Un test sanguíneo detecta un tipo de cancro de pulmón en fase inicial

O sistema, que usa intelixencia artificial, foi desenvolvido por investigadores chineses e ten unha sensibilidade do 90% e unha especificidade do 92%

Un test que detecte, de forma moi precisa, a formación de tumores en etapas temperás. E máis especificamente, o cancro de pulmón. Isto xa é unha realidade grazas a un equipo liderado por investigadores do Hospital Universitario del Pueblo de Beijing (China), que descubriron nove biomarcadores lipídicos fortemente asociados á aparición de cancro de pulmón de células non pequenas e desenvolveron unha proba para detectalo precozmente. Segundo informan dende a Agencia SINC, o seu desenvolvemento a gran escala permitiría mellorar os métodos de diagnóstico temperá da enfermidade.

Os resultados do estudo acaban de publicarse en Science Translational Medicine. A efectividade do test, denominado “Detector por Inteligencia Artificial do Cancro de Pulmón (LCAID)” foi probada en mostras de plasma de 1.036 persoas dun hospital de Beijing, acadando unha sensibilidade do 90% e unha especificidade do 92%. Máis en detalle, a maioría das deteccións de cancro que usaron este método foi en persoas non fumadoras con tumores en estadio 1.

Publicidade

A importancia do diagnóstico precoz

“Desenvolver un método eficaz para detectar o cancro de pulmón na súa fase inicial e examinar os grupos de risco é un importante reto clínico”, di Yuxin Yin, coautora do estudo, en declaracións á Agencia SINC. Continúa explicando que “aínda que se desenvolveran varias probas baseadas en sangue para axudar a clasificar o cancro de pulmón, aínda hai unha escaseza de métodos e biomarcadores non invasivos e fiables para a detección deste tipo de cancro en fase temperá”.

“Con todo, —advirte Yuxin— a aplicación da tomografía computarizada [outro dos métodos empregados] está limitada pola súa elevada taxa de falsos positivos, a exposición á radiación, e o seu alto custo. Ademais, esta técnica ten un baixo valor preditivo, que oscila entre o 4 e o 40%, o que implica que a metade dos suxeitos necesitan exames invasivos posteriores”.

Publicidade

Unha detección precisa

Segundo as explicacións de Yuxin Yin, o test que acaban de desenvolver detecta a expresión de nove marcadores lipídicos de cancro de pulmón en fase inicial no plasma, e combínase con modelos de intelixencia artificial para completar unha “detección precisa e non invasiva do cancro de pulmón nas primeiras etapas da enfermidade”. “A precisión e a alta especificidade de LCAID podería mellorar a detección clínica e o cribado do cancro de pulmón e, en consecuencia, reducir a exposición innecesaria á radiación e aos procedementos diagnósticos invasivos”, indica a investigadora.

O tempo total do procedemento é duns 90 minutos, e pódense procesar ata 24 mostras ao mesmo tempo, o cal supoñería unha ferramenta moi efectiva para estudos a gran escala ou cribado clínico, polo que “a incorporación de LCAID á práctica clínica sería moi útil para complementar a outros métodos de diagnóstico en pacientes en risco de desenvolver cancro de pulmón”, conclúe a experta.


Referencia: Lung cancer scRNA-seq and lipidomics reveal aberrant lipid metabolism for early-stage diagnosis (Publicado en Science Translational Medicine)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha investigación da USC profunda na figura da “adúltera castigada” do Pórtico de Praterías

O profesor José María Anguita Jaén vén de publicar unha extensa análise sobre a imaxe da muller cun cranio no colo que xa é mencionada no ‘Liber Sancti Iacobi’

O Día da Ciencia en Galicia homenaxea a oceanógrafa Aida Fernández Ríos

No acto, organizado pola Real Academia Galega de Ciencias, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco referentes galegos de diferentes áreas de coñecemento

Un proxecto galego mellora a detección da deterioración cognitiva mediante análise de sangue 

Unha investigación do IDIS estuda novos biomarcadores para avanzar cara a unha detección máis temperá e un seguimento personalizado

Novas filtracións na balsa tóxica de Alcoa: cal é o perigo do lodo vermello?

Os compostos da vertedura, que está a 75 metros das casas máis próximas, xorden da elaboración de aluminio, na que un quilo de alúmina produce dous do refugallo