Que sabemos realmente dos gatos?

Son pouco sociables e sempre van ao seu? Como de perigosos son para as persoas embarazadas? E poden aprender ordes?

Se falabamos a pasada semana dos cans, nesta ocasión toca coñecer máis sobre outra das especies máis habituais nos fogares: os gatos. Baixo o nome científico de Felis silvestris catus (subespecie dos gatos salvaxes, ou monteses, coñecidos como Felis silvestris), os gatos domésticos amosan unha importante diversidade de razas. Mais sobre todos eles hai moitos trazos comúns que se espallan ás veces como mitos e crenzas sobre o seu ‘carácter’.

Desde hai moito tempo, arredor deles xiran moitas refráns e supersticións. De noite, todos os gatos son pardosA curiosidade matou o gatoSardiña que leva o gato xa nunca volve ao prato… E que dicir dos gatos negros, sinal de bruxería para algunhas civilizacións, e sagrados para outras. Poucas veces deixan á xente indiferente. Hai quen os detesta, e hai quen os ama intensamente. Nos últimos anos, coa explosión das redes sociais, convertéronse nun dos animais que máis publicacións protagoniza polas curiosas escenas que provocan.

Publicidade

Mais que di a ciencia sobre a súa sociabilidade, a súa capacidade para aprender ordes, o seu risco para persoas embarazadas…? Falamos con Ángela González Martínez, doutora en Veterinaria, profesora da USC e responsable do servizo de Medicina do Comportamento no Hospital Veterinario Universitario Rof Codina de Lugo.

Poden aprender ordes?

“Obviamente, son distintos aos cans, cos que desde hai moito tempo se traballou neste sentido. Pero si que se lles pode ensinar moitas cousas aos gatos. O meu, por exemplo, sabe sentarse, acode á chamada…”, explica Ángela. Do mesmo xeito, “algún estudo expón que consegue facer unha aprendizaxe por imitación. É fácil ensinarlles, hai que atopar a súa motivación, pero hai moitos exemplos nos que se ve claramente que é posible que aprendan”, engade a veterinaria da USC.

Publicidade

Sociabilidade

Moitas veces crese que van ao seu, que non son nada sociables con outras persoas e animais, e non se pode contar moito con eles. Pero é isto certo? “Son sociables facultativos; é dicir, son capaces de vivir sós, sobre todo en situacións nas que, por exemplo, hai pouca comida. Se viven nun lugar onde hai moita comida, como por exemplo as colonias felinas, nas cidades, van vivir en grupo”, explica Ángela González.

Neste sentido, ao convivir con outros gatos obsérvanse o que se chaman “condutas afiliativas”, destaca a investigadora. “Son actitudes que serven para facer o vínculo máis estreito con outros individuos: acaríñanse, lamben as orellas uns dos outros, durmen xuntos, etc”. E apunta tamén a veterinaria da USC que isto se estende aos humanos: “O mesmo acontece connosco, xa que disfrutan da nosa compañía, saúdannos, frótanse contra nós, lambénnos, xogan, etc. Algúns estudos que abordaron os vínculos entre gatos e os seus titores atoparon apegos semellantes aos dos cans cos seus donos, e mesmo parecidos aos de nenos coas súas nais”.

Son perigosos durante o embarazo?

Os gatos adoitan convivir con moitas familias nos seus fogares durante anos. Porén, hai un momento crítico no que, por precaución, hai quen se separa del durante un tempo cando se produce un embarazo: isto débese ao parasito Toxoplasma gondii, moi habitual nos gatos, pero que en moi raras ocasións lles causa problemas de saúde. Este organismo habita no intestino, e o gato elimínao por vía fecal. É entón cando xorde o posible risco, xa que a toxoplasma si pode causar problemas de saúde, a coñecida como toxoplasmose, sobre todo en fetos, e que se manifestan nos bebés de curta idade.

“Nun principio si que poderían contaxiar a toxoplasmose, pero mantendo un mínimo de condicións hixiénicas non debería haber problema. Por facer unha comparación, é moito máis fácil contraer a toxoplasma comendo unha verdura mal lavada ca a través dos gatos”, destaca Ángela González. A veterinaria recomenda ler o posicionamento de AVEPA (Asociación de Veterinarios Especialistas en Pequenos Animais), onde se explica o ciclo da toxoplasma, e se expoñen as medidas básicas de precaución para evitar riscos.

Por tanto, se non queres separarte do teu gato, abonda con ser algo máis coidadosos coa hixiene. E neste tempo, co coronavirus moi presente, a hixiene é un aspecto máis esencial se cabe. “Se estamos embarazadas debemos ter certas precaucións hixiénicas, como lavar a bandexa do gato a diario, e usando sempre luvas. Temos que destacar que a eliminación da toxoplasma nos gatos é fecal, é dicir, non vai estar no aire, no pelo, etc.”, conclúe Ángela González.


Coa colaboración de


Referencias:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A cuarta edición do concurso Youtubers Científicos ábrese a estudantes de secundaria

A iniciativa da UVigo busca identificar e apoiar os futuros creadores de contidos relacionados coa divulgación da I+D+i

A UVigo bota man de tres ‘Galinfluencers’ para celebrar o Día da Ciencia en galego

Prado Rúa, Iago Gordillo e Esther Estévez compartirán co público as súas experiencias

Máis dun cento de actividades espallarán a ciencia por Galicia noutra edición da G-Night

Unha gran feira en Vigo, un roteiro en Pontevedra e charlas en Ourense, principais fitos da Noite Galega das Persoas Investigadoras

GCiencia abre o ciclo de faladoiros "Os mundos científicos de Vigo"

Os relatorios darán comezo o luns no edificio Redeiras cunha charla introdutoria que leva por título 'A divulgación científica en Galicia'