Dez finalistas participarán na Gran Final do AI Song Contest 2023 que se celebrará na Coruña o sábado 4 de novembro. Foron 35 as candidaturas preseleccionadas entre un centenar de propostas de máis de 20 países. A escolla non foi fácil para o prestixioso xurado de expertos da industria musical e intelixencia artificial. Diferentes estilos, sonoridades e xeitos de co-creación entre artistas e algoritmos representan nesta edición os diversos e creativos camiños da IA.
Sensibilizadas polas incertezas que xiran arredor da IA e co obxectivo de concienciar os equipos e o público sobre a importancia de poñer esta tecnoloxía ao servizo das persoas de maneira ética, responsable e transparente, a organización do certame desenvolveu un novo sistema de avaliación baseado nestes valores, ademais do procedemento habitual, na que analizaron o proceso, a creatividade, a canción e o método seguido por cada equipo.
Co anuncio dos nove clasificados restantes, que se sumarán á Galicia con PAMP! ft Ana Kiro e “Florespiña”, abrirase a votación ao público internacional, quen poderá votar pola súa canción favorita do 15 ao 30 de outubro. Entusiastas da IA, innovadores culturais, mentes curiosas e amantes da música por igual poderán emitir os seus puntos a través da páxina web oficial do AI Song Contest (aisongcontest.com).
“Trátase dunha oportunidade para que o público participe directamente no concurso, escoite estas co-creacións e dea a súa opinión para determinar o premio popular, que é unha novidade na edición deste ano. Os finalistas representan o cumio da creatividade na música creada con IA, e estamos emocionadas por ver que composición cativa os corazóns do planeta”, salienta John Ashley Burgoyne, representante do xurado e un dos directores do AI Song Contest.
Award Show e AI & Creation Day
A emoción que envolve este festival estoupará dentro dun mes en Studio Follow cunha gran gala de premios conducida en inglés, galego e castelán polas presentadoras Neves Rodríguez, Belén Rivero e Ricardo Saaverda, rostros ben coñecidos da pantalla nacional e estatal. Será un espectáculo que combinará actuacións en directo, conexións en remoto cos participantes, festa rachada e o anuncio do vencedor ao máis puro estilo de Eurovisión.

O programa retransmitirase para todo o mundo, con público asistente no recinto, e contará cun vibrante grupo de baile tradicional galego comprometido co país, e a participación do equipo PAMP!, subcampión na competición do ano pasado con “AI-Lalelo”, e o electro-pop de Lontreira, a banda emerxente da que todas falan, cunha actuación con intelixencia artificial especialmente deseñada para a ocasión, seguindo o lema da edición “Walking with AI” (O Camiño da IA).
Antes disto, ese mesmo día terá lugar o AI & Creation Day no CSA da Cidade das TIC, unha conferencia que incluirá ponencias maxistrais e mesas redondas nas que se afondará na forma na que a IA pode contribuír á preservación das culturas minorizadas, as actuais cuestións xurídicas en torno á intelixencia artificial na música e os dereitos de autor, a IA xenerativa e a ética neste eido. O programa académico estará dispoñible a vindeira semana nas canles de AISC.
O xurado contribuirá no congreso con opinións expertas sobre o panorama da IA e o seu impacto nos procesos creativos. A cita achegaralle aos asistentes a oportunidade de relacionarse coas mentes máis destacadas na tecnoloxía, música e ética. As entradas están á venda por 10 euros, e son de balde para estudantes, con opción en liña a 5 euros. Para vivir a experiencia máis eurovisiva, os asistentes poden adquirir o seu pase a partir de 8 euros na plataforma Ticket Hoy. Toda a información sobre o AI Song Contest 2023 pode atoparse na páxina oficial (aisongcontest.com) e as redes sociais (@aisongcontest).














