O furacán Gabrielle avanza cara a Galicia: esta é a súa posible evolución

Algúns dos máis de 50 escenarios meteorolóxicos prevén o seu impacto na costa galega en forma de borrasca

En setembro alcánzase o momento máis activo da tempada de furacáns no Atlántico. Aínda que esta tempada se estende de xuño a novembro, o que ocorre agora é que as augas do océano están especialmente cálidas, o que favorece a formación de tormentas tropicais e furacáns. Un destes sistemas é o furacán Gabrielle, que xa se atopa activo. O doutor en física e investigador da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) en ciclóns e tormentas convectivas, Juan Jesús González Alemán, advirte a través do seu perfil en X sobre a aproximación deste sistema ás costas de Galicia, indicando que nos próximos días ascenderá cara ao norte, achegándose á península ibérica.

O experto sinala que, ao entrar en augas máis frías como as do Atlántico norte, Gabrielle é moi probable que perda as súas características tropicais e se transforme nunha borrasca extratropical intensa, proceso coñecido como transición extratropical. Se isto ocorre fronte ás costas da península, o centro da borrasca podería quedar próximo a Galicia ou Portugal, provocando ventos fortes, chuvias abundantes e un mar moi axitado, condicións propias do outono galego.

Publicidade

Con todo, González Alemán tamén apunta que os modelos meteorolóxicos presentan diversos escenarios, con ata 50 opcións diferentes a seis días vista, polo que aínda existe incerteza tanto na súa traxectoria como na intensidade coas que poderá afectar a Galicia. Segundo o Centro Nacional de Furacáns dos Estados Unidos, Gabrielle manterase como furacán ata o mércores camiño das Azores, alcanzando o arquipélago o xoves xa como tormenta tropical.

Reducidas posibilidades de impacto directo en Galicia

David Domínguez, administrador do perfil @Redmeteo en redes sociais, explica en X que no mapa que acompaña a súa publicación cada liña representa unha posible traxectoria que Gabrielle pode seguir. Por agora, as opcións son moi variadas: algunhas rutas poden levar ao sur de Galicia, ao norte de Portugal ou mesmo á costa da Morte. Noutras proxeccións, Gabrielle podería chegar ata Islandia.

Publicidade

Neste contexto, Mario Picazo, en Eltiempo.es, sinala que se espera un descenso importante das temperaturas, que podería acentuarse cara ao fin de semana coa chegada dos restos do furacán Gabrielle a terras galegas.

Mais Domínguez advirte que non hai que caer na preocupación: “En forma de borrasca, non de tormenta tropical nin furacán, non alarmemos”. A súa intensidade final aínda está por determinar. Esta poderá chegar con forza notable ou simplemente como unha borrasca máis que afecte a Galicia.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cen anos d’O Mariscal, a obra teatral que pintou a Pardo de Cela como símbolo das liberdades galegas

A Real Academia Galega celebrará un acto conmemorativo de entrada libre o xoves 15 ás 16:30 horas no Museo de Ramón Cabanillas, en Cambados

Galicia avalía a realidade virtual como alternativa para tratar as fobias específicas

Un informe de Avalia-t analiza a súa eficacia fronte a outros modos de terapia de exposición, o tratamento recomendado polas Guías de Práctica Clínica

Dun rosco de palabras a localizar o teu concello: coñece a nova plataforma de pasatempos en galego

A páxina web Ludogal ofrece catro xogos en liña gratuítos de vocabulario e xeografía para promover o uso do galego

Do Café Moderno de Pontevedra aos ‘Seis poemas galegos’: esta é a Galicia de Lorca

O poeta granadino visitou dúas veces a cidade, mantivo vínculos con destacados intelectuais e deixou unha fonda pegada na cultura, a paisaxe e a lingua