Publicidade

Un novo estudo relaciona o consumo de paracetamol no embarazo co TDAH

O fármaco é o máis seguro para aliviar a febre durante a xestación pero hai controversia sobre os efectos no desenvolvemento neurolóxico dos bebés

Son moi poucos os analxésicos que se poden tomar de forma segura durante o embarazo. O que xera máis consenso por parte da comunidade científica é o acetaminofeno, tamén coñecido como parecematol. Non obstante, diferentes estudos publicados nos últimos anos vincularon este medicamento administrado durante a xestación co desenvolvemento de trastorno de déficil de atención e hiperactividade (TDAH) nos nenos. Unha nova investigación a pequena escala realizada en Estados Unidos vén de ratificar esta conclusión.

O artigo, asinado por científicos de diferentes instituciones norteamericanas, analizou os niveis de paracetamol en sangue de 307 mulleres negras durante o seu embarazo. Os resultados, publicados na revista Nature Mental Health, demostraron que as que consumiron o fármaco nun estadío máis avanzado da xestación deron a luz a nenos co triplo de posibilidades de recibir un diagnóstico de TDAH. No cao das nenas, a exposición ao medicamento no útero asociouse a máis de seis veces o risco de desenvolver o trastorno durante os 10 primeiros anos de vida.

Publicidade

Con todo, os investigadores da Universidade de Washington (Seattle), en colaboración con centros de Nova York, Nova Jersei, San Francisco e Tennessee advirten que estes resultados non son concluíntes. De momento, a evidencia sólida demostra que a dor e a febre poden afectar o feto e ao desenvolvemento do mesmo se non se tratan. E ata o de agora, o paracetamol é o fármaco dispoñible máis seguro que hai para tratar estes síntomas, pese a que na literatura científica se comece a asocialo co TDAH.

Beneficios vs inconvenientes

Os autores indican que os beneficios do paracetamol, como sucede con outros medicamentos, deben sopesarse xunto cos riscos. A diferenza das súas vantaxes, xa contrastadas, os seus riscos a longo prazo aínda non están ben investigados. “Este medicamento foi aprobado hai décadas e podería precisar unha reavaliación por parte da Administración de Alimentos e Medicamentos dos Estados Unidos (FDA)”, afirma a pediatra Sheela Sathyanarayana, unha das autoras do estudo. “O acetaminofeno nunca foi avaliado en relación coa exposición fetal e os seus efectos a longo prazo no desenvolvemento neurolóxico”, aclara a investigadora.

Debido ao pequeno tamaño da mostra do estudo actual, os datos probablemente non sexan o suficientemente sólidos como para cambiar as opinións da FDA, da Axencia Europea de Medicamentos (EMA), o Colexio Americano de Obstetras e Xinecólogos (ACOG), a Sociedade de Obstetras e Xinecólogos de Canadá e a Sociedade de Medicina Materno-Fetal. Todos eles sosteñen que o acetaminofeno expón un risco mínimo cando se usa a dose máis baixa necesaria durante o embarazo.

Por exemplo, o estudo actual non ten en conta factores como o motivo polo que a nai tivo que tomar o paracetamol, como poden ser dor, febre e infecións. “Sabemos que son factores de risco para o desenvolvemento adverso do neno”, indica o xenetista Viktor Ahlqvist do Instituto Karolinska de Suecia que non participou no estudo.

Reexaminar a súa seguridade?

Malia que os autores do artigo publicado en Nature Mental Health consideran que, no futuro, podería examinarse a seguridade do paracetamol durante o embarazo, xa pasaron 10 anos dende que a FDA o fixo. En 2015, a administración estadounidense asegurou que non había evidencia concluínte para conectar o uso do fármaco durante o embarazo do TDAH en nenos. “A maioría dos estudos anteriores pedían ás mulleres que informasen se tomaran calquera medicamento que contivese acetaminofeno”, explica Brennan Baker, autor principal do estudo e investigador na Universidade de Washington.

En 2020, dous estudos —un dirixido por Baker— mediron os niveis de paracetamol en bebés que acababan de nacer e descubriron que os niveis máis altos do analxésico estaban relacionados co TDAH na infancia. Un deles tamén atopou un vínculo co trastorno do espectro autista (TEA). Á luz destes datos iniciais, un equipo internacional de 91 científicos, médicos e profesionais da saúde pública uníronse para instar a tomar “medidas de precaución”.

Medidas de precaución

“O paracetamol é un medicamento importante e as alternativas para o tratamento da febre alta e a dor intensa son limitadas”, escribiron nunha Declaración de consenso para Nature Reviews Endocrinology en 2021. “Recomendamos que se advirta ás mulleres embarazadas ao comezo da xestación para que eviten o acetaminofeno a menos que o seu uso estea indicado por razóns médicas; consulten cun médico ou farmacéutico se non están seguras de se o seu uso está indicado e antes de usalo a longo prazo; e minimicen a exposición usando a dose efectiva máis baixa durante o menor tempo posible”, indicaban.

En resposta ao comentario de 2021, o Colexio Americano de Obstetras e Xinecólogos mantívose firme: “Os trastornos do desenvolvemento neurolóxico, en particular, son multifactoriais e moi difíciles de asociar cunha causa única. O cerebro non deixa de desenvolverse ata polo menos os 15 meses de idade, o que deixa espazo para que os nenos estean expostos a unha serie de factores que poderían conducir potencialmente a estes problemas”. “A guía clínica segue sendo a mesma e os médicos non deben cambiar a práctica clínica ata que se realice unha investigación prospectiva definitiva”.

“Os resultados contraditorios significan que se necesita máis investigación”, conclúe Baker.


Referencia: Associations of maternal blood biomarkers of prenatal APAP exposure with placental gene expression and child attention deficit hyperactivity disorder (Publicado en Nature Mental Health)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que as mulleres dormen peor?

O sono feminino difire do masculino tanto polo rol social como por importantes diferenzas biolóxicas e hormonais

Intelixencia artificial para detectar TDAH nas aulas e outros proxectos de Galiciencia 2024

A feira científica reúne un centenar de traballos de alumnado de Secundaria, Bacharelato, FP e Primaria de toda a comunidade

Moitos adultos sofren TDAH sen sabelo: como detectalo e facerlle fronte

Os estudos apuntan a que a frecuencia do trastorno roldaría o 3%, aínda que a maioría da poboación permanece sen diagnóstico

Os pediatras aconsellan vacinar as embarazadas para evitar casos graves de tosferina

A inmunización das nais xestantes proporciona unha elevada protección aos bebés ata que reciben a súa primeira dose aos dous meses de idade