Así é a omicrón silenciosa que emerxe nas aguas residuais da Coruña

Os científicos agardan con receo o alcance desta nova subvariante do coronavirus, xa detectada polo proxecto CovidBens

Panorámica da estación depuradora de augas residuais de Bens, na Coruña. Foto: edarbens.es.
Panorámica da estación depuradora de augas residuais de Bens, na Coruña. Foto: edarbens.es.

A alerta temperá deuna o equipo de CovidBens, o proxecto co que se lle segue o rastro ás mutacións do SARS-COV-2 nas augas que verten os concellos de A Coruña, Culleredo, Arteixo, Cambre e Oleiros á depuradora de Bens. Tras analizar as mostras recollidas entre o 17 e o 21 de xaneiro, os científicos do proxecto rexistraban, por primeira vez, a presencia da BA.2, unha variante da ómicron que a OMS quere investigar de maneira prioritaria, despois de que a súa presencia gañase importancia en países europeos como o Reino Unido ou Suecia pero sobre todo en Dinamarca.

“A BA.2 é unha subvariante que está baixo vixilancia porque se sabe que ten unha serie de mutacións que lle outorgan ao virus unha capacidade de replicación moito maior e isto pode ter efectos como ser máis contaxiosa ou que se propague máis rápido, por exemplo”, explica Margarita Poza, coordinadora de CovidBens e especialista en microbioloxía no Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña (INIBIC).

A alerta temperá da nova subvariante

Como desde hai un ano, o equipo que coordina Poza realiza a secuenciación do material xenético das variantes que aparecen nas mostras de auga da depuradora de Bens que trata os residuos dunhas 400.000 persoas. Os datos resultantes son despois tratados cun método estatístico deseñado polo propio equipo para determinar a frecuencia das variantes na poboación. Nos últimos análises levados a cabo, o resultado confirmou que a chamada ómicron silenciosa, furtiva ou sixilosa, está presente na área metropolitana da Coruña nunha frecuencia dun 1,33%. Na cidade de A Coruña a porcentaxe sube, lixeiramente, ata o 1,38%.

“Ata hoxe adiantámonos á aparición das variantes alfa, despois beta, despois ómicron e agora volvemos a facelo porque somos un sistema de alerta temperá e sempre nos adiantamos ao que vai suceder no hospital. É dicir, o que se ve no hospital é a punta do iceberg do que realmente hai por debaixo. Hai un número de persoas sen símtomas tremendo, moita xente contaxiada e, nós, por debaixo, podemos ver a pandemia de forma global”, explica Poza.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) pediu aos países que estean pendentes dun posible aumento de casos derivados desta liñaxe nalgunhas mutacións, incluída a proteína espiga. No seu último boletín, reclama que se investigue a virulencia do BA.2 e a súa capacidade para escaparse das defensas inmunológicas, de maneira que se poida comparar co BA.1. A organización lembra que nun contexto de explosión de casos en todo o mundo provocado por ómicron, a aparición de novas variantes é a gran ameaza.

As informacións e posibles alertas temperás que CovidBens publica na súa páxina na rede cada semana, son comunicadas ós responsables sanitarios e autoridades locais. “Nós analizamos o material xenético do virus que procede 400.000 habitantes nunha soa mostra mentres que o sistema sanitario vai paciente por paciente pero xa pacientes, é dicir, persoas que o sistema xa rastrea por algún motivo. Nós servimos para prever e planificar cuestións relacionadas coa pandemia, por exemplo nos hospitais”,  sinala a científica.

CovidBens
Porcentaxe das variantes de SARS-CoV-2 atopadas nas augas residuais da área da Coruña desde mediados de maio.

Unha fotografía por agora incompleta

Este xoves a ministra de Sanidade, Carolina Darias, anunciaba tamén o primeiro caso da covid-19 provocado pola nova subvariante rexistrado en España e lanzaba unha mensaxe de tranquilidade, asegurando que, segundos os primeiros estudos, o seu comportamento non parece moi diferente ao da BA.1, a variante anterior. O que preocupa agora aos científicos, sanitarios e autoridades de todo o mundo é saber como responderá o noso sistema inmunitario, xa vacinados, á esta nova mutación do coronavirus.

“O que sabemos polo de agora é que parece que despista ao noso sistema inmunitario pero aínda non coñecemos o alcance desta subvariante e ten que pasar aínda un pouco de tempo para que comprendamos o que pasa. Se estás vacinado seguramente non terás problema pero se non o estás ou tes patoloxías previas pode ser perigoso pero como con calquera variante porque a BA.2 é ómicron, cunha serie de mutacións, pero segue sendo ómicron”, advirte a investigadora, quen asegura que as informacións relacionadas co SARS-COV-2 cambian moi rápido e que o virus non vai deixar de mutar, aínda que o importante realmente é “que as variantes que aparezan non teñan importancia clínica”.

Poza: “Bautizouse como silenciosa porque non se detectou cun sistema en concreto, pero centos de sistemas si o fan”

O rápido contaxio por esta nova subvariante que se rexistrou en países como Dinamarca e supostos problemas á hora de detectala, levou a comunidade internacional a bautizala como a “ómicron silenciosa”. Para Margarita Poza trátase dun erro dicir que a BA.2 non responde ás probas das que dispón hoxe todo o mundo.

Non é verdade que non se detecte. Chámase silenciosa simplemente porque cando a detectaron por primeira vez utilizaron unha serie de ferramentas de bioloxía molecular que non eran, digamos, as adecuadas. Pero, en realidade, todo o mundo dispón de moitas outras ferramentas que son perfectas para detectala. Por exemplo, no meu ámbito, no Hospital Universitario de A Coruña, non hai problema ningún tanto a nivel de PCR como a nivel de antíxenos. Non se nos vai escapar, foi un erro, é dicir, bautizouse como silenciosa porque non se detectou cun sistema en concreto pero cos outros centos de sistemas que existen si que se pode”, afirma.

A estabilización da última vaga, no horizonte

Cun 97% de presencia, ómicron segue sendo a variante dominante que resulta dos análises realizados polo equipo de CovidBens nas augas residuais da área metropolitana da Coruña. Segundo o seu último informe, a carga viral entre a poboación segue sendo moi alta, ata sete veces máis que en vagas anteriores, cun nivel de transmisión do virus, tamén moi importante.

“A proba é todos os positivos que temos, é dicir, a transmisión do virus é altísima. Non vemos aínda unha baixada pero si que vemos unha meseta, como se estivese estabilizándose, e agardamos que nos próximos días empece a remitir. Pero os niveis aínda son altísimos e neste sentido creo que a xente ten que ter moito coidado. Se non estamos desbordando os hospitais é grazas á vacinación e iso vese moi claro nos gráficos de CovidBens”, asegura para concluír Margarita Poza.

1 comentario

  1. Seguir chamando a BA.2 como silenciosa ou sixilosa é un erro maiúsculo na difusión científica. Por moito que se explique en cada artigo con maior ou menor fortuna o porque dese apelido, seguides alimentando un erro conceptual, e hai xa demasiada xente que pensa que a BA.2 non se detecta con tests de antíxenos ou con PCR como as outras liñaxes, o que é incorrecto.
    Convido a deixar de usar ese apelido dunha vez, moi especialmente nos titulares…

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.