Un equipo de investigadores do Instituto Español de Oceanografía (IEO) e do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) constatan que a taxa de crecemento da poboación de bacallau (Gadus morhua) en Flemish Cap —unha das zonas nas que faenaba o Villa de Pitanxo— rexistra mínimos históricos nos últimos 30 anos. Así o recollen nun estudo, realizado en colaboración co Centre for Fisheries Ecosystems Research de Canadá, que acaba de ser publicado na revista Frontiers in Marine Science. Na investigación analizan polo miúdo o impacto da pesca e do clima no crecemento de bacallau, unha das especies máis incónicas dos pesqueiros galegos e portugueses.
A zona de Flemish Cap
A rexión onde se estudou a taxa de crecemento deste peixe é a Flemish Cap, un banco situado ao este do Gran Banco de Terranova. Está fóra da zona económica exclusiva (ZEE) canadense e esténdese dende os 120 metros de profundidade ata máis alá dos 4.000. Flemish Cap é unha zona na que faenaba o Villa de Pitanxo, o barco galego naufragado a mediados de febreiro e no que morreron 21 persoas. Ademais, este banco atópase nunha área de converxencia de augas frías e salinidade reducida (corrente de Labrador) e de augas cálidas e máis salinas (corrente do Golfo), outorgando unhas características ambientais moi peculiares á zona.
Dende que a ZEE canadense se estendeu a 200 millas en 1977, a frota española e portuguesa desprazouse do Gran Banco de Terranova ao Flemish Cap. O incremento do esforzo pesqueiro, o illamento desta poboación de bacallau e os cambios no ambiente, levaron ao colapso da poboación deste peixe a principios dos 90. Como resultado destas medidas, en 1999 procedeuse ao peche desta zona, que non se volveu abrir ata 10 anos despois. “Con todo, malia a mellora da poboación de bacallau, o noso artigo demostra que o seu estado aínda non é óptimo”, declara a investigadora do IEO e unha das autoras do estudo, Rosario Domínguez-Petit.
Os factores desencadeantes
Este gran descenso da poboación de bacallau, que rexistra mínimos históricos nos últimos 30 anos, débese a varios factores. “Os nosos resultados suxiren que, se ben a sobreexplotación pesqueira dos anos 80 e 90 e o aumento da temperatura da auga provocaron a caída da taxa de crecemento do bacallau de Flemish Cap antes da moratoria, actualmente é a dispoñibilidade de alimento e o quecemento global os que están detrás desta falta de recuperación”, sinala a investigadora. Amais, incide en que a falta de femias grandes non só supón un descenso da biomasa capturable, senón que reduce o éxito reprodutivo da poboación, comprometendo o seu futuro.
Un traballo “esixente”
Con todo, os investigadores recoñecen que se tratou dun traballo “moi esixente”, incluída a modelaxe matemática. De feito, insisten na importancia de manter programas de recompilación de datos e de coleccións de mostras. “Cando hai unha vertedura de contaminantes hai respostas que son inmediatas e outras detéctanse moitos anos despois. No caso do cambio climático movémonos a escalas de décadas, e é necesario analizar longas series temporais de datos para poder captar as flutuacións”, incide Domínguez-Petit.
Segundo trasladan dende o IEO, o bacallau é un depredador apical da rede trófica demersal de Flemish Cap, polo que calquera alteración na súa poboación provocará un efecto que acabará impactando en todo o ecosistema. Isto xa se demostrou en investigacións anteriores, que demostran que a abundancia de bacallau se relaciona coa abundancia doutras especies, como o camarón.
Referencia: Atlantic cod growth history in Flemish Cap Between 1981 and 2016: the impact of fishing and climate on growth performance (Publicado en Frontiers in Marine Science)