Cambio climático: un fenómeno natural que a man humana está acelerando

A emisión de gases de efecto invernadoiro de orixe antrópica provoca un quecemento a un ritmo de consecuencias impredicibles

Sabías que nos últimos 15 anos se concentran 10 dos anos máis cálidos da Historia? E que os últimos cinco coinciden cos de maior temperatura rexistrada no planeta? Na última semana de 2020, a Organización Meteorolóxica Mundial confirmou que a década de 2011 a 2020 foi a máis cálida desde que hai datos. O aumento da temperatura na Terra, e as consecuencias que isto ocasiona, son sen dúbida un dos maiores desafíos que a Humanidade terá que afrontar nos vindeiros decenios. Institucións de todo o mundo advirten que o impacto da actividade humana nos ecosistemas terá consecuencias inesperadas e impredicibles, e que moitas veces están conectadas: non son poucas as voces que advirten que a propagación de enfermidades, o dano causado por especies exóticas invasoras ou as migracións desencadeadas polo cambio climático xerarán un efecto dominó que mudará a vida de moitas persoas.

Pero canto de natural e canto de inducido ten o fenómeno do cambio climático? Algúns sectores da sociedade seguen sementando dúbidas sobre o aumento da temperatura global e as concentracións de gases de efecto invernadoiro que se vén detectando desde a Revolución Industrial. É certo que o planeta pasou por moitos cambios climáticos durante os últimos centos de miles de anos. Hai sinais, por exemplo, de que o Sahara foi unha terra verde 10.000 anos antes de agora. E a última glaciación, por exemplo, unía as Illas Británicas con Europa, e levaba a costa galega varios quilómetros mar adentro; unha paisaxe onde non existían como tales as rías que vemos hoxe. Pero os cambios observados en apenas dous séculos son maiores cós observados nos rexistros climáticos dos tres millóns de anos anteriores (é dicir, 30.000 séculos).

Os impactos son múltiples: cada vez é máis frecuente que furacáns e tormentas con características tropicais, que xa causan serios danos noutras zonas do planeta, se acheguen ás latitudes e lonxitudes da península Ibérica… Ao tempo, as secas son cada vez máis longas…. O aumento do nivel do mar e da súa temperatura está a provocar unha importante erosión no litoral, e produce fenómenos extremos en moitas partes do planeta… O desxeo nas zonas máis frías está mudando a gran velocidade estas paisaxes. Moitas especies, asediadas pola actividade humana e as súas consecuencias, quedan sen marxe de manobra para sobrevivir, e a deforestación de amplas zonas déixaas tamén sen espazo… Mais hai quen segue dubidando de que este cambio global sexa algo máis ca unha anécdota. Como abordar e debater sobre estas crenzas?

“Houbo moitos cambios bastante drásticos nos últimos 600.000 anos. Neste tempo houbo, polo menos, seis períodos glaciares, nos que o clima cambiou radicalmente e era moi distinto do que temos hoxe”, expón Gonzalo Míguez Macho, profesor de Física Atmosférica da Universidade de Santiago de Compostela. Porén, o que antes tardaba moitas xeracións en observarse, agora pode verse no que dura a vida dunha persoa. “Unha das evidencias de que somos os humanos que estamos provocando este quecemento é que este se está producindo un ritmo bastante máis rápido do que eses outros cambios climáticos ocorrido no pasado”, continúa Míguez.

Imaxe
Anomalías de temperatura xaneiro-novembro respecto aos valores medios entre 1880 e 2020. Fonte: WMO/NOAA.

Tal e como constatan as investigacións a gran escala sobre a historia do clima, sábese que a concentración dos gases de efecto invernadoiro (GEI) está directamente relacionada coa temperatura da Terra, e que esta concentración está aumentando a gran velocidade desde o desenvolvemento industrial iniciado a finais do século XVIII. O máis abundante destes gases, o dióxido de carbono, é precisamente o que resulta da queima de combustibles fósiles que a Humanidade iniciou a gran escala desde hai poucos séculos.

“En tres ou catro decenios, a temperatura está aumentando practicamente 1ºC”, expón Gonzalo Míguez, que ao tempo apunta que “se teñen evidencias de que a cantidade de CO2 que había nos últimos 800.000 anos”, a partir dos estudos realizados e que “a cantidade que temos agora é moito maior do que houbo nestes centos de miles de anos”.

Diante disto, entidades como as Nacións Unidas, a través do Panel Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (co acrónimo IPCC, polas iniciais en inglés) desenvolveu proxeccións para os posibles escenarios nos vindeiros decenios. Así, mesmo nas predicións menos daniñas, algúns ecosistemas esenciais para os sistemas climáticos da Terra, como as selvas tropicais e ecuatoriais e as tundras árticas e antárticas, poderían sufrir cambios drásticos que afecten ao resto do planeta.

O efecto invernadoiro

O coñecido como efecto invernadoiro non é, de seu, un problema para a vida, senón todo o contrario. “O feito de que a terra sexa habitable é debido á presencia na atmosfera de gases que producen este efecto, que é natural, e o que fai é que a Terra se quede con calor do Sol e mantendo unha temperatura máis morna e máis fácil para a vida”, destaca Míguez Macho. En ausencia destes gases, a temperatura sería moito máis fría e, por tanto, a vida non sería posible.

“Pero claro, moito de este efecto tampouco é bo, xa que fai que o efecto sexa máis potente e que a temperatura aumente máis”, advirte o físico da USC. Nos últimos anos, as medicións realizadas constatan un progresivo aumento: en observatorios de referencia, como o que o goberno estadounidense ten en Mauna Loa (Hawai) a concentración de CO2 pasou en 10 anos das 390 ás 414 ppm (partes por millón), e é probable que se siga incrementando nos vindeiros anos a pesar das estratexias de freo de emisións, xa que o gran volume de combustibles fósiles que se queiman e se emiten á atmosfera potencian este efecto e fican durante moito tempo ata que volven ser captadas polos ecosistemas terrestres.  As consecuencias deste incremento son, en parte, imprevisibles, xa que non sabemos como vai reaccionar o sistema natural que regula o planeta, e que se ve influído por numerosas interaccións.

“Temos un coñecemento bastante bo, e cada vez mellor, de como funciona o clima, e así podemos desenvolver modelos matemáticos para observar a temperatura nos últimos decenios. E se non incluímos esta perturbación antropoxénica que supón queimar combustibles fósiles, non podemos reproducir este aumento de temperatura”.

A adaptación e a mitigación son dúas das palabras clave diante do futuro que temos por diante. Os obxectivos máis optimistas aspiran a limitar o aumento da temperatura a finais do século a 1,5ºC respecto aos niveis previos á Revolución Industrial. Pero isto require dun compromiso a todos os niveis, desde os gobernos máis poderosos ata o cambio de hábitos en cada un de nós: a produción de enerxía, o transporte, a industria, as construcións, a vida cotiá… Todos os eidos afrontarán no século XXI unha profunda transformación para acadar sociedades ‘neutras’ en carbono; é dicir, que a cantidade de CO2 emitida á atmosfera (contaminación) sexa a mesma que a que se retira a través de distintas vías (maior superficie de bosques que captan estes gases, maior pulo das enerxías renovables, sistemas enerxéticos máis eficientes, etc.).

QUIZ: O cambio climático, un fenómeno natural que a man humana acelera


Coa colaboración de

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.