A plataforma SHARE do Sistema Público de Saúde de Galicia vén funcionando dende hai dous anos con moi bos resultados para facilitar a formación dos 45.000 profesionais do Sergas nunha contorna personalizada, áxil e escalable. Agora o proxecto está a experimentar unha nova etapa ao estenderse o seu uso aos cidadáns, que poderán acceder a contidos recomendados polos profesionais para saber máis sobre as súas enfermidades e afondar no autocoidado, a prevención e os hábitos de vida saudable.
SHARE é una plataforma integral de e-learning adquirida a través dun procedemento de Compra Pública de Innovación e que contou cun investimento dun millón de euros, financiado con fondos europeos.
O director de Xestión do Coñecemento e Talento da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), Mario Mosquera, explica que a idea de estender os contidos da plataforma aos cidadáns ten entre os seus obxectivos prioritarios corresponsabilizalos na xestión da súa saúde.
“Trátase de aproveitar unha ferramenta que xa demostrou a súa eficacia cos profesionais. Xa se realizou un programa piloto realizado dirixido a preto de 30.000 persoas con diabetes, das que máis de 11.000 accederon aos contidos educativos recomendados a través da app de xestión da enfermidade. Isto demostra que o modelo funciona e que existe un alto nivel de interese e participación por parte da cidadanía”, indica Mosquera.
A través da plataforma E-saúde, os cidadáns galegos poderán acceder aos contidos recomendados polos facultativos para coñecer mellor as enfermidades que padecen e entender como deben de realizar os tratamentos prescritos. Así, no caso dos pacientes de diabetes poden recibir, por exemplo, un curso completo sobre a enfermidade, información sobre o control da glucemia, táboas de alimentos recomendados ou exercicios a realizar, entre outros recursos.
Prepararse para probas e tratamentos
Outro dos obxectivos de estender o uso de SHARE aos pacientes é que poidan mellorar a súa preparación ante diagnósticos ou tratamentos, reducindo a súa ansiedade e evitando erros ou repeticións de probas. A plataforma permitirá ofrecerlles vídeos e materiais explicativos sobre como prepararse para unha colonoscopia, por exemplo, ou para unha resonancia magnética. “Este tipo de información anticipada axuda a que o paciente chegue máis tranquilo, mellor preparado e con menos dúbidas, o que supón probas máis eficaces, menos incidencias e un uso máis eficiente dos recursos”, explica Mosquera.
O proceso de elaboración e actualización dos contidos de SHARE deseñouse como un traballo a dous niveis no que participan, por un lado, os profesionais sanitarios e non sanitarios expertos en cada materia e, por outro, o persoal do equipo da Dirección de Xestión do Coñecemento de ACIS que traduce todo ese coñecemento en unidades de información que son elaboradas nun formato multimedia e de fácil comprensión.
Finalmente, os contidos son subidos á plataforma, que dispón de funcionalidades para facilitar aos profesionais —e agora tamén aos cidadáns— de playlist temáticas moi semellantes ás de plataformas tipo Netflix ou Spotify para afondar nos coñecementos que lle interesen a cada un.
Evolución continua
“SHARE naceu con vocación de evolución continua e a empresa galega Netex Learning que xestiona a plataforma garante que se beneficiará de todas as melloras que poidan incorporarse para outros grandes clientes”, indica Mosquera. Por iso a plataforma recibe novas funcionalidades de xeito recorrente aproximadamente cada dous ou tres meses.
Por exemplo, acaban de incorporarse melloras baseadas na intelixencia artificial —aínda pendentes de avaliación interna— entre os que sobresaen os “titores virtuais” que operan dentro da propia plataforma e aprenden directamente dos contidos específicos de SHARE para ofrecer respostas.
Ao investimento inicial dun millón de euros para a posta en marcha da plataforma hai que engadir outros 700.000 euros achegados polo Servizo Galego de Saúde nos dous últimos anos. Ademais das cuestións técnicas, para a posta en marcha do proxecto contouse coas achegas de moitos profesionais do Sergas aos que se suma o traballo específico do persoal da Subdirección Xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información e dos empregados de ACIS.













