Ofrecer aos 40.000 profesionais da sanidade galega a posibilidade de ter acceso a cursos de formación orientados aos seus intereses e ás súas habilidades profesionais é un dos principais obxectivos da nova Plataforma Share que está a desenvolver a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) e que xa está a funcionar en modo piloto. O proxecto finánciase con fondos europeos. A primeiros de 2024 está previsto que os profesionais sanitarios xa teñan acceso a unha morea de cursos de autoformación dos que pouco a pouco se irá enchendo a plataforma.
Segundo explica o director da Área de Xestión do Coñecemento e do Talento de Acis, Mario Mosquera, a plataforma vai supoñer un gran paso adiante para facilitar o acceso personalizado aos cursos de formación ao persoal do Sergas e, ademais, vai significar tamén importantes vantaxes para os pacientes e cidadáns en xeral, xa que poderán ter acceso a cursos de formación que lles serán recomendados ou prescritos polos profesionais sanitarios.
A implantación desta nova ferramenta tecnolóxica permitirá afondar no salto exponencial que xa experimentou a formación de profesionais sanitarios nos últimos anos. En 2018 o total de persoas que asistiron a cursos de formación do Sergas (de xeito presencial ou online) ascendeu a 14.689 mentres que en 2022 a cifra medrou ata os 89.068 e este ano prevese un novo récord de profesionais formados.
A nova plataforma de formación que está a implantar o Sergas permitirá aos profesionais acceder aos cursos de formación a calquera hora do día, procurar os cursos que máis se axustan ás súas necesidades e recibir recomendacións do propio sistema baseándose nos cursos realizados por outros usuarios cun perfil profesional semellante. O funcionamento é moi parecido ao de plataformas de televisión en liña como Netflix e terá en conta os cursos xa vistos polo usuario para ofrecerlle novos contidos de interese. Ademais, outra das vantaxes é que poucos minutos despois de concluír a realización de cada curso, o mérito xa figurará no expediente electrónico do usuario.
Dende o mes de xuño xa hai dous cursos na plataforma para que os profesionais poidan ir vendo como funciona o sistema e nas próximas semanas continuaranse subindo contidos (ata o de agora funcionan na plataforma Moodle) e para principios de ano xa se espera que haxa máis de 30 cursos de autoformación aos que se poida acceder dende Share.
Formación tamén para pacientes
Mario Mosquera apunta que outra das importantes funcionalidades que se poderá acadar con Share é a posibilidade de que os profesionais sanitarios poidan recomendar ou prescribir cursos de formación aos pacientes. “Por exemplo, poden prescribirse exercicios de estiramento para unha patoloxía muscular ou un médico pode recomendar a un paciente que vexa un vídeo sinxelo sobre a hipertensión para coñecer mellor a súa enfermidade. A todo isto poderá accederse dende a plataforma E-Saúde na que o médico colocará a información que deberá ver o paciente”, explica Mosquera.
A plataforma Share estará integrada tanto con E-Saúde como cos sistemas que contén a información sobre a historia clínica dos pacientes, o expediente electrónico do profesional e coa actual plataforma de xestión da formación da ACIS. O proxecto conta con financiamento da Unión Europea por un millón de euros. Despois das primeiras probas satisfactorias do sistema, o gran reto é adaptar os contidos de formación cos que xa conta o Sergas á nova plataforma para que os usuarios poidan dispoñer da maior cantidade de recursos posible.