Alerta por procesionaria en Galicia: a importancia de non tocar nin achegarse ás eirugas

A Estación de Fitopatolóxica de Areeiro recomenda evitar paseos por piñeirais e vixiar a crianzas e cans ante a a proliferación do temido insecto

Chegou febreiro, e con el, os primeiros desfiles de enterramento da procesionaria do piñeiro. A Estación Fitopatolóxica de Areeiro xa deu aviso do avistamento desta eiruga Thaumetopoea pityocampa nunha das súas fincas, e alerta de que comeza a tempada na que hai que extremar as precaucións nos paseos por zonas de piñeiros e cedros.

A eiruga da procesionaria empeza a ser perigosa no terceiro estado do seu desenvolvemento porque é cando lle saen uns pelos urticantes que, en contacto coas persoas e animais de compañía, poden causar irritacións na pel e nos ollos, moito picor, rinite ou outros problemas máis graves. Por iso, é importante ter coidado a título persoal e extremar a vixilancia das crianzas e dos cans, posto que a súa curiosidade e descoñecemento do risco pode provocar máis dun susto.

Publicidade

A procesionaria do pino (Thaumetopoea pityocampa)

O nome que recibe este insecto ven motivado pola súa forma de desprazarse, cando como eiruga, abandona as árbores despois da fase larvaria e se dirixe baixo terra para formar o seu casulo na etapa de crisálide. Móvense en fila, formando ringleiras ordenadas que se coñecen como procesións de enterramento. O ciclo de vida da procesionaria do piñeiro é de tipo holometábolo, é dicir, que experimenta unha metamorfose completa que fai que as larvas non se parezan en nada ao insecto adulto, que ven a ser unha bolboreta nocturna tamén coñecida como avelaíña.

https://twitter.com/depo_es/status/1488535110957817861?s=20&t=86dAWF_9fnPwqVV7ZPC4Hg

Publicidade

A posta é moi característica xa que forma unha espiral duns 200 ovos ao redor dunha ou dúas acículas –nome que reciben as follas en forma de agulla– na copa dos piñeiros. As larvas pasan por cinco estados larvarios, o que pode levar ata nove meses nas zonas máis frías, ata que chega de novo a etapa reproductora. Segundo explica o xefe de servizo da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Pedro Mansilla, como as condicións climáticas cada ano son máis favorables, os ciclos biolóxicos dos insectos vanse acurtando. Isto afecta tamén á procesionaria, “que baixa das árbores e comeza o seu enterramento antes polas consecuencias do cambio climático”, sinala.

A procesionaria, unha praga?

“A procesionaria aínda que periodicamente nos pode causar danos, non se pode considerar unha praga como tal”, indica Mansilla, e engade que “en Galicia nunca supuxo un problema excesivo”. Agora ben, iso non implica que non haxa que tratala, posto que se non se traballa con ela de forma adecuada, “si que pode chegar a constituir unha problemática grave”.

Pedro Mansilla: “Se non se traballa de forma adecuada, pode chegar a constituir unha problema grave”

Nos bosques, a procesionaria é un desfoliador para os piñeiros, pois as eirugas aliméntanse das acículas e chuchan a resina das árbores, debilitando moitos destes exemplares. Non obstante, na maioría dos casos non constitúen ningún perigo para a masa forestal. A maiores, estes insectos son o alimento de diferentes animais, como avespas, morcegos e aves, concretamente de especies como os páridos ou os cucúlidos.

Como actuar ante a procesionaria

Dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, recordan que é primordial non tocar as eirugas e nin sequera achegarse a elas porque liberan os pelos urticantes cando se sinten ameazadas. O máis recomendable é evitar paseos con crianzas e animais de compañía, especialmente cans, por zonas de piñeiros e cedros, porque ademais as eirugas non son fáciles de ver no solo ao camuflarse coas follas caídas das árbores.

Mansilla recorda que a procesionaria se controla dende os concellos usando produtos fitosanitarios de baixo impacto para o medio ambiente, normalmente nos estados larvarios do insecto e cando este emerxe. Tamén na Xunta se mantén un programa de control da Thaumetopoea pityocampa nos montes de xestión pública, a través da aplicación de produtos fitosanitarios e técnicas de trampeo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Aos seis anos, a presión cultural xa fai efecto e as nenas deixan de verse capaces de calquera cousa”

A enxeñeira Soledad Torres Guijarro participou xunto á bióloga Iria Gómez Touriño e á enfermeira Ainara Díaz Geada na última sesión de Ciencia en feminino
01:04:45

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Obstáculos da carreira investigadora

A enxeñeira Soledad Torres, a bióloga Iria Gómez Touriño e a enfermeira Ainara Díaz Geada participan na última sesión do ciclo de GCiencia e da Deputación de Pontevedra

Elena Vázquez Abal: “Debemos crear referentes científicas actuais para as novas xeracións”

A matemática galega lidera iniciativas internacionais e impulsa a igualdade nas ciencias dende a súa experiencia académica e persoal
00:37:33

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Entrevista con Elena Vázquez Abal

A matemática recibiu o Premio de Divulgación Científica 2024 por unanimidade pola súa carreira investigadora e docente