AI-LALELO: a canción galega na Eurovisión da intelixencia artificial

Galicia participa por primeira vez no AI Song Contest, un festival europeo dedicado exclusivamente á creación de música por este sistema

Galicia participará coa canción AI-LALELO no AI Song Contest, unha nova edición de Eurovisión adicada únicamente a cancións escritas por intelixencia artificial. A candidatura está formada por un equipo multidisciplinar de seis artistas, enxeñeiros, investigadores e músicos galegos, que teñen o obxectivo de promover a lingua e cultura galega no eido internacional, a través do uso de novas tecnoloxías. A iniciativa está liderada polo xornalista Joel Cava, da axencia creativa compostelá Cecubo Group.

O festival terá lugar o vindeiro 6 de xullo en Liège (Bélxica) e trátase dun proxecto que foi impulsado en 2020 pola radio e televisión pública neerlandesa VPRO, coa supervisión da Unión Europea de Radiodifusión, o organismo encargado do Festival de Eurovisión. Está edición será a primeira que acollerá a participación dunha canción galega no concurso. No caso de superar a semifinal, na que só se conta co voto do xurado, AI-LALELO competiría nunha hipotética final na que podería votar a cidadanía.

Publicidade

En defensa da cultura e da muller galega

AI-LALELO, creada polo equipo galego a través de intelixencia artificial, pretende servir de homenaxe ás mulleres que impulsaron Galicia e a súa tradición, lingua e cultura. O tema mestura a tradición e a modernidade, baseado nas cantigas medievais galegas pero cun toque futurista grazas ao uso da intelixencia artificial na súa composición. Ademais, busca transmitir a responsabilidade da cidadanía para que a identidade galega continúe viva.

A letra da canción, coas voces de Camille Hédouin (Mounqup), Mónica de Nut e Eva e Xandre Outeiro, narra a historia dunha costureira, unha muller galega de finais do século XIX quen, por mor da situación socioeconómica da época, compaxina o seu oficio artesanal con labores domésticos e do campo. O tema explica a situación da muller en distintas estacións do ano, cunha personaxe cada vez máis escura, ata chegar a unha especie de aquelarre de bruxas. Ademais, o equipo recibe o nome de “Ana María Prieto”, unha homenaxe á primeira muller programadora informática galega.

Publicidade

Proceso creativo

A composición da canción pasou por un proceso creativo que durou catro meses, comezando por lograr que a computadora aprendese a falar galego e a compoñer unha copla, a partir dunha achega de 400 cantigas do arquivo dixital Volai-vai. No relativo á letra, a propia máquina xerou os primeiros versos, cunha temática como fío argumental: a costureira nas distintas estacións do ano.

O proceso creativo comezou por lograr que a computadora aprendese a falar galego

A melodía está feita a partir da copla popular A Costureira, a partir da cal o propio ordenador xerou diferentes liñas melódicas con Google Magenta. No relativo á música, graváronse instrumentos e utensilios de labranza, procesados polo sistema DDSP, conseguindo así sons de zanfona, pandeireta, bombo, prato, sacho, tixola e lata de xeito artificial.

Por último, elaborouse o videoclip da canción, tamén con intelixencia artificial, reinterpretando unha escolma de escenas típicas galegas. Co resultado final, o grupo concluíu que a dispoñibilidade dunha ferramenta adestrada en IA podería supoñer un seguro cultural para a música tradicional galega. Ademais descubríronse fortes vínculos históricos entre a musica de raíz conservada nas aldeas e o corpus altomedieval galego-portugués.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla