A DINA (Depresión Illada en Niveis Altos) a beiras do Mediterráneo converteuse no fenómeno meteorolóxico “máis perigoso” do país, con efectos comparables aos furacáns tropicais, segundo o experto en climatoloxía e expresidente da Asociación de Xeógrafos Españois (AGE) Jorge Olcina.
En declaracións a EFE, Olcina explicou que estes fenómenos conlevan máis contía e intensidade das precipitacións que un furacán do Caribe ou un tifón asiático, aínda que tamén menos vento.
Segundo a información recibida dos distintos corpos e forzas de seguridade e emerxencias, facilitada polo Goberno valenciano, novas tormentas sacudirán un día máis o país, agravando o desastre das inundacións e desbordamentos de ríos das últimas horas por choivas torrenciais: o impacto é especialmente importante na Comunidade Valenciana, por mor da peor DINA do século, que deixou de forma provisional unha cifra de vítimas mortais que ascende ás 62 persoas.
Para Olcina, os valores das últimas horas na provincia de Valencia, onde se recolleron arredor dos 500 litros por metros cadrado en tan só seis horas, supoñen “algo monumental” que se explica pola alta temperatura do Mediterráneo, xa que “transfire moita enerxía aos sistemas nubrados e xera estas tormentas tan enérxicas que provocan que a auga caia en tromba”.
O mar, a 23 graos
O tamén responsable do Laboratorio de Climatoloxía da Universidade de Alacante (UA) engadiu que a temperatura do Mediterráneo á altura do sueste peninsular sitúase xa arredor dos 23 e 24 graos, “cando por encima de 20 xa é perigoso”.
“Esa temperatura achega moita caloría ao aire e no ceo xera estas nubes tan enérxicas” que propician estes episodios de choivas cando coinciden cunha situación atmosférica de DINA.
Tras subliñar que se trata doutra “evidencia máis” do proceso do cambio climático, o experto destacou que un dato relevante é que se ata hai pouco repetíase unha situación así cada 15 anos, agora faio cada cinco, e lembrou que o último episodio similar ocorreu en setembro de 2019 con epicentro no sur da Comunidade Valenciana, na comarca alacantina da Vega Baja, onde xa houbo varias vítimas mortais e cuantiosos danos materiais.
“Os períodos de retorno acurtáronse debido ao aumento da temperatura no mar Mediterráneo, impulsado por un proceso descontrolado de cambio climático e as emisións de CO₂ á atmosfera, que en 2023 marcaron un novo récord mundial”, explica Olcina.
Outra reflexión do experto foi que cando a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) fala dun aviso vermello e, como consecuencia, Protección Civil emite unha alerta da mesma cor, tal e como ocorreu na noite do luns ao martes no caso de Valencia, “non se pode saír de casa”.
Mudar a alerta e o aviso de vermello a negro
“Xa o vimos na DINA da Vega Baja de 2019 e agora de novo. mais a xente quere seguir facendo a súa vida habitual”, lamenta, e sinala que habería que facer “unha reflexión e mesmo mudar as cores para pasar a poñer un aviso e alerta de cor negra que faga entender que se pon en risco a vida”.
O experto propón que se traballe máis nunha educación para o risco entre a poboación para incidir en que cando se dá un aviso vermello é porque hai un argumento científico detrás e as persoas “xóganse moito”.
En cando ao sistema de aviso de alerta aos teléfonos móbiles particulares, un proxecto que se está implantando en toda Europa, Olcina sinalou que España leva un ritmo máis lento que noutros países, algo que debería cambiar especialmente nas zonas de risco como as mediterráneas: “Dende o luns a poboación debería recibir un aviso no seu móbil”, engade.
Fonte: EFE
Dereitos: Creative Commons.














