Crean un método para imprimir medicamentos en 3D dende o móbil

O estudo, liderado pola USC e a University College of London, ofrece a posibilidade de que, nun futuro, os fármacos se poidan producir dende os fogares

Producir medicamentos dende o teu móbil. É posible? Dende logo, estamos un paso máis cerca. Un equipo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e da University College of London, en colaboración coa empresa FabRx, acaban de desenvolver un método de impresión 3D que que emprega a luz da pantalla dun móbil para producir medicamentos. O obxectivo é que, nun futuro, esta técnica se poida empregar en hospitais, farmacias e, incluso, nos fogares. Iso facilitaría a personalización dos fármacos.

Máis polo miúdo, M3DIMAKER LUX é o nome da impresora que empregaron no estudo, desenvolvida por FabRx en colaboración coa empresa coruñesa 3DLimitless. O aparello pódese empregar na maioría de teléfonos actuais, tanto de Android como de Apple. Os ensaios e a elaboración das tintas con fármaco para a impresión realizáronse entre as dúas universidades nun estudo colaborativo liderado polo profesor Álvaro Goyanes, cofundador de  FabRx e profesor nas dúas institucións. “O uso destas tecnoloxías innovadoras no campo da saúde, abrirá novas oportunidades e tratamentos que agora mesmo son difíciles de albiscar”, explica o investigador da USC.

Publicidade

Resina de impresión personalizada

Unha das preguntas que xorden é: como será posible a impresión? Pois ben, o paciente recibiría unha resina de impresión personalizada, co fármaco ou fármacos requiridos nunha solución fotosensible. A solución colocaríase no tanque da impresora, e a aplicación móbil seleccionaría os parámetros para obter o tamaño e forma do medicamento para imprimir de acordo coa prescrición médica. Ao introducir o teléfono no lugar adaptado dentro da impresora, a luz da pantalla do teléfono produciría o medicamento final.

A impresora M3DIMAKER LUX utilizada no estudo.
A impresora M3DIMAKER LUX utilizada no estudo.

“Este sistema podería axudar a pacientes que necesiten doses distintas ás que normalmente se adoitan vender en farmacias, mesmo se as súas doses cambian regularmente”, apunta o investigador Alejandro Seijo, tamén participante no estudo. “Outra vantaxe desta tecnoloxía é a posibilidade de imprimir varios fármacos á vez, o que reduciría a cantidade de medicamentos que algúns pacientes, por exemplo, de idade avanzada, adoitan tomar e así reducir a probabilidade de saltarse algunha dose”, engaden dende o equipo investigador. Amais disto, os medicamentos 3D son totalmente personalizables en tamaño e forma, o que permite regular a porcentaxe de liberación do fármaco ao torrente sanguíneo.

Publicidade

Os fármacos impresos

No que respecta aos fármacos elaborados, foron de warfarina,  anticoagulante oral, en distintas doses, tamaños e formas. Ademais, para coñecer como o fármaco se libera para ser absorbido ao torrente sanguíneo, realizáronse ensaios destes fármacos utilizando un modelo de laboratorio que emula as condicións do tracto dixestivo, comprobándose que a liberación do fármaco é gradual durante 24 horas. A liberación pódese modificar en función do tamaño e forma do imprimido, podendo así personalizarse dependendo de como de rápido de requira o efecto do medicamento. Actualmente a investigación está centrada na seguridade das resinas, para que nun futuro se inicien os ensaios en humanos baixo un marco regulatorio que proporcione un uso seguro desta tecnoloxía.


Referencia: Smartphone-enabled 3D printing of medicines. (Publicado en International Journal of Pharmaceutics)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos