A ciencia galega achega ferramentas para anticipar o risco de alzhéimer

Unha investigación liderada pola USC identifica biomarcadores en plasma capaces de anticipar a presenza da enfermidade en etapas presintomáticas

Os recentes avances na análise de sangue periférica permitiron cuantificar con precisión os biomarcadores da enfermidade de Alzhéimer nas fases iniciais do seu desenvolvemento, de forma económica, non invasiva e segura. Agora, o equipo investigador do Instituto de Psicoloxía da USC e do IDIS presenta novos resultados sobre a capacidade destes marcadores en plasma, obtido a partir de mostras de sangue, para diferenciar etapas do proceso patolóxico.

O obxectivo principal do estudo foi contribuír á caracterización clínico-biolóxica das fases iniciais do deterioro cognitivo combinando a medición de biomarcadores sanguíneos con análises de neuroestruturas da enfermidade en grupos de persoas participantes clasificadas segundo o seu fenotipo clínico-cognitivo.

Dos seis biomarcadores de proteínas alteradas analizados, o p-tau217 e o p-tau181, nesta orde, mostraron unha elevada capacidade de asociación. Por iso, confírmanse como “os mellores candidatos para dispoñer en breve de biomarcadores en plasma capaces de identificar o risco de padecer a enfermidade nun período que pode chegar aos 10-15 anos antes de se desenvolver”, explica o profesor Arturo X. Pereiro.

Publicidade

Trátase do primeiro estudo en España que emprega este tipo de marcadores en persoas maiores en etapas presintomáticas da enfermidade, é dicir, cando aínda non cumpren os criterios diagnósticos dunha demencia. Isto difire dos traballos publicados polo Hospital del Mar Research Institute e do Barcelonaβeta Brain Research Center (BBRC), vinculado á Fundación Pasqual Maragall, que incluían a persoas xa diagnosticadas con demencia.

Un estudo lonxitudinal

O traballo realizouse con participantes galegos dentro do Compostela Aging study (CompAS), un estudo lonxitudinal que xa analizou tres cohortes con seguimentos de entre 5 e 7 anos cada unha. A investigación, liderada por Arturo X. Pereiro, Montse Zurrón, Fernando Díaz e Cristina Lojo, do grupo de investigación en Neurociencia Cognitiva e Psicoxerontoloxía do Instituto de Psicoloxía da USC, conta coa colaboración de grupos da USC, do CIMUS, e do IDIS.

Publicidade

Segundo explica Pereiro: “O noso estudo achega valor adicional aos resultados informados nese primeiro traballo porque analiza as asociacións deses marcadores con probas de neuroimaxe e síntomas clínicos en etapas máis temperás, presintomáticas e prodrómicas, en persoas potencialmente en risco de padecer a enfermidade no futuro”.

A investigación, titulada ‘Biomarcadores plasmáticos e neuroestruturais na caracterización clínico-biolóxica das primeiras etapas do continuo da enfermidade de Alzhéimer: achados do Compostela Aging Study‘ (Plasma and neurostructural biomarkers in the clinical-biologica characterization of early stages of the Alzheimer’s disease continuum: findings from the Compostela Aging Study) conta con financiamento do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e da Axencia Galega de Innovación. O estudo foi xa aceptado para publicarse na revista científica The Journal of Prevention of Alzheimer’s Disease.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Péptidos para transportar medicamentos xenéticos: a aposta de TraffikGene

A empresa nada na USC, gañadora GCiencia Galicia Spin-Off como Idea Emerxente, desenvolve unha plataforma para conducir ADN e ARN ao interior das células

Radiografía do consumo de alimentos ultraprocesados na infancia: “Estase a perder a dieta atlántica”

Unha investigación con participación galega relaciona este tipo de comida con sobrepreso e obesidade, resistencia á insulina e dislipemias en idades preescolares

A historia de Sancha e do crego Vivian: vivir á marxe do matrimonio no Lugo do século XIII

Un estudo da USC analiza dous textos do mosteiro de Oseira nos que aparece por primeira vez na documentación galega a palabra "concubina" dunha forma non represiva

Que hai detrás dunha axuda Marie Curie? Catro investigadores contan como conseguiron a súa

Atopar un grupo receptor complementario, construír un proxecto sólido e contar con apoio institucional son algunhas das claves que destacan os beneficiarios das bolsas europeas no CiQUS