As alarmas mediáticas saltaron o pasado luns 22 de setembro tras as declaracións do líder do Goberno estadounidense, Donald Trump. Segundo afirmou, o paracetamol, con marcas como o Tylenol, podería estar relacionado cos casos de autismo. Ese mesmo día, o xornal The Washington Post adiantaba que a administración americana sostén que a toma deste fármaco durante o embarazo podería provocar autismo. Con todo, a comunidade científica permanece escéptica ante este anuncio. Queda a cuestión: como pode afectar isto á figura da muller?
Luz Couce Pico, directora científica do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), desminte en primeiro lugar as afirmacións de Trump: “Non existe unha evidencia sólida dunha relación causal entre o uso de paracetamol durante o embarazo e o autismo nos nenos”. Segundo Couce Pico, estas declaracións, procedentes da voz dunha potencia mundial, só contribúen a xerar alarma innecesaria.
O paracetamol é o analxésico máis empregado durante a xestación, tanto para aliviar a dor como para baixar a febre. Neste contexto, Couce Pico explica que a orixe deste mito pode estar nun par de estudos epidemiolóxicos moi pequenos, nos que se detectou unha relación mínima.
Ademais, este tipo de investigacións adoitan presentar sesgos, como no caso dos xemelgos, onde un dos dous podería verse afectado e o outro non. Con todo, actualmente existe un estudo moito máis amplo e exhaustivo publicado na revista científica Journal of the American Medical Association (JAMA), no que non se atopou ningunha relación entre o uso de paracetamol durante o embarazo e o autismo nos nenos.
Resistencia das sociedades científicas
A sociedade científica mostra a súa resistencia a estas declaracións, contando con representacións tanto da Axencia Europea do Medicamento (EMA, polas súas siglas en inglés) como da Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios (AEMPS). Hai dous días, esta última institución publicou un comunicado no que sinala a falta de evidencia científica que respalde as afirmacións de Trump.
O obxectivo é enviar unha mensaxe tranquilizadora ás mulleres embarazadas: “As embarazadas poden seguir empregando este medicamento cando sexa necesario”. A AEMPS rexeita o anuncio da FDA (Food and Drug Administration), subliñando que no mesmo comunicado o organismo estadounidense non corrobora a existencia de ningunha relación causal entre o paracetamol e o autismo.
Segundo a AEMPS, o paracetamol pode manterse como opción terapéutica durante o embarazo sempre que exista indicación clínica, aplicando medidas de uso prudente e avaliando o control da febre e da dor de xeito individualizado: “A febre non tratada e a dor intensa tamén conlevan riscos”, explica a Axencia.
Como medida preventiva, a AEMPS actualizou a información nos medicamentos que conteñen paracetamol, engadindo a seguinte advertencia: “Os estudos epidemiolóxicos sobre o neurodesenvolvemento en nenos expostos a paracetamol no útero mostraron resultados non concluíntes”.
O paracetamol nas embarazadas
A catedrática da USC lembra que o embarazo é un momento da vida no que, cantos menos fármacos se consuman, mellor. Con todo, como ocorre con calquera medicamento, non se debe usar de forma indiscriminada, senón baixo indicación médica, especialmente en casos de dor considerable ou febre. “Se hai unha indicación, por suposto que hai que seguir tomándoo”, sinala Couce Pico.
Así, asegura que as embarazadas non deben evitar o consumo de paracetamol se o precisan. Ademais, o seu uso está permitido durante todas as fases do embarazo. A atención debe centrarse na dose e na duración do tratamento: sempre usar a mínima dose efectiva e durante o menor tempo posible. “Isto non se debe facer só co paracetamol, senón con todos os fármacos”, advirte a especialista.
No caso concreto do paracetamol, non se atoparon casos de toxicidade fetal ou neonatal, nin tampouco malformacións conxénitas asociadas ao seu consumo. “Durante o embarazo hai unha serie de cambios hormonais, e estas declaracións poden causar certo medo“, puntualiza Couce Pico.
Mensaxes deste tipo, procedentes dunha persoa con grande influencia mediática, provocan alarma baseada no descoñecemento. “No tema sanitario, non é coñecedor en absoluto”, protesta Luz Couce, lembrando o que xa pasara durante a pandemia coa inxección desinfectante a base de lixivia. Entón, que pensarán as mulleres que están a pasar por embarazos complicados, nos que o paracetamol é o único remedio que lles permite aliviar a dor?
O papel dos sanitarios ante unha mensaxe alarmante
Para Luz Couce, un dos factores clave para mitigar xerada é o papel dos profesionais sanitarios. “A nosa mensaxe tamén debe chegar, mostrando está baseada na evidencia científica e non en lanzar unha información sen fundamento”, explica. Para moitas mulleres, isto podería traducirse nunha violencia simbólica, con citas de Trump como: “Sentirás incómoda. Quizais non sexa tan fácil. Pero non o tomes se estás embarazada”.
A catedrática da USC subliña que é unha loita sanitaria fronte a mensaxes sen fundamento. “Penso que non podería ter dereito a dicir estas afirmacións sobre cuestións sanitarias”, comparte. Así, agarda a que, dependendo da fiabilidade da fonte, as mulleres poidan tomar decisións informadas sobre o seu tratamento durante o embarazo.
“En España temos profesionais que actúan segundo a evidencia e non segundo suposicións“, asegura, ao tempo que espera que a mensaxe dos sanitarios contrarreste a do líder estadounidense e os seus organismos. “Paréceme que esta mensaxe xa tivo demasiada repercusión, e por iso hai que silenciala e contrarrestala”, engade.
As embarazadas poden estar tranquilas: o paracetamol pódese empregar para reducir a dor e a febre durante o embarazo cando sexa necesario, seguindo sempre as recomendacións médicas. A pediatra confía en que a polémica xerada pola declaración de Trump non teña maior repercusión: “Sexamos intelixentes e non lle fagamos caso”.















