Ana Kiro ‘revive’ para representar a Galicia na Eurovisión da intelixencia artificial

Un grupo multidisciplinar presenta a delegación galega do festival, que terá lugar o 4 de novembro na Coruña

Un modelo de intelixencia artificial da cantante, presentadora e actriz Ana Kiro representará a Galicia co equipo PAMP! e a canción Florespiña no AI Song Contest, a ‘Eurovisión’ mundial da intelixencia artificial, que se desenvolverá o sábado 4 de novembro na Coruña. O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) encargouse de realizar a xeración de voz, o que implica a recreacion da fala normal e cantada desta artista finada no ano 2010. 

A USC a través do CiTIUS é colaboradora tecnolóxica nesta iniciativa formada por un grupo multidisciplinar de 12 persoas artistas, enxeñeiras, investigadoras e músicas galegas que conseguiu a segunda posición con AI-Lalelo o ano pasado neste festival. O tema Florespiña rende homenaxe á intérprete cunha viaxe musical do pasado ao futuro, incluído unha nova versión dela no metaverso, “co obxectivo de inmortalizar e resignificar o seu legado ás novas xeracións empregando a intelixencia artificial”, apuntan dende o equipo promotor da iniciativa, liderado polo director creativo Joel Cava, responsable da delegación galega e produtor executivo da edición 2023.

Publicidade

A proposta, que conta coa aprobación expresa e o recoñecemento da famila de Ana Kiro, comeza cun recitado da artista que regresa tras trece anos de ausencia polo seu pasamento. “Raíz e modernidade fúndense creando un estilo propio, unindo verbena, música tradicional, trap e electrónica nunha sonoridade nunca antes vista na homenaxeada. O respecto á súa traxectoria e a libre creación artística son as liñas mestras deste traballo que narra a historia dunha muller que ansía ter voz propia nun mundo dominado polos homes, e na que tamén se reivindica o rural”, explican dende o equipo promotor. A obra pódese escoitar nas principais plataformas de música en streaming.

Decena de finalistas

Florespiña competirá directamente contra unha decena de finalistas de todo o mundo na final deste concurso internacional, impulsado inicialmente en 2020 polas radiotelevisións públicas neerlandesas VPRO e NPO coa supervisión da Unión Europea de Radiodifusión e organizado despois pola fundación Stichting AISC. Será un programa de televisión en directo con público asistente en Studio Follow da Grela, onde a cultura galega estará moi presente, e converterá a cidade herculina na capital mundial da música feita con intelixencia artificial. Será tamén unha ocasión para dar visibilidade á futura Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), que nacerá en Galicia como primeiro organismo no seu ámbito do mundo. As entradas da gala están á venda a través da plataforma Ticket Hoy. 

Publicidade

As persoas responsables desta iniciativa pioneira levan por nome PAMP! (Proxecto Ana María Prieto), tributo á primeira muller programadora informática galega. O grupo está formado por Javi Cardama, César Díaz, Fernando Estévez, e Ruben Laso, todos eles do CiTIUS, xunto a Juan Alonso, Camille Hedouin (Mounqup), Sofía Infante, Eva Outeiro, Xandre Outeiro, David Santos e Marta Verde, coordinados por Joel Cava, e “contemplan a intelixencia artificial só como ferramenta colaborativa e complementaria ao traballo musical, nunca substituta das persoas, onde estas son as únicas decisoras e supervisoras do proceso creativo, e sempre seguindo un uso ético, responsable e transparente para promover a lingua e cultura de Galicia”, explican.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha plataforma desenvolvida en Vigo abre novas vías para a rehabilitación da cognición social con IA

O proxecto ET-Plus, impulsado polo IIS Galicia Sur, personaliza o adestramento de habilidades en persoas con patoloxías mentais graves ou adiccións

O centro galego Gradiant deseña un sistema de IA para verificar contidos audiovisuais e prever fraudes

A plataforma, destinada a empresas e medios de comunicación, recibe un premio internacional no eido da ciberseguridade

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Galicia presenta no Parlamento Europeo unha ferramenta pioneira para avaliar o uso do galego na IA

O Proxecto Nós, impulsado pola USC, amosa os resultados iniciais de “Arena Nós”, que analiza como os grandes modelos comprenden, xeran e representan a lingua