Un estudo galego revela que o tratamento do TDAH mellora o equilibrio e altera o olfacto

Investigadores do CiMUS da Universidade de Santiago demostran que o metilfenidato afecta aos sentidos e normaliza a percepción da dor.

O tratamento máis común para o trastorno por déficit de atención e hiperactividade (TDAH) non só mellora os síntomas condutuais, senón que tamén afecta á forma en que nenos, nenas e adolescentes procesan os estímulos sensoriais. Esa é a conclusión dun estudo do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS), tras unha revisión sistemática de preto de 600 estudos europeos.

Os resultados confirman que o metilfenidato (MPH), o fármaco máis utilizado para tratar o TDAH, mellora o equilibrio e normaliza a percepción da dor, aínda que pode deteriorar a capacidade para discriminar olores. “Ningún estudo europeo abordara ata o de agora como os biomarcadores farmacoxenéticos inflúen na resposta sensorial ao metilfenidato”, explica Montse Fernández, que lidera o Grupo de Investigación en Cognición, Neurodesenvolvemento e Xénero do Grupo de Medicina Xenómica. A experta asegura que esta investigación abre unha liña prometedora para avanzar cara tratamentos máis personalizados.

Publicidade

Impacto sensorial do tratamento

O TDAH é o trastorno do neurodesenvolvemento máis común en nenos, nenas e adolescentes. Os seus síntomas principais, déficit de atención e impulsividade e hiperactividade, afectan o rendemento escolar, a vida familiar e as relacións sociais. Con todo, hai pacientes que tamén presentan alteracións no procesamento sensorial.

Esta investigación mostra que o metilfenidato ten efectos concretos sobre os sentidos. A nivel de audición, o uso de ruído branco mellora o rendemento en tarefas cognitivas en pacientes con tratamento. No que respecta ao equilibrio, mellora o control postural e a estabilidade corporal e a nivel da dor, permite unha percepción da mesma máis axustada fronte a aquelas persoas non tratadas, que tenden a sentir menos da habitual. No que a olfacto se refire, observan unha peor discriminación de olores nalgúns pacientes tratados.

Publicidade

“Estes achados lémbrannos que os tratamentos non só inflúen na conduta, senón tamén en como as persoas con TDAH a tratamento con MPH interpretan o mundo que as rodea”, sinala Fernández. A doutora afirma que comprender estes cambios é clave para mellorar a súa calidade de vida.

Camiño cara á medicina personalizada

O estudo tamén subliña o potencial dos biomarcadores farmacoxenéticos para adaptar a medicación ás características individuais de cada paciente. Adaptar certos medicamentos ao perfil farmacoxenético do paciente xa é unha realidade nos nosos hospitais galegos, segundo destaca a Olalla Maroñas líder do grupo GenDeM. Para o metilfenidato queda por descubrir que rexións no ADN nos van permitir optimizar os efectos terapéuticos e minimizar os efectos secundarios do fármaco. “Niso estamos a traballar, no desenvolvemento dunha medicina máis personalizada na abordaxe do TDAH” sinala Maroñas.

O CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela está dedicado á investigación de vangarda no ámbito das enfermidades crónicas. A súa misión é xerar coñecemento de alto impacto, conectado coa sociedade e ao servizo dos pacientes. A súa actividade organízase en dous grandes programas: o de Mecanismos Moleculares das Enfermidades e o Integrativo Traslacional. Estes conectan o coñecemento fundamental coa translación clínica, cunha clara orientación cara á transferencia de tecnoloxía e a innovación terapéutica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Inestabilidade e risco extremo de incendio: así será o tempo durante a fin de semana en Galicia

O vento do nordés deixará case 20 graos de diferenza entre o sur e o norte da comunidade galega

O polbo e dúas especies de lura, entre os cefalópodos máis vulnerables ao quecemento do mar en Galicia

Un estudo internacional no que participa o IEO de Vigo analiza como a temperatura, salinidade e profundidade condicionan a distribución das especies

Un modelo da UDC simula como se comportará a rótula tras unha operación de prótese de xeonllo

A ferramenta desenvolvida no CITENI permite comparar diferentes escenarios cirúrxicos e adaptados ás características de cada paciente

Unha noite máxica: estas son as imaxes da eclipse do 12 de agosto en Galicia

O evento congregou grandes grupos de persoas tanto dentro da franxa de totalidade como na de parcialidade