-CoV-2 no laboratorio

O equipo realizou a investigación a partir de mostras de sangue dun paciente infectado durante a primeira onda da pandemia

Un novo estudo permitiu desenvolver un novo anticorpo que logra bloquer todas as variantes existentes do SARS-CoV-2, incluídas as subvariantes de ómicron que circulan actualmente. Trátase dun anticorpo monoclonal, unha proteína do sistema inmunitario desenvolvida no laboratorio, chamado 17T2. No traballo, que vén de publicarse na revista Nature Communications, colaboraron o Hospital do Mar de Barcelona, o Instituto de Investigación do Sida IrsiCaixa, o Centro Nacional de Biotecnoloxía (CNB-CSIC), a Unidade de Tecnoloxías de Proteínas do Centro de Regulación Xenómica (CRG) e un equipo científico do Centro de Investigación Biomédica en Rede de Enfermidades Infecciosas (CIBERINFEC).

O illamento do novo anticorpo foi posible grazas ás mostras de sangue dun paciente infectado polo SARS-CoV-2 en marzo de 2020, durante a primeira onda da pandemia. A partir destas mostras, seleccionáronse algúns linfocitos B, as células do sangue encargadas de producir os anticorpos. En concreto, escolléronse aqueles que xeraban anticorpos específicos contra a proteína da espícula, que é a que permite ao virus infectar as células humanas, multiplicarse e desencadear a covid-19.

Publicidade

O persoal investigador reproduciu, utilizando técnicas de enxeñería xenética, estes anticorpos no laboratorio. Unha vez conseguido isto, avaliaron in vitro a súa actividade neutralizante, é dicir, a súa capacidade de unirse ao virus e bloquealo, ante as diferentes variantes do SARS-CoV-2 existentes ata o momento. Así, puideron seleccionar o anticorpo que conseguía neutralizalas todas, incluíndo XBB.1.16 e BA.2.86, das cales se derivan as variantes máis preocupantes actualmente. Como apunta a doutora Giuliana Magri, líder do estudo e investigadora do Hospital do Mar de Barcelona durante a súa realización, “o noso anticorpo mantén a actividade neutralizante ante todas as variantes do SARS-CoV-2”.

Á vez, o doutor Benjamin Trinité, un dos primeiros autores do estudo e investigador sénior de IrsiCaixa, destaca a importancia do descubrimento e menciona que “as últimas variantes do virus incorporaron decenas de mutacións que dificultan o traballo dos anticorpos desenvolvidos con anterioridade, xa que non se poden unir con tanta eficacia. Contar cun tratamento que sexa eficaz a pesar de que aparezan novas variantes do SARS-CoV-2 pode cambiar as regras de xogo á hora de combater a infección”.

Publicidade

Tamén capacidade profiláctica

O estudo analizou nun modelo de rato a capacidade terapéutica do anticorpo, pero tamén a actividade profiláctica, é dicir, preventiva, do novo tratamento, certificando a súa capacidade para reducir de forma significativa as lesións nos pulmóns e a carga viral. Neste sentido, a doutora Magri destaca que o estudo “demostra que o anticorpo desenvolvido mostra actividade profiláctica e non só terapéutica, feito que o identifica como un candidato potencial para intervencións clínicas preventivas e de tratamento da infección”.

Finalmente, o equipo levou a cabo unha análise detallada da estrutura do anticorpo unido á proteína espícula, para poder entender o seu funcionamento e como consegue manter a actividade neutralizante, a pesar das mutacións acumuladas polo virus do SARS-CoV-2. Este estudo estrutural, realizado no CNB-CSIC polo equipo da doutora Rocío Arranz, colíder do estudo, permite afirmar que “este anticorpo ten a capacidade de unirse a unha ampla zona da espícula do virus, o que lle confire a habilidade de neutralizar todas as variantes e previr que novas mutacións evadan esta neutralización. Isto suxire que, nesta área de interacción, existe unha rexión conservada na espícula, a cal podería ser esencial para a capacidade do virus de infectar células humanas”.

Antes do seu desenvolvemento para uso en pacientes, haberá que levar a cabo un ensaio clínico en humanos. De momento, hai unha patente europea activa asociada a este proxecto. “Contar con anticorpos como o 17T2 é clave para poder protexer a persoas inmunocomprometidas e cun risco elevado de desenvolver unha covid-19 grave. Os resultados obtidos demóstrannos que é posible deseñar ferramentas capaces de bloquear todas as variantes dun mesmo virus. De feito, abre o camiño ao deseño de anticorpos e/o vacinas pan-coronavirus, é dicir, con capacidade para combater diferentes tipos de coronavirus”, conclúe o doutor Julià Blanco, colíder do estudo e investigador principal de IrsiCaixa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Noites que matan: cando a calor non dá tregua aínda que caia o sol

En noites de exceso de calor extrema, o risco de morrer aumenta un 2,6% respecto ás noites sen tensión térmica. Por Dominic Royé

É seguro conservar o peixe en envases de plástico? Isto di un novo estudo

Un estudo do CSIC detecta a migración de compostos químicos cara ao produto almacenado en frío. Por Ethel Eljarrat e Maria Vittoria Barbieri

Blanca Landa, experta en covid das plantas: “Adestramos cans que xa detectan vexetais infectados”

A investigadora do CSIC coordina un proxecto europeo para mitigar o impacto de 'Xylella fastidiosa', unha bacteria capaz de afectar máis de 700 especies

Un novo método predí a resistencia aos antibióticos da bacteria ‘Helicobacter pylori’

O estudo do CSIC permite saber con antelación que tratamento será máis eficaz para cada paciente