A procesionaria (Thaumetopoea pityocampa) é unha eiruga que se despraza en filas de gran lonxitude e que pode ser especialmente prexudicial para os cans —incluso provocándolles a morte—, así como producir reaccións alérxicas nas persoas debidas aos seus pelos urticantes. Dende a Estación Fitopatolóxica de Areero, dependente da Deputación de Pontevedra, confirmaban este luns a GCiencia que aínda non se produciu ningunha alerta sobre as primeiras procesións de enterramento da procesionaria. Porén, varios lectores deste xornal fixéronnos chegar vídeos desta eiruga procesionando por varios puntos de Galicia, dende A Estrada ata Ourense.
Neste vídeo, gravado por Cristian Seoane, pódese ver a procesionaria nun piñeiral en Pereiro de Aguiar o sábado 4 de febreiro.