Dende o inicio da pandemia, a comunidade científica trata de saber que colectivos teñen máis risco de contraer a infección por SARS-CoV-2. Agora, un estudo realizado polos Institutos Nacionais de Saúde (NIH) dos Estados Unidos e publicado na revista Journal of Allergy and Clinical Immunology vén de demostrar que as persoas con alerxias alimentarias teñen a metade de posibilidades de infectarse de coronavirus.
Os resultados da investigación coinciden con outros estudos recentes, como o que descubriu que as doenzas alérxicas, como a asma, poderían ofrecer protección contra os casos graves de covid. De forma semellante, o novo estudo dos NIH descubriu que a asma non está relacionada con maior risco de infección por SARS-CoV-2, malia que se trata dunha afección que afecta o sistema respiratorio.
Segundo apuntan dende ScienceAlert, a demostración de que as alerxias alimentarias se asocian a un menor risco de infección é o resultado máis notable do estudo, no que analizaron a máis de 4.000 persoas. Malia isto, no artigo tamén se demostra que a obesidade e un índice de masa corporal elevado son factores que aumentan o risco de infección. De todas formas, o director do Instituto Nacional de Alerxias e Enfermidades Infecciosas dos Estados Unidos, Anthony Fauci, asegura que se precisan máis estudos.
Cales son os motivos?
De momento, os investigadores non saben por que as alerxias alimentarios semellan facer que as persoas sexan menos vulnerables ao SARS-CoV-2. Entre as posibles explicacións están que a metade dos participantes tiñan diagnosticada unha alerxia alimentaria, asma, eccema ou rinite alérxica. A maiores, fíxoselles unha análise de sangue que revelou anticorpos relacionados con cada unha das súas doenzas alérxicas.
A continuación, os investigadores analizaron a propagación do SARS-CoV-2 nos fogares dos participantes dende maio do 2020 ata febreiro de 2021. As persoas con eccema e asma non mostraron unha vulnerabilidade adicional ao virus, pero tampouco parecían estar máis protexidas. As persoas con alerxias alimentarias, pola súa banda, tiñan un risco un 50% menor de contraer SARS-CoV-2.
Non todas as formas de asma son atópicas (é dicir, moi alérxicas), e estudos anteriores demostraron que só as persoas con asma atópica expresan niveis máis baixos da receptor ACE2 nas vías respiratorias, que é ao que se adhire o SARS-CoV-2. Isto suxire que o virus non ten tantas formas de invadir as células dos pulmóns de quen ten alerxias respiratorias. Algo similar podería estar a ocorrer entre as persoas con alerxias alimentarias, aínda que os autores só se fixaron na infección por SARS-CoV-2, e non na gravidade da mesma.
“Non se sabe se isto tamén ocorre nos individuos alérxicos aos alimentos, pero é tentador especular que a inflamación de tipo 2, unha característica da alerxia aos alimentos, pode reducir os niveis de ACE2 nas vías respiratorias e, por tanto, o risco de infección”, escriben os investigadores. “Apoiando esta posibilidade, atopamos niveis significativamente maiores de atopia xeral entre aqueles con alerxia alimentaria autodeclarada, en relación con aqueles sen alerxia alimentaria, e mesmo con aqueles con asma”, continúan.
Referencia: Risk factors for SARS-CoV-2 infection and transmission in households with asthmatic and allergic children. A prospective surveillance study (Publicado en Journal of Allergy and Clinical Immunology)
*Esta peza foi publicada orixinalmente en ScienceAlert. Podes ler o orixinal na seguinte ligazón.