Se algunha vez te preguntaches cal é a especie arbórea que máis predomina no monte que tes ao lado da casa, a resposta ten fácil solución. Un mapa interactivo desenvolvido polo equipo Linked Forest, vinculado á Universidade de Valladolid, permite explorar as parcelas e as especies de árbores que hai en calquera punto de España. Para iso, os responsables da plataforma enlazaron datos do Terceiro Inventario Nacional e do Mapa Forestal Español, integrando toda a información contida nunha única fonte de datos. A ferramenta, denominada Explorador forestal, permite navegar libremente polo mapa e descubrir que especies arbóreas predominan no lugar que elixa o usuario.
Hai varios modos de usar o visor da Universidade de Valladolid, que utiliza datos de 2011, os últimos facilitados polo Ministerio de Agricultura. Se se quere coñecer a extensión que ocupa unha especie en particular, como o eucalipto ou o carballo, pódese buscar directamente. O mapa ofrecerá unha lenda por cores: canto máis escuro, máis densidade da árbore escollida. Ademais, se se fai zoom co rato do ordenador verase que o mapa se divide en formas xeométricas. Por un lado están as teselas, máis irregulares e amplas, e por outro as parcelas, máis pequenas e representadas con círculos.
O visor tamén ofrece outras opcións de busca: por provincias ou escollendo un lugar en particular. De ser así, rediríxenos directamente ao sitio seleccionado e pódese ver, de novo, a configuración dos montes circundantes a ese punto do mapa, de novo dividido en teselas e parcelas.
Unha análise ao detalle
O Explorador forestal vai ao mínimo detalle. Permite achegarse ao máximo posible a cada un dos recadros nos que se divide o mapa. De feito, se pinchas na tesela que che interese ofrécense datos relativos á superficie, o uso do solo ou as especies predominantes. Para exemplificalo, escolleuse un punto ao azar no mapa, situado na provincia da Coruña. Tal e como se pode comprobar na imaxe que aparece e a continuación a Tesela s5 15 2083 ten unha área de 24,82 hectáreas. O uso predominante do seu solo é o de bosque ou monte arborado, cunha cuberta arbórea do 70%. No que respecta ás especies, ten unha composición do 60% de Pino pinaster, do 20% de Pino radiata e do 10% de Roble pedunculado.
Esta opción das teselas tamén é extrapolable ás parcelas, que ofrecen máis información detallada ao usuario. No caso da 36 0977 A 1, tamén escollida ao azar pero esta vez situada na provincia de Pontevedra, achéganse datos sobre o volume da cortiza, a área basimétrica e incluso as árbores por hectárea. No que respecta a esta parcela en particular, está configurada por 12 eucaliptos, 17 carballos e dous piñeiros. Se un quere obter máis información, pode clicar en cada un dos exemplares catalogados e coñecer os seus datos de diámetro e altura. Por exemplo, un dos carballos desta parcela mide 10,53 metros e un diámetro de 164 milímetros.
Cal é a especie predominante segundo a provincia?
Se se decide facer unha análise máis xenérica, tamén se pode ver que especie predomina en cada unha das provincias. Na Coruña, por exemplo, o 47,2% da súa masa arbórea corresponde ao eucalipto, dado que hai catalogados 93.274.055 millóns de exemplares. A segunda especie máis numerosa na Coruña son os piñeiros, que representan un 34,5% cos seus 67.613.046 exemplares. Están seguidos dos carballos, que configuran o 9,6% da masa árborea con menos de 20 millóns (18.919.159) e finalmente os castiñeiros, con tan só 6.942.553 que representan o 3,5% da provincia.
En Pontevedra, pola contra, a especies máis común é o piñeiro, con 38.010.071 que supoñen o 38,1% da súa masa forestal. Con todo, están seguidos moi de preto dos eucaliptos, que ascenden ao 38% con 37.927.522 exemplares. Os carballos e os castiñeiros representan un número considerablemente máis reducido. En Pontevedra, a superficie de carballos só acada o 16,4% cos seus 16.424.256, mentres que os castiñeiros representan o 1,6% con pouco máis de millón e medio de árbores (1.612.087).
A provincia da Coruña ten a maior superficie de masa arbórea ocupada por eucaliptos, que representan o 47,2% do territorio
Finalmente, en Lugo e Ourense cambian un pouco os parámetros. Na primeira provincia, o piñeiro segue a ser o dominante indiscutible con 93.506.203 exemplares e o 36,7% da súa superficie arborada ocupada por esta especie. Séguenos a unha distancia prudencial os carballos, con 62.021.408, que representan o 24,3%. Os eucaliptos quedan relegados ao terceiro lugar, con 55.075.146 exemplares que configuran o 21,6% da súa superficie. E, finalmente, os castiñeiros, con 14.656.531 árbores que representan o 5,8% de todas as árbores da provincia luguesa.
En Ourense a configuración tamén é distinta. Os piñeiros seguen a ser os máis numerosos, ocupando un 47,4% do espazo arbóreo con 64.334.182 exemplares. A continuación están os carballos, cun 39,5% da superficie e un total de 53.548.469 árbores. Curiosamente, os terceiros son os castiñeiros, en moita menor proporción que os anteriores: os seus 3.645.351 exemplares tan só ocupan o 2,7%. Os eucaliptos quedan relegados á última posición, con tan só o 1,1% do territorio arboreado e 1.450.551 de árbores; unha situación que contrastra frontalmente coas provincias atlánticas.
El titular es engañoso si los datos son históricos de hace más de una década!! Una enormidad si consideramos la velocidad de los cambios. Una mirada, ni siquiera atenta, basta para darse cuenta de que la vegetación distinta a eucaliptos va camino de ser anecdótica. Una tierra yerma, de eucaliptos y ya puestos, eólicos (osea hormigón a raudales) sumado a asentamientos de nuevas factorías allà donde todavía hay agua, en el corazón de Galicia, es la visión descorazonadora de un paisaje hostil a los pobladores pero muy jugoso para quienes obtienen los dividendos, que seguro vivirán contemplando otras realidades más acordes con su ambición ciega.
¿Cuándo se dejará que esta magnífica herramienta abra los ojos?