Sábado 20 Abril 2024

O impacto do Nadal na pandemia: de novo ás cegas á porta da terceira onda?

A mobilidade nas festas, as reunións sociais e o levantamento de restricións comezan a amosar un aumento na incidencia nos últimos días

A primera e a segunda onda da pandemia da Covid-19, que se corresponderon coa primavera e o outono de 2020, serviron para aprender moitas cousas sobre a transmisión do coronavirus SARS-CoV-2. Tanto a comunidade científica como os gobernos e o conxunto da sociedade foron asimilando en tempo real cales eran os escenarios nos que aumentaba ou diminuía o risco de infeccións. E a pesar do gravísimo impacto en moitas partes do planeta que segue a ter a pandemia, xa se albisca un 2021 máis optimista ante a administración das distintas vacinas aprobadas. Porén, queda un tempo crítico por diante, á espera de que a inmunización da poboación sexa suficiente para, canto menos, reducir o número de casos graves que requiren de hospitalización e poden chegar a causar a morte das persoas afectadas. Pero no futuro máis inmediato, as cifras dos últimos días, no contexto da relaxacións das restricións do Nadal, apuntan a que xaneiro pode traer unha terceira onda. E o temor nas autoridades sanitarias e os gobernos é que, de novo, se estea producindo unha transmisión ás cegas que poida estourar cando xa sexa tarde para contela.

A pesar das informacións sobre a variante do SARS-CoV-2 detectada no Reino Unido (e da que xa se confirmou un caso en Galicia este mércores), que parece ter unha maior capacidade de transmisión, non parece que o aumento de casos detectado nas últimas semanas en España garde relación con este factor. Así o confirman análises realizadas nalgunas das zonas máis afectadas pola repunta, como Baleares, onde o servizo de Microbioloxía do hospital de Son Espases descartou a posibilidade de que a variante producise o incremento de incidencia. Pero tal e como demostrou o problema causado pola variante do coronavirus no Reino Unido, e os graves problemas aos que se enfrontaron moitos países de Europa neste outono, a incerteza arredor do comportamento do virus segue sendo un factor moi a ter en conta. Pero o agravamento da situación fai medrar nos últimos días as voces que apuntan á posibilidade dun novo confinamento a comezos de 2021 para conter o previsible aumento de transmisión no Nadal.

Publicidade

O contexto en España

Despois dunha segunda onda que se adiantou en España respecto a outros países de Europa, a tendencia estaba a ser descendente desde mediados de novembro. Tras superar unha incidencia acumulada de 525 casos/100.000 habitantes, a media estatal chegou a estar por baixo dos 200 a mediados de decembro, sendo unha das máis baixas á súa vez na UE.

A tendencia positiva levou a que Fernando Simón, director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES), apuntase que España se encamiñaba a un escenario máis optimista, e que o Goberno traballaba cun horizonte, aínda que “difícil” de acadar, de 50 casos acumulados por cada 100.000 habitantes en 14 días.

Pero xa desde a ponte festiva de comezos de decembro se comezou a albiscar un estancamento, que se tornou en repunta nalgunhas áreas do territorio estatal. Así, os últimos informes de Sanidad sitúan xa a incidencia media por riba de 250, e preocupan especialmente rexións como Baleares (~520), Madrid (~350), Cataluña (~330) ou C. Valenciana (~365). Desde algunhas destas zonas estanse están producindo no Nadal importantes desprazamentos cara a outras áreas, o que podería incrementar a incidencia no conxunto do territorio.

 

Fonte: Ministerio de Sanidad.
Fonte: Ministerio de Sanidad.

A situación en Galicia

A comunidade galega mantense, 10 meses despois do comezo da pandemia, cunha das incidencias máis baixas no territorio estatal, o que tamén se traduce nunha baixa ocupación nos hospitais. Xunto con Canarias, é a zona que non sufriu, ata o momento, un serio agravamento da pandemia. Outras zonas como Asturias ou Baleares, que tamén se mantiñan en niveis relativamente baixos, experimentaron desde o outono semanas moi complicadas.

Pero os datos dos últimos días tamén incrementan a preocupación. A última actualización de Sanidade, que recolle os datos entre as 18 horas do día 28 e a mesma hora do 29, dá conta de 411 positivos confirmados por PCR. E a revisión da serie histórica, que se actualiza con días de retraso, xa apunta a que a tendencia das últimas semanas colocan a media diaria de novos positivos na contorna dos 400.

Ademais, en máis de medio cento de concellos, sobre todo na franxa atlántica, están vixentes limitacións de mobilidade por mor da transmisión do virus. Porén, estas restricións levantáronse desde a pasada medianoite ata o vindeiro 1 de xaneiro ás 23 horas, o que incrementará a mobilidade e, deste xeito, os encontros familiares e sociais propios destas datas.

Esta é a situación en cada municipio segundo os datos que achega a Xunta de Galicia:

Segundo os datos que achega a Xunta de Galicia nas ordes do DOG, a incidencia é especialmente elevada en municipios como Xove (1069,4), Barro (815,2), Carral (530,6), Outes (525,3) ou Porto do Son (479,8), que en poucos días experimentaron un rápido aumento de casos.

Do mesmo xeito, comarcas como Xallas, Terra de Soneira, A Barcala ou Barbanza, nas que están vixentes restricións de mobilidade, amosan as maiores incidencias. E por outra banda, os municipios das áreas da montaña de Lugo e Ourense mantéñense en boa parte sen casos nos últimos 14 días.

Nas cidades, ningunha delas supera a incidencia de 250. Santiago é a que está nunha situación máis desfavorable (~220), mentres que Lugo, onde se levantaron as restricións de mobilidade esta semana, está por baixo dos 85 casos. Vigo (169) e Pontevedra (157) superan tamén a incidencia de 150, mentres que A Coruña e Ferrol e Ourense sitúanse nos últimos días entre os 130 e os 140.

O número de casos activos, despois de acadar máximos a comezos de novembro e experimentar despois unha baixada notable, parece estancarse desde hai dúas semanas.


Nos hospitais, a tendencia é semellante, aínda que o descenso parece continuar desde o cumio de ingresos acadado a mediados de novembro. Se naquel momento había máis de 600 persoas ingresadas en Galicia con Covid-19, desde hai días mantéñense por baixo das 350.

As restricións

Este luns, despois da reunión do comité clínico na que tamén se acordou o plan para Fin de Ano e Aninovo, Sanidade avanzou que varios concellos entraban dentro dos niveis de restricións que conlevan os peches perimetrais.

 

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204