A innovadora técnica dun equipo galego para detectar ineficiencias nas empresas

'InVerbis Analytics', que naceu como un proxecto de investigación da USC, é agora un servizo que permite optimizar as operacións doutras compañías grazas á minería de datos

A dixitalización rodéanos. Vivimos co móbil na man, dependemos de aplicacións para comunicarnos, para pagar as nosas facturas e para o noso lecer. No traballo, tarefas que unha vez foron presenciais ou que requirían de papel e bolígrafo agora fanse por medios informáticos. Para as empresas, esta dixitalización pode supoñer un reto pero, tamén, abre novas posibilidades.

Destas aprovéitase a minería de procesos, unha técnica que analiza os datos recompilados sobre determinados procesos nas organizacións para detectar ineficiencias e engadir melloras. Esta é a proposta da spin-off galega InVerbis Analytics. Nada como proxecto do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago (USC), á súa independencia axudou a Axencia Galega de Innovación (GAIN), que en 2018 recoñeceu a iniciativa como unha das beneficiarias do seu programa IGNICIA Proba de Concepto. Tras dous anos de apoio de GAIN na fase de incubación e preparación para a saída ao mercado, en 2020 lanzouse a spin-off.

Publicidade

Seguindo os procedementos das organizacións

InVerbis defínese na súa páxina web como The value stream mining company, a compañía de minería de fluxos de valor. Estes fluxos serían as secuencias de actividades ou procedementos que se seguen nunha organización para chegar a un resultado final. Mediante a súa plataforma as a service, aplícanse algoritmos avanzados e machine learning para analizar a información destes fluxos, que provén de fontes como os programas ERP ou CRM de xestión de recursos e clientes. O resultado é unha representación visual que permite que se consiga unha imaxe de extremo a extremo de toda a cadea de valor, a través da que detectar procesos a mellorar.

O CEO de InVerbis, Gonzalo Martín, afonda nisto: “A minería de procesos é unha disciplina que está na intersección da ciencia de datos, a minería de datos e a computación en xeral, que o que trata é de ler os logs que deixan os sistemas de xestión corporativa para reconstruír e reproducir a execución real dos fluxos de traballo”. Isto é: cada vez que unha persoa entra nun sistema se loguea, o que xera unha pegada dixital. Esta vai recollendo non só o día e hora na que se produciu este log, senón os pasos que se van dando. Dá igual se se trata de iniciar unha factura ou emitila ou de facer un primeiro recoñecemento a un paciente para logo derivalo.

Publicidade

O sector sanitario, o cliente perfecto

Esta información é, simplificada, a que se analiza mediante a plataforma de InVerbis. A cada caso súmanselle as especificidades que correspondan ás distintas organizacións coas que traballen, como pode ser que conten con varias sucursais ou oficinas: a análise dos fluxos de traballo en cada centro seguramente presente diferenzas que permitan novas comparativas e observacións.

Tampouco a calidade dos datos é sempre a mesma, dado que moitas veces non foron deseñados para ser trazados. Martín exemplifícao co sector sanitario, un dos idóneos cos que traballar: “Non é que non teñan problemas de acceso a datos, pero teñen outras vantaxes”. Habitualmente manexan volumes de datos moi estruturados, defende, porque o persoal médico ten moito sentido de protocolo e do procedemento. Ademais, “adoitan ter, en xeral, moito máis entusiasmo á hora de valorar ferramentas de software de automatización”. Isto non quita que na traxectoria de InVerbis haxa clientes de distintos tipos, desde a industria automobilística a alimentaria ou xestión aeroportuaria.

Predicar no deserto

Desde que GAIN concedese o apoio a InVerbis ata hoxe pasaron seis anos, saída ao mercado en 2020 polo medio. “Levou tempo trasladar o que era a pura investigación da universidade a un modelo que poida funcionar en contornas corporativas esixentes”, explica Martín, “adaptalo ás condicións de mercado”. Con isto refírese a, por exemplo, indagar en como presentar os datos, con que sistemas integrarse ou que volumes de información hai que atender.

No principio todo era predicar no deserto, que se adoita dicir, porque é unha disciplina moi nova”, recapitula. Nos anos pasados desde o lanzamento de InVerbis, a minería de procesos pasou por distintas fases, como se pode comprobar no Hype Cycle de Gartner. Este “ciclo de sobreexpectativas” da consultora é unha gráfica das fases de adopción de ferramentas dixitais emerxentes, que serve como avaliador das circunstancias actuais e, á vez, como anticipo de futuro. O ciclo distingue cinco fases: lanzamento, pico de expectativas sobredimensionadas, abismo da desilusión, rampla de consolidación e meseta de produtividade.

Interese no estranxeiro

Martín lembra como a minería de procesos tivo un hype importante en 2021-22 para caer no abismo nos dous anos seguintes, do que agora considera que xa están a empezar a saír. “Está a notarse no tipo de demandas e de conversacións que temos cando chegamos ás empresas, así como no tipo de problemas que se expoñen”. Ata o de agora, o interese polo seu produto veu máis desde outros territorios. “Tivemos, curiosamente, moita máis atención desde fóra de España que de España”, incide Martín. Refire consultas de países tan variados como Estados Unidos, Alemaña, Francia, Portugal ou Paquistán, algo que tamén relaciona coa propia evolución da tecnoloxía.

Durante eses catro anos, InVerbis conseguiu asegurarse o financiamento de dous fondos, Unirisco e Lugo Transforma, ademais de achegas doutras organizacións e particulares. A propia Gartner distinguiu á compañía cunha mención de honra no seu Cuadrante Máxico de 2023 para ferramentas de minería de procesos. Fitos que avalan un proxecto que naceu como transferencia de investigación universitaria e que conseguiu plena presenza na contorna empresarial.

María Ramos
María Ramos
Xornalista freelance con experiencia en prensa online e radio. Licenciada pola Universidade de Santiago de Compostela e con grao en Comunicación Audiovisual pola Universidade Carlos III de Madrid.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia

O virus da encefalite transmitida por carrachas chega a Galicia: un estudo detecta anticorpos en animais

Un equipo da USC confirma a circulación do patóxeno, considerado unha ameaza de saúde pública pola gravidade dos síntomas neurolóxicos que pode causar

Un proxecto galego producirá mexilla mellorada en criadeiro para combater a falta de semente silvestre

O sector do mexillón galego é responsable de preto da metade da produción que abastece a Unión Europea