A toxoplasmose conxénita reaparece en Galicia: que é e como se transmite?

O último informe sobre a infección por 'Toxoplasma gondii' revela que non se rexistraron casos entre 2021 e 2023 na comunidade galega, pero nos dous anos posteriores detectáronse tres

A toxoplasmose é unha das enfermidades fronte as que persoas embarazadas reciben máis advertencias. Trátase dunha infección causada polo parasito Toxoplasma gondii cunha extensión tan ampla que se calcula que ten unha prevalencia global do 31%, o que significa que case unha de cada tres persoas estará infectada por este microorganismo, aínda que sexa de forma latente. Un informe do Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII) en colaboración con diferentes organismos de investigación médica revela que a toxoplasmose conxénita está de volta en Galicia: hai tres novos casos despois de tres anos sen contaxios rexistrados.

No periodo entre 2021 e 2025 notificáronse un total de 25 casos repartidos entre nove territorios nacionais. A Comunidade Valenciana rexistrou o maior número de infeccións conxénitas por Toxoplasma gondii, con seis. Séguena Madrid e Cataluña, con catro casos cada unha. A continuación atópase Galicia, que rexistrou tres casos. Andalucía, Canarias e o País Vasco advertiron de dous casos por comunidade, e as Illas Baleares e Navarra declararon un contaxio cada unha.

Publicidade

Nun informe previo, o Sergas declarara que no periodo do 2012 ao 2018 se notificaran 83 casos, dos cales se confirmaran catro, nos anos 2014, 2016 e 2017. O documento do ISCIII revelou que Galicia non rexistrara contaxios entre o 2021 e o 2023, pero si nos dous anos posteriores. Estas cifras poñen de manifesto que a prevalencia da enfermidade en Galicia, se ben é limitada, experimentou un repunte recente.

Número de casos e taxas de notificación por 10.000 nados vivos, segundo comunidade autónoma, por ano e acumulado no quinquenio. Toxoplasmose conxénita. España, 2021-2025. Táboa tomada do informe do ISCIII sobre a Toxoplasmose
Número de casos e taxas de notificación por 10.000 nados vivos, segundo comunidade autónoma, por ano e acumulado no quinquenio. Toxoplasmose conxénita. España, 2021-2025. Táboa tomada do informe do ISCIII sobre a Toxoplasmose

Galicia e Navarra, líderes en notificacións acumuladas

A taxa de notificación acumulada mide o número total de casos novos dunha afección que foron diagnosticados e notificados ás autoridades sanitarias pertinentes nun periodo temporal específico. Trátase dun indicador que se calcula en relación ao tamaño da poboación exposta.

Publicidade

Galicia e Navarra son as comunidades autónomas de España cunha maior taxa de notificación acumulada de toxoplasmose conxénita no periodo entre 2021 e 2025, con 0,41 casos comunicados por 10.000 nados vivos. Séguenas a Comunidade Valenciana, Canarias e País Vasco, todas por debaixo dos 0,35.

A este respecto, o informe sinala que Galicia e Navarra son comunidades “onde o cribado xestacional se realiza de xeito habitual nos seus hospitais e o consumo de augas de manantial sen tratamento nalgún destes territorios podería chegar a favorecer un maior contacto da poboación co parasito”, o que apunta o consumo de augas contaminadas e a maior representación nas estatísticas debido á realización de probas como posibles causas para a cifra que presentan as dúas poboacións.

Porén, realizar estas observacións para cada ano (en lugar de no conxunto do lustro estudado) amosa resultados diferentes. Se se analizan as taxas acumuladas anuais, Galicia queda en terceiro posto, con 1,48 casos notificados por 10.000 nados vivos no ano 2025. Supérana a Comunidade Foral de Navarra (2,07 casos por 10.000 nados vivos en 2023) e o País Vasco, tamén con cifras do 2025 (1,54). Se se pon o foco tan só no último ano recollido no informe, Cataluña, Galicia e o País Vasco declararon o maior número de casos, con dous en cada un destes territorios.

Que é a toxoplasmose conxénita e como se detecta?

O informe define a toxoplasmose conxénita (TC) como unha “consecuencia da transmisión fetal por vía transplacentaria de Toxoplasma gondii tras unha infección materna”; isto é, o contaxio entre persoa xestante e feto dunha infección de toxoplasmose. A análise recoñece que se trata dunha enfermidade pouco frecuente no contexto nacional, mais o seu impacto na saúde das persoas máis vulnerables vólvena un punto de atención para o sector sanitario, en especial por parte das especializacións pedriáticas.

“En España, a taxa de seroprevalencia [porcentaxe dunha poboación con anticorpos no sangue contra un axente infeccioso concreto] en mulleres embarazadas diminuiu de xeito paralelo á mellora dos hábitos hixiénicos e as medidas de control sanitario, atopándose na actualidade nun 15-16%“, explica o informe. O documento engade que a maioría das infeccións maternas acontecen no terceiro trimestre e que identificalas depende maioritariamente de cribados prenatais. “Porén, a baixa incidencia da infección na embarazada conduciu a que a Sociedade Española de Xinecoloxía e Obstetricia (SEGO) non recomende o seu cribado sistemático“, apunta o texto. Así, realizar estas probas é unha decisión que tomará cada hospital.

Dende o Sergas engaden: “A infección materna diagnostícase mediante seroconversión ou polo aumento significativo dos anticorpos IgG durante o embarazo; ou ante a presenza de IgM positiva con IgG de baixa avidez”. Así e todo, o informe do ISCIII recoñece que a detección desta enfermidade é complexa debido a tres razóns principais: a frecuente ausencia de síntomas, as limitacións das probas diagnósticas e a variabilidade dos programas de cribado prenatal.

Cales son os síntomas?

O informe sinala que a poboación infantil infectada adoita ser asintomática, pero en torno a un 20% —unha porcentaxe que, engaden, “podería incrementarse nos próximos anos”— chegan a presentar coriorretinite no nacemento, unha inflamación da coroide e a retina, dúas membranas oculares. O documento explica o posible aumento porcentual debido a que a ausencia do cribado sistemático (e o tratamento prenatal e posnatal requirido) eleva o risco de secuelas, tanto neurolóxicas como oculares. Un informe do Sergas completa que estes danos poden non manifestarse ata a segunda década da vida. Apuntan, ademais, que de producirse a infección fetal no primeiro trimestre non só se presenta a coriorretinite, senón que poden darse tamén: hidrocefalia, convulsións e calcificacións cerebrais bilaterais.

Un artigo publicado na Revista Española de Salud Pública engade que, no caso conxénito, a toxoplasmose pode causar “abortos e malformacións durante a xestación, presentar graves síntomas ao nacemento, con micro e macrocefalia, afectacións do sistema nervioso central, auditivas e oculares“, e confirma que a aparición dos síntomas pode retrasarse mesmo ata a adolescencia.

A clave da prevención: a hixiene

O Sergas sinala que hai dúas formas de previr a toxoplasmose: a primaria, que consiste en evitar a aparición da enfermidade, e a secundaria, que procura detectala de xeito precoz. “A prevención primaria consiste en fomentar hábitos hixiénicos saudables na embarazada, de forma imprescindible nas que son seronegativas para toxoplasma [isto é, as que carezan de anticorpos contra o Toxoplasma gondii]”, apunta a institución sanitaria galega.

Nun segundo nivel, está a prevención secundaria: “Basease no diagnóstico precoz da primoinfección materna para adoptar medidas que eviten ou diminúan a transmisión ao feto. No caso de infección materna, a xestante deberá seguir tratamento e realizaranse ecografías seriadas en busca de afectación do sistema nervioso central do feto”, contan dende o Sergas.

Os animais e a toxoplasmose

O informe do ISCIII recolle que os felinos con acceso ao exterior —”incluídos os gatos comunitarios integrados en programas de control baseados no método de Captura-Esterilización-Retorno (CER) e aqueles asociados a explotacións gandeiras— teñen unha maior seroprevalencia que os gatos de interior, é dicir, que aqueles que pasean polas rúas e, sobre todo, interactúan con outros animais, se infectan con máis frecuencia co parasito Toxoplasma gondii.

Mais aínda que adoita asociarse o contaxio da toxoplasmose coa poboación felina, non son os únicos animais capaces de transmitir esta zoonose. En concreto, o gando ovino, caprino e vacún teñen unha certa seroprevalencia en Galicia. No caso das ovellas, a comunidade galega presenta unha prevalencia do 57%, tan só por detrás de Cáceres e Cidade Real, cun 62,3%. Para as cabras, o valor de Galicia é do 48%, superado unicamente polo 70% de Madrid. Ao falar do gando vacún, o estudo sinala que a súa seroprevalencia en torno a este parasito é baixa en España. No caso galego, só rexistrou un 7,3%.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un novo estudo relaciona o consumo de paracetamol no embarazo co TDAH

O fármaco é o máis seguro para aliviar a febre durante a xestación pero hai controversia sobre os efectos no desenvolvemento neurolóxico dos bebés

Por que as mulleres dormen peor?

O sono feminino difire do masculino tanto polo rol social como por importantes diferenzas biolóxicas e hormonais

Os pediatras aconsellan vacinar as embarazadas para evitar casos graves de tosferina

A inmunización das nais xestantes proporciona unha elevada protección aos bebés ata que reciben a súa primeira dose aos dous meses de idade

Interveñen con éxito un tumor nunha bebé que aínda estaba en período de xestación

Un equipo do Hospital La Fe de Valencia salva a vida da pequena, de 28 semanas, e da súa nai, nunha intervención pioneira en España