A Coruña acollerá en novembro a Eurovisión das cancións escritas por intelixencia artificial

A cuarta edición do certame tamén celebrará charlas e mesas redondas arredor do debate sobre a propiedade intelectual

AI Song Contest, coñecido como a “Eurovisión” mundial da intelixencia artificial, celebrará a súa edición 2023 na cidade da Coruña o 4 de novembro. A cita deste ano leva por lema Walking With AI (O Camiño da IA), e celebra a diversidade das formas de traballar a intelixencia artificial na música no eido internacional, cos artistas no centro do proceso de composición.

Esta cuarta edición contará cunha cerimonia de inauguración, que se celebrará o venres 3 de novembro á noite, antes do gran día, no CSA da Cidade das TIC, o mesmo recinto que acollerá o congreso AI & Creation Day durante a mañá e tarde do sábado 4 de novembro, cunha programación de charlas e mesas de debate arredor da música xerada con intelixencia artificial e sobre os dereitos de propiedade intelectual.

Publicidade

Expertos na materia tamén achegarán luz sobre as estratexias creativas empregadas polos equipos finalistas, proporcionando información sobre os procesos innovadores que hai detrás das súas composicións xeradas por IA. Ademais, o público presencial e en liña terán a oportunidade de descubrir como se está a traballar en Galicia a intelixencia artificial e, especialmente, como se aproveita a IA para preservar e contribuír á lingua galega.

Despois da xornada divulgativa, os asistentes gozarán da Gran Final en Studio Follow, localizado na Grela, cun programa de televisión en directo para celebrar a música cocreada entre individuos e máquinas, e onde a cultura galega estará moi presente. Rematarase cunha festa posterior no mesmo estudio. A primeira serie de entradas porase á venda a partir deste venres 7 de xullo ás 12.00 horas a través da plataforma Ticket Hoy.

Publicidade

Con este certame, A Coruña convértese na capital mundial da música escrita con intelixencia artificial, aproveitando a acollida da futura AESIA. Así, a organización tamén recoñece o título de anfitrión do equipo PAMP!, subcampión o ano pasado con “AI-Lalelo” e gañador da residencia artística do concurso en Sony CSL París, polo que terá a oportunidade de volver representar a Galicia, clasificada directamente á final.

Aberto o prazo de candidaturas

Dende este martes e ata o 4 de setembro, convídase a artistas, afeccionados da intelixencia artificial e outros perfís vencellados á innovación cultural de todo o mundo a presentar a súa composición cocreada con IA. Deste xeito, os organizadores agardan recibir composicións musicais de todos os xéneros, desenvoltas por equipos compostos por músicos, técnicos e enxeñeiros con axuda da intelixencia artificial.

O público e un xurado de profesionais da IA e da industria musical xulgarán non só a calidade das cancións, tamén a calidade e a innovación na interacción entre artistas e algoritmos. A competición deste ano tamén fai fincapé na responsabilidade dos creadores e a transparencia no uso da intelixencia artificial, polo que premiará os grupos que poidan demostrar principios éticos sólidos con respecto aos datos de adestramento e participación dos artistas.

Todos os detalles e actualizacións sobre o evento poden revisarse na páxina web oficial do AI Song Contest (www.aisongcontest.com) e nas redes sociais (@aisongcontest).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Usar a IA sen entendela: que consecuencias ten para os estudantes?

Aínda que un 'chatbot' responda con confianza isto non garante a súa veracidade. Por Juan José Lorenzo Castiñeiras, Andrea Fernández-Sánchez e Isabel Fernández-Menor

Por que todos os carteis feitos con IA son iguais?

A intelixencia artificial acelera a estandarización visual ao empregarse os mesmos 'prompts' e ferramentas. Por Iria María Santos López

Unha plataforma desenvolvida en Vigo abre novas vías para a rehabilitación da cognición social con IA

O proxecto ET-Plus, impulsado polo IIS Galicia Sur, personaliza o adestramento de habilidades en persoas con patoloxías mentais graves ou adiccións

O centro galego Gradiant deseña un sistema de IA para verificar contidos audiovisuais e prever fraudes

A plataforma, destinada a empresas e medios de comunicación, recibe un premio internacional no eido da ciberseguridade