Xoves 28 Marzo 2024

Como sacarlle unha foto ao James Webb desde Forcarei

O astrónomo afeccionado Hugo González conseguiu capturar a traxectoria do telescopio orbital desde o Observatorio Astronómico de Forcarei

Cada vez máis preto do seu destino final, actualmente o telescopio James Webb atópase a 1,4 millóns de quilómetros de nós. Mais a distancia non impediu que, desde o Observatorio Astronómico de Forcarei (OAF), se puidesen conseguir dúas fotografías que ilustran a súa órbita. As imaxes levan a sinatura de Hugo González, habitual do observatorio que depende da Fundación Ceo, Ciencia e Cultura (FC3), que viña facendo un seguemento do percorrido do telescopio orbital.

Tras consultar as posibilidades da traxectoria do James Webb, o astrónomo afeccionado decidiu intentar capturar o seu paso sobre o ceo de Forcarei. E conseguiuno! “O mérito non é tanto a foto en si, porque non deixa de ser un puntiño tenue. O salientable é que entre eses puntiños que hai aí, que son estrelas, un deles fose o telescopio“, explica Enrique Otero, presidente da FC3. “É unha curiosidade. Quizais máis para adiante se poidan sacar fotos con máis exposición, que se poden tratar máis e incluso poden saír mellor. Pero o bo é que está é unha foto relativamente temperá“.

Publicidade

Lanzado o pasado 25 de decembro, estímase que o James Webb poida comezar a capturar fotografías en xuño deste ano. O observatorio máis potente da historia é un proxecto ambicioso, nado da man da NASA, da Axencia Espacial Europea (ESA) e da Axencia Espacial Canadense (CSA), e con pretensións revolucionarias: explorar o universo, coñecer as galaxias máis temperás e comprender as nosas orixes.

A ténica da astrofotografía

“Moita xente se sorprende, porque ten a idea de que mirar por un telescopio é chegar alí e poñer un ollo nun ocular, como se fosen uns prismáticos. O noso telescopio ten acoplada unha cámara CCD, que é a encargada de tomar as imaxes”, di Benigno González, colaborador do Observatorio Astronómico de Forcarei. Este modelo SBIG STL-11000 M conta cun chip KAI-11002 M, formado por unha matriz de 4008 x 2672 píxeles cadrados (de 9 micras de lado).

Xunto á complexidade deste telescopio semiprofesional, a propia toma de imaxes tamén é un proceso bastante elaborado: “Non é tomar unha foto como facemos cunha cámara normal ou cun teléfono móbil. Normalmente, son tomas de longa exposición, moitas tomas. Ás veces, obter unha imaxe dun obxecto lonxano, como pode ser unha nebulosa, pode levar 3 ou 4 horas de traballo“, engade.

Con todo, no caso da imaxe de González, o telescopio estivo só durante dous minutos coa cámara aberta, seguindo o ceo en sincronía coa rotación da Terra. “Por iso nas dúas fotos se ven as mesmas estrelas, que non se moven. O que se aprecia é que o telescopio se moveu”, explica Otero. “A diferenza é que, a ollo descuberto, calquera de nós podemos estar media hora vendo algo, que sempre imos ver o mesmo. O mérito do CCD é, que canto máis tempo estea a cámara aberta recibindo luz tenue, mellor, porque é capaz de facer unha imaxe máis tratable”.

O Observatorio de As Casetas

Situado sobre un outeiro de algo máis de 10.000 m2, o Observatorio Astronómico de Forcarei atópase no corazón de Galicia, a 3 km do núcleo urbano de Forcarei. O telescopio que alí teñen é un Ritchey Cretien Optical System (RCOS) de moi alta calidade, de 60 cm de diámetro, 1.3 m de lonxitude e un peso de 68 kg. Conta cun espello primario, parabólico, de 51 cm de diámetro, e unha lonxitude focal de 4115 mm. A focal do telescopio, xunto co gran tamaño do seu sensor (semellante ao dun filme fotográfico de 24 x 36 mm), permite que se capture un campo de visión igual a 30.5′ x 20.3′, cunha resolución teórica de 0.46″/píxel.

Segundo Benigno González, este é “o segundo máis grande de Galicia, aínda que a nivel operativo é o máis grande. Porque hai un en Santiago, que está no campus, no Observatorio Ramón Mª Aller. Pero claro, está no no medio da cidade”. Pola contra, a zona ten moi baixa contaminación lumínica, por mor da práctica ausencia de industria e grandes núcleos urbanos. Amais, o sistema montañoso máis próximo protéxea da luz das urbes máis próximas.

Desde o ano 2009, o OAF leva a cabo tarefas de investigación, fundamentalmente no estudo de estrelas variables e fotometrí­a CCD. Así mesmo, o Observatorio, que conta co prvilexio de ter descuberto e seguido varias supernovas, conseguiu pasar a formar parte do Minor Planet Center (MPC) da Unión Astronómica Internacional (IAU) colaborando con estudos de Near Earth Objects (NEO Studies).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O James Webb detecta a galaxia ‘morta’ máis antiga coñecida

Un equipo internacional de astrónomos, con participación española, observou que a formación estelar non formaba novas estrelas 700 millóns de anos despois do Big Bang

Seis imaxes que cambiaron a historia da ciencia

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de O ser humano empregou primeiro o debuxo e...

O James Webb celebra o seu primeiro ano de operacións con esta espectacular imaxe

Como regalo do seu aniversario, a NASA e a ESA publica unha fotografía do complexo de nubes Rho Ophiuchu, a 390 anos luz de distancia

Así se ve Urano: decenas de aneis rodean o brillante planeta turquesa

O telescopio James Webb capturou espectaculares imaxes do sétimo planeta do sistema solar, onde se ven os seus aros e as súas lúas