* Un artigo de 

Máis dunha vez notaría que algúns olores (como o do feo acabado de segar como lle ocorría a León Tolstoi) ou un sabor (o dun té con madalenas como narra Marcel Proust) rescatan do esquecemento un vívido recordo da súa infancia.

A cultura popular suxire que determinados olores son poderosos recordatorios de experiencias autobiográficas dos nosos primeiros anos. A isto denominóuselle fenómeno Proust, na honra do escritor francés Marcel Proust. Vexamos o que se sabe del desde unha perspectiva neurocientífica.

Grazas aos sentidos do olfacto e o gusto podemos percibir un elevadísimo número de moléculas presentes no mundo exterior. Estas están relacionadas non só coas substancias alimentarias, senón tamén con outras potencialmente perigosas.

A memoria dos seus efectos permite aceptar ou rexeitar algunhas delas a longo prazo. Ademais, en moitas especies (aínda que non na nosa) o olfacto facilita a detección de feromonas, as cales producen importantes cambios conductuais.

Como percibimos os olores?

Nunha serie de transcendentes traballos experimentais, recoñecidos en 2004 cun Premio Nobel, Linda B. Buck e Ricard Axel demostraron que os receptores olfactivos son proteínas sensibles á presenza de determinados olores.

Estas proteínas localízanse nas terminacións sensibles de neuronas receptoras situadas nas fosas nasais. Nos seres humanos hai unhas 350 proteínas diferentes pero outras especies, como o rato, expresan máis de mil.

Parecen poucas, pero cada substancia olorosa activa unha combinación destes receptores. Por iso, a cantidade de olores diferentes que se poden percibir é enorme na práctica.

Pola contra, nas papilas gustativas situadas principalmente na lingua só existen receptores para cinco sabores: doce, salgado, amargo, ácido e umami (o que producen os aminoácidos como o glutamato).

En realidade, o sabor dos alimentos non depende en exclusiva da activación destes receptores gustativos. Tamén depende das substancias volátiles que a mastigación envía desde a cavidade bucal aos receptores olfactivos pola vía retronasal.

O mesmo sucede con outros factores como a textura e a temperatura do que se come, da súa presentación visual e do seu olor. É dicir, o que chega aos receptores desde o exterior por vía anteronasal.

Hai unha diferenza fundamental na forma en que a información procedente dos distintos tipos de modalidades sensoriais (visión, tacto, presión, dor, audición, equilibrio, gusto e olfacto) chega ao cerebro.

Todas estas vías nerviosas, salvo a olfacción, chegan á codia cerebral. Alí alcanzan un nivel consciente, a través do tálamo. Este último denomínase así porque é como un leito sobre o que se asenta toda a codia cerebral.

En que parte do cerebro se gardan os olores?

Pola contra, as vías nerviosas que transmiten a información do olfacto alcanzan directamente centros nerviosos relacionados co noso mundo interior. Ou sexa, aquel no que se xera e almacena o noso acervo emocional, tanto consciente como inconsciente. Entre estas estruturas nerviosas destacan as seguintes:

  • En primeiro lugar, o núcleo da amígdala. Este relaciónase principalmente con emocións negativas ou desagradables e con aprendizaxes de tipo aversivo orientados a evitar estímulos que evoquen esas situacións.
  • En segundo lugar está o hipocampo. Nel procésanse ou se reactivan as memorias que conforman a nosa autobiografía non só cognitiva senón tamén sentimental. Son as denominadas memorias episódicas, as cales permiten, mesmo a moi longo prazo, o recordo consciente de momentos persoais e precisos do noso pasado.
  • E, por último, unha porción da codia situada na rexión máis anterior do cerebro, a codia orbitofrontal. Esta relaciónase coa toma de decisións. É dicir, coa nosa capacidade de elixir entre distintas alternativas.

En resumo, a argumentación arriba indicada, baseada sobre todo en consideracións de tipo neuroanatómico, é a mellor fundamentación dispoñible ata o momento para xustificar por que os estímulos do olfacto asociados a importantes vivencias ocorridas durante a nosa infancia teñen tanto poder evocador.

En calquera caso, outros estímulos sensoriais, como a música, teñen tamén un fácil acceso ao noso mundo emocional. Por exemplo, é fácil sentirse apesarado cando oímos a famosa aria “Un bel dei, vedremo…” de Madame Butterfly.

Como se almacenan os recordos

Por iso, os neurocientíficos tratan de dilucidar desde hai uns anos non xa onde, senón tamén como ten lugar a reactivación de memorias cunha forte tonalidade emocional e que están asociadas a estímulos sensoriais olfactivos ou doutras modalidades sensoriais.

Desde un punto de vista psicolóxico experimental parece certo que estímulos de orixe olfactiva se manteñen máis tempo na memoria ca, por exemplo, outros de orixe visual.

Agora ben, unha cousa é a memorización no laboratorio de tarefas e situacións para o seu estudo experimental e outra a recreación de situacións vividas polos suxeitos no seu pasado recente ou remoto.

En relación co segundo punto, demostrouse de modo experimental que unha memoria autobiográfica relacionada cun olor determinado evócase con maior facilidade utilizando ese olor como detonante que utilizando o nome do olor, unha percepción non relacionada ou unha imaxe asociada tamén á citada memoria.

Algúns destes estudos realizáronse en persoas con técnicas de imaxe cerebral, como a tomografía por emisión de positróns ou a resonancia magnética funcional. Estas permiten precisar con detalle que estruturas cerebrais (como as arriba indicadas) se activan durante a evocación de memorias autobiográficas.

Seguramente tardaremos un tempo en atopar a resposta adecuada a estas cuestións. Non se trata de determinar se o olor é o mellor e máis potente estímulo para asociar a memorias que queremos gardar do noso pasado emocional. Hai unha pregunta elemental e previa que contestar: onde e como se transforma o amorodo que se desfai na boca no noso cerebro, primeiro en sabor e finalmente en recordo? Deixo pendente a resposta.


* José María Delgado García é profesor emérito de Neurociencia na Universidad Pablo de Olavide.

Cláusula de divulgación: o autor non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declara carecer de vínculos relevantes alén do cargo académico citado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.