Galicia avanza para contar cos seus propios medicamentos CAR-T nos próximos anos

A finais de ano abrirá un centro de produción en Santiago e un proxecto de investigación traballa para aplicalos en tumores sólidos

A revolución que pode supoñer a aplicación dos medicamentos CAR-T en pacientes oncolóxicos que non responden aos tratamentos convencionais está xa presente en Galicia. Por unha banda, está próxima a apertura dun centro de produción desta terapia en Santiago e, ademais, estanse a desenvolver investigacións que poderían facilitar a creación dunha tecnoloxía novedosa para os medicamentos CAR-T (cunha importante achega da investigación galega) para tratar tumores sólidos. Polo de agora os CAR-T céntranse no tratamento de tumores hematolóxicos pero as súas posibilidades poden chegar máis alá se as investigacións que se están a realizar na actualidade chegan aos seus obxectivos.

Os CAR-T que se están a empregar actualmente en tres hospitais da rede pública galega son producidos por dúas grandes empresas farmacéuticas pero a colaboración que mantén o Sergas co Hospital Clinic de Barcelona tamén permite que algúns pacientes galegos estén a ser tratados co ARI0001 ou o ARI0002. É dicir, CAR-Ts desenvolvidos polo centro sanitario catalán e que xa se está a aplicar en enfermos de linfoma e leucemia linfoblástica ou mieloma múltiple que non responden satisfactoriamente a outro tipo de tratamentos oncolóxicos.

Rocío Mosquera, directora da empresa pública Galaria que desenvolve o proxecto de creación dun Centro de Fabricación de Terapias avanzadas en Santiago, explica que Galaria colabora xunto á Universidade de Santiago (USC) e investigadores de Navarra e Salamanca no proxecto CART-Sol que actualmente se atopa nunha fase de ensaio pre-clínico e ten como obxectivo producir CAR-T que poidan empregarse no tratamento de cancro de mama e posteriormente noutros tipos de tumores sólidos. Se se consegue o obxectivo sería un fito dentro da investigación deste tipo de medicamentos que, polo de agora, se aplican case exclusivamente aos cancros hematolóxicos.

A produción de medicamentos CAR-T en Galicia reducirá o custo destes medicamentos, que actualmente alcanzan os 350.000 euros por paciente

Ademáis, Galaria tamén colabora co propio Hospital Clinic de Barcelona na investigación do ARI0003, outro medicamento CAR-T que estaría no mercado nun prazo de cinco anos e que podería converterse no primer medicamento deste tipo que se produce coa participación da investigación sanitaria galega.

“Unha das vantaxes de producir os CAR-T en Galicia”, explica Mosquera, “é que este tipo de fármacos son moi caros xa que actualmente os tratamentos deste tipo alcanzan un coste de 350.000 euros por paciente e producilos aquí pode facer que o prezo se reduza ata os 90.000 euros. Ademais, se tamén somos capaces de desenvolver aquí outro tipo de tratamentos innovadores, como as terapias xénicas, imos facer máis sostible o sistema sanitario galego. O obxectivo é que todos os pacientes poidan beneficiarse deste tipo de tratamentos”.

Persoal para o novo centro

O Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas, que xa está a ser equipado en Santiago, será o eixe central da investigación nestes novos tratamentos, ademais de producir os CAR-T que poderán empregarse xa en pacientes da rede do Sergas. Ata principios de marzo está aberto o prazo de selección de persoal para o centro que contará inicialmente cun enxeñeiro, un experto en garantía de calidade, dous especialistas en control de terapias e dous técnicos de laboratorio. Actualmente estase a desenvolver o esixente proceso de acreditación do novo centro ante a Axencia Española do Medicamento.

O emprego dos CAR-T xa está a supoñer unha achega moi importante para pacientes que non responden aos tratamentos convencionais e os avances da investigación nos últimos anos están a permitir que o seu emprego vaia estendéndose. Mosquera apunta que no futuro este tipo de terapias tamén poderían aplicarse a enfermedades cardíacas e autoninmunes.

O procedemento dos CAR-T

Os enfermos tratados cos CAR-T autorizados actualmente son ingresados para recoller os seus linfocitos a través dun procedemento chamado aférese. Posteriormente as células dos pacientes envíanse a un laboratorio que a través da enxeñería xenética consegue que as células conten cuns elementos anticancro e, unhas semanas despois da extracción, esas células volven a seren transferidas ao paciente. O procedemento so é aplicable para aqueles enfermos que non responderon a outro tipo de tratamentos.

Mosquera conclúe que Galicia pode empezar a producir o ARI0003 a finais deste ano, “se todo o proceso de acreditación vai ben”, e tamén considera posible que nun prazo de cinco anos poida cumprirse o soño de chegar a contar na comunidade autónoma cun medicamento CAR-T desenvolvido cunha participación destacada dos investigadores galegos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os casos de gripe ascenden en Galicia: “O pico chegará na semana do 20 de xaneiro”

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asegura que o aumento da incidencia xa se nota nas urxencias e nos centros de saúde

Galicia lidera un novo cribado neonatal para identificar máis de 300 enfermidades raras

O programa piloto, no que participan nove comunidades autónomas, permitirá detectar 300 doenzas para as que hai tratamento

Catro de cada dez galegos tomaron tranquilizantes nalgunha ocasión

Un informe do Sergas sobre condutas de risco destapa unha problemática xeneralizada en torno á saúde mental, cunha especial incidencia nas mulleres adultas de entre 45 e 64 anos

Un xuíz advirte ao Sergas de erros reiterados na diagnose de torsión testicular

A Xunta anuncia que revisará os protocolos asistenciais e valora impartir formación específica aos profesionais sanitarios