Cal é o valor do coñecemento? Difícil prognóstico. Dirémolo doutro xeito. Antes do negocio, estivo a idea. E despois a semente, o complexo camiño burocrático de buscar financiamento e axudas públicas para converter o xermolo dun proxecto innovador nunha realidade rendible que fusione talento, tecnoloxía e a creación de emprego. Un exemplo de todo isto eclosionou en GalChimia, unha compañía de síntese química e referente europeo en fármacos, asentada no municipio de Touro cun cento de empregados.
Para que todo isto fose posible, e para que as universidades e centros de investigación poidan axudar a canalizar todo o potencial dos seus investigadores, está Unirisco Galicia, a primeira sociedade de capital risco vinculada ao ecosistema das universidades galegas, e GalChimia é só un dos moitos e exitosos exemplos dunha lista na que figuran empresas como Inverbis Analytics, XennoTechs, Apprenta, TrasteLab, Situm, OncoStellae, Ancora Mobile, Relacione, Keramat, Nanogap, Neoker, Innolact, Hifas dá Terra ou Balneario de Pambre.
A Deputación da Coruña acaba de reeditar a súa estreita alianza de colaboración coas Universidades da Coruña e Santiago coa firma dun acordo a tres bandas para ampliar a inxección económica que a administración provincial aplica en Unirisco para empuxar decididamente a innovación con base tecnolóxica na Coruña.
Foi este luns na firma dun novo convenio dotado con máis de 400.000 euros que hoxe rubricaron o presidente provincial, Valentín González Formoso e os reitores das universidades da Coruña e Santiago, Julio Abalde e Antonio López Díaz, xa que ambas, UDC e USC, son socias fundadoras de Unirisco e copartícipes do seu accionariado.
Catrocentos mil euros é o importe que a Deputación coruñesa achega este 2023 na ampliación do capital de Unirisco Galicia, na que integran como socios algunhas das grandes firmas empresariais de Galicia entre as que se contan, como non, Inditex, Hijos de Rivera, Abanca, Gadisa, Grupo San José, Pescamar, R, xunto a Zona Franca de Vigo e a Universidade de Vigo.
O nacemento de máis de 30 novas empresas
En 20 anos de existencia, Unirisco —explican desde a sociedade que ten a súa base nodriza no edificio Emprendia do Campus VIDA da USC— axudou a nacer a preto de 40 novas empresas “para un impacto positivo en Galicia e na nosa contorna”. A súa aposta é sempre por proxectos innovadores e sostibles de base tecnolóxica que transformen o coñecemento amasado a lume lento nas universidades galegas nun proxecto empresarial exitoso cunha ferramenta que opera en dúas direccións: a inxección do capital e o acompañamento estratéxico.
“É a clave”, destacou hoxe o presidente provincial, Valentín G. Formoso, absolutamente convencido de que é crucial apoiar e empurrar a transferencia de coñecemento entre a universidade e a empresa mediante Unirisco. “É unha aposta pola nosa xente, pola xente nova, e a ferramenta para darlle pulo a novos proxectos empresariais que contribúan ao desenvolvemento económico de Galicia e nos axúden a reter o talento”.
Pola súa banda, o reitor compostelán sinalou, como o mellor exemplo “da fórmula do éxito” de Unirisco, precisamente, a necesidade de ampliar o seu capital mentres que Julio Abalde, o seu homólogo na UDC, fixo fincapé na natureza pioneira do proxecto xa que Unirisco “foi a primeira empresa de capital risco universitaria do Estado na que traballamos xuntos polo futuro da nosa sociedade”.
Que fai Unirisco?
É a ponte necesaria para a transferencia do coñecemento universitario e dos seus centros de investigación asociados ao mundo empresarial,. Achega o financiamento, participa do seu capital e concede préstamos vantaxosos a proxectos emprendedores baseados en ciencia e tecnoloxía.
A ampliación rubricada hoxe con fondos provinciais, —preto de medio millón de euros— é “unha boa oportunidade”, coinciden as partes, para propulsar empresas incipientes e sectores estratéxicos da Coruña como biomedicina, biotecnoloxía, farmacoloxía, tecnoloxías da información (TIC) pero tamén, en igual medida, industrias de sector agroalimentario, industria 4.0, economía circular ou novas formas de enerxía sostibles.
Tomemos agora como exemplo algúns dos exemplos de éxito empresarial nados baixo o paraugas de Unirisco. GalChimia, por exemplo, obtivo o premio PEL (Premio provincial da Deputación coruñesa) á mellor iniciativa empresarial en 2021. Radicada nun polígono industrial de Touro, uns 30 quilómetros ao sur de Santiago, emprega de forma directa a máis de 100 persoas e converteuse nun referente europeo na síntese química, apuntan fontes da empresa, que se definen como familiares e de trato directo co cliente. Da paixón pola química para ser a clave para achegar solucións innovadoras na sintetización de compostos que dan paso a novos fármacos, pero tamén achegas á química fina, a nanotecnoloxía, a bioquímica, agroquímicos, materiais, alimentación e biotecnoloxía a través dos seus departamentos de I+D e alianzas tecnolóxicas.
Apprenta Solutions, pola súa banda, é unha compañía emerxente fundada en 2012 que deriva da UDC e enfocada no desenvolvemento de software de alta calidade que permiten un uso extensivo das técnicas de computación de alto rendemento (HPC) mentres que Trastelab, por citar outro exemplo do viveiro de Unirisco, escíndese da USC e céntrase na prestación de servizos de análise sensorial para a industria alimentaria e de bebidas.