A marea vermella tóxica de 2018: un fenómeno cada vez máis probable nas Rías Baixas

Un equipo galego publica un estudo para afondar nas condicións que propiciaron un evento "sen precedentes" nas rías de Vigo e Pontevedra

Unha marea vermella na zona de Bouzas, en Vigo. Foto: IEO
Unha marea vermella na zona de Bouzas, en Vigo. Foto: IEO

“Foi un fenómeno excepcional por ser moi vermello, moi visible e moi duradeiro”. Así describe o investigador do Instituto Español de Oceanografía (IEO) Enrique Nogueira a singular marea vermella que afectou as rías de Vigo e Pontevedra en 2018. Agora, o seu equipo vén de publicar un estudo no que analiza o fenómeno e afonda nas condicións ambientais que o propiciaron. Un dos trazos diferenciadores desa marea vermella é que estivo causada por Alexandrium minutum, un dinoflaxelado que produce toxinas paralizantes. E no artigo, os investigadores advirten de que este tipo de proliferacións poderían ser cada vez máis frecuentes e intensas na rexión.

“Normalmente, as mareas vermellas non son nocivas. As especies que xeran toxicidade non producen habitualmente agregacións tan grandes”, explica Nogueira. A marea vermella de 2018 —cualificada no estudo como un evento “sen precedentes” na zona— non só produciu unha forte coloración das augas, tamén durou máis do habitual. Segundo aclara o investigador do IEO este tipo de fenómenos non adoitan durar máis dunha semana. Porén, o evento de 2018 prolongouse durante un mes, entre maio e xullo, chegando a provocar peches na recolección de marisco.

Unha especie habitual nas nosas rías

O organismo que provocou unha marea vermella tan singular non é un descoñecido, senón todo o contrario. “A. minutum está presente nas rías, pero ata o 2018 non se rexistrara un evento tan masivo”, incide o primeiro autor do artigo. É dicir, non se ten constancia dunha proliferación semellante; cunha acumulación tan singular que chega a ser visible, xerando as xa coñecidas como “mareas vermellas”. De todas formas, Nogueira recalca que este fenómeno non é o habitual. A. minutum é unha especie que prefire “zonas confinadas”. Noutras palabras: adoitan aflorar en sitios semipechados, como portos, lagoas e esteiros.

Alexandrium minutum é unha especie presente nas nosas rías, pero nunca se rexistrara un evento tan masivo

“É habitual que a atopes na enseada de Baiona e na ría de Aldán. Máis en rías pequenas dentro de rías máis grandes, ou en baías. É o sitio propicio para estes organismos porque teñen máis facilidade para medrar”, continúa explicando Nogueira. Non obstante, en 2018 A. minutum sobrepasou os seus habituais límites xeográficos. “Pódese dicir que a poboación que provocou a marea de vermella saíu de Baiona, colonizando o resto da ría. É dicir, desborda o seu sitio habitual e atopa outro máis propicio no que medrar ao longo de toda a mariña de Vigo, chegando incluso a Rande”, apunta o investigador do IEO, ao tempo que aclara que o primeiro avistamento foi na praia de Samil.

Cales foron as causas?

Cabe preguntarse, entón, que provocou un fenómeno tan excepcional. Cales foron os factores que desencadearon unha densidade tan alta de A. minutum como para que estes organismos desbordasen a enseada de Baiona e se estendesen por toda a ría de Vigo, chegando incluso á de Pontevedra. A explicación que se recolle no artigo é, a todas luces, multifactorial: “As condicións meteorolóxicas durante ese período, con choivas superiores ao promedio e un incremento posterior da temperatura, unido a un patrón de ventos cambiantes, propiciaron as condicións óptimas para o desenvolvemento desa extensa e masiva proliferación tóxica”.

As condicións meteorolóxicas propiciaron as condicións óptimas para o desenvolvemento da marea vermella

Talvez nesas condicións cambiantes o cambio climático poida desenvover un papel importante. De momento, Nogueira considera “un pouco aventurado” facer ese tipo de afrimacións. “Pode ser que favoreza as mareas vermellas”, ao tempo que insiste en que, de momento, faltan evidencias. De feito, no artigo incídense en que segue a ser difícil avaliar a influencia do cambio climático neste tipo de fenómenos “debido ás interaccións da temperatura con outros factores químicos, físicos e biolóxicos”. Mais, ao mesmo tempo, recóllese: “O escenario actual de quecemento global parece estar, entre outras causas, detrás da expansión xeográfica das floracións de algas nocivas e do aparente aumento na ocorrencia e persistencia”.

Un proxecto de ciencia cidadá

De igual maneira, a investigación liderada dende o IEO de Vigo fai fincapé en que as proliferacións de A. minutum poden ser máis frecuentes e intensas, incluso na súa expansión rexional. Isto podería deberse tanto ás consecuencias derivadas do florecemento de 2018 —debido á formación de perlas de quiste en repouso— como pola probable reaparición do escenario climático que favoreceu unha marea vermella tan singular. De feito, en 2019 e 2020 tamén se produciron acumulacións importantes, pero en ningún caso comparables á de 2018. Segundo indican dende o IEO, os gromos estiveron probablemente relacionados, sobre todo polos quistes que apareceron no sedimento de varias zonas costeiras do sur da ría de Vigo.

Amais disto, Nogueira recoñece que é “moi difícil” predicir os eventos de marea vermella. Co obxectivo de dar un paso máis neste labor, o grupo de investigación de microalgas nocivas do IEO de Vigo acaba de lanzar unha iniciativa baseada na ciencia cidadá. O instituto oceanográfico pon en marcha un sistema de alerta para afondar no coñecemento e na detección das mareas vermellas na rexión. Para iso, poñen á disposición do público un formulario onde informar do fenómeno, coa idea de mellorar o coñecemento sobre a súa frecuencia, distribución xeográfica e as condicións climáticas asociadas. Dende hai semanas, as condicións ambientais son favorables para a aparición de mareas vermellas nas rías. Agora, contribuír a entender estes fenómenos xa é un traballo de todos.


Referencia: HABs in coastal upwelling systems: Insights from an exceptional red tide of the toxigenic dinoflagellate Alexandrium minutum (Publicado en Ecological Indicators)

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.